fbpx
Igrexa de San Vicenzo da Graña, en Ponteceso / Elixio Vieites

Un mosteiro esquencido na Costa da Morte, dos máis antigos de Galicia

Tempo de lectura: 4 min.

Se atendemos ao que nos conta un interesante documento recopilado no mosteiro de Sobrado no século XVII polo que era daquela o Padre Arquiveiro, que ten a data do 7 de maio de 867 e que foi despois publicado no boletín nº 23 do ano 1909 da Real Academia Galega por César Vaamonde Lores, arquiveiro tamén desta academia entre os anos 1907 e 1942, teríase levado a cabo na Costa da Morte, dentro da Comarca de Bergantiños no actual concello de Ponteceso, a fundación dun mosteiro que sería un dos máis antigos de Galicia, do cal hoxe non quedan vestixios.

A contorna da igrexa parroquial de San Vicenzo da Graña, na que vemos na actualidade trazas románicas, sería o lugar onde se asentaría dito mosteiro e do cal aínda hai documentación no ano 1236 por mor dun preito entre Frai Pedro que era mestre deste mosteiro Almerezo, en nome do mosteiro de Sobrado, e Martiño de Boén, por desavinza da herdade de Souto.

Guiándonos polo escrito podemos facernos unha clara idea dos bens que pertencían por esa época altomedieval a un tipo de explotación agrícola e gandeira pertencente a unha familia aristocrática que tería as súas posesións situadas na dita parroquia da Graña, topónimo que fai referencia a existencia dunha “granxa” e descendente do termo “grania” , que denuncia a presencia de antigas explotacións agro-alimentarias medievais, e non co significado que terían hoxe senón cun sentido máis amplo e sofisticado, parecido ao da “villae” tardorromana, e que podemos ver espallado en moitos lugares ao longo do territorio de Galicia onde este tipo de estruturas de produción estaban vinculada directamente.

Detalle da igrexa de San Vicenzo da Graña, en Ponteceso / Elixio Vieites

Detalle da igrexa de San Vicenzo da Graña, en Ponteceso / Elixio Vieites

Rosendo contra Rosendo

Unha anotación a pé de páxina da publicación vemos que se quere identificar a este bispo Rosendo como pertencente a diocese de Mondoñedo “( nota. (2) De Mondoñedo)”. Unhas primeiras comparacións de datas fainos pensar que non pode ser esta doazón feita por, Rosendo Gutiérrez, San Rosendo, bispo de Mondoñedo, como se poden ver en case todas as informacións sobre esta igrexa e desaparecido cenobio. O bispo santo era fillo dos poderosos aristócratas galegos Gutier Menendes e Ildara Eiriz, dona que chegou a ser despois Santa Aldara de Celanova. Foi nado no 907 e finado no 977 e nomeado bispo de Mondoñedo no ano 925, sucedendo ao seu tío Savarico II, morto ao redor do ano 924, segundo podemos informarnos no libro Episcopologio Mindoniense. O feito da creación de Almerezo non parece ter coherencia cando o bispo afirma ao redactar a doazón, “recibilo por ter pertencido a un seu tío Gasisnio” que o repartira entre el e os seus irmáns, e que despois informa “recaió entero en mi porción”.

No remate do documento pódese ver de novo unha data que non debería levar lugar a dúbidas cando escribe. ”Fecha la escriptura de testamento de confirmazón e de doazón, en las nonas de Mayo hera 905 (ano 867). “Reynando en Asturias el Principe Alfonso en el primer año cumplido de su Reynado. En el nombre de dios, yo Rosendo obispo con mi mano firmé esta scriptura de testamento”. Supoñemos que o rei ao que se refire, pola coincidencia coa data, é Alfonso III O Magno (866-910).

E isto escrito aquí con todas as reservas posibles sobre a identificación deste outro bispo Rosendo de Mondoñedo ao que se atribúe, pois a sede Mindoniense foi creada no 866 cando a diocese de Lugo cede uns terreos próximos ao mar Cantábrico para acoller ao bispado de Dumio que tivera que abandonar a súa sé de Braga a causa da conquista musulmá e fixando a súa sé en San Martiño de Mondoñedo (Foz). Debido a proximidade ao mar e ao perigo das incursións normandas e vikingas, foi trasladada ao actual Mondoñedo no ano 1112.

O bispo que mellor coincidiría por ese tempo e se nos acerca a data do documento e Rosendo I, documentado como o segundo bispo da sé Mindoniense, aínda que coas reservas nas datas dos documentos, no ano 871 e ata o ano 907, e onde vemos as súas relacións co rei Afonso III , sobre todo cando este lle fai unhas doazóns no territorio de Viveiro.

Cruz de tipoloxía celta na igrexa de San Vicenzo da Graña, en Ponteceso / Elixio Vieites

Cruz de tipoloxía celta na igrexa de San Vicenzo da Graña, en Ponteceso / Elixio Vieites

Os bens

Contén este escrito unha exhaustiva relación de bens e útiles que se doan a Igrexa para que nesta zona se funde un cenobio, na enumeración dos bens lemos: “ ..conviene a saver Casa, Graneros, Celdas, cocina y molino, con todos los menages de dichas casas, cubas, toneles, herramientas, vasos de vidrio, cobre y madera” (..) y junto con ello las viñas, pumares, tierras cultas e incultas, con todo su entrada y salida, aguas, prados, pastos y lameyros, con todos los plantíos de dicho lugar; dono con todo a vos segun queda dicho” .

Non acaba aquí a relación de posesións, a cal engade todas as terras de Zorero (supoñemos que é o lugar de Cerezo, moi cerca da igrexa de San Vicenzo da Graña) e ademais “ofrezco también para la subsistencia de los hermanos que alli perseveran, y en el dicho lugar vivieren, todas las hiegoas que aora tien amansadas Quiderigo, e igualmente las bacas que al presente tiene en su custodia Goesenda, y las ovejas que también tiene en la villa, con todo lo que en adelante procrearen. Ocho bueies veinte puercos con quenape de Tramisiriga,una alfombra, y tres almoadas una de seda y dos de lana y tambien los libros que aquí expresare, los cuales hare si viviere..

Pero disto habería que facer outro artigo, que non só deixaba bens materiais o caritativo, e case descoñecido bispo, nas terras de bergantiños á que supoñemos sería á diocese de Iria, e que habería que tratar máis polo miúdo.

O documento orixinal pode consultarse nos boletíns da RAG

Bibliografía:

De Verbo a Verbo. Documentos en galego anteriores a 1214. Ana Isabel Boullón Agrelo. Henrique Monteagudo. USC Servizo de Publicacións. Ano 2009

Episcopologio Mindoniense. Enrique Cal Pardo. Cuadernos de Estudios Gallegos,

CSIC . Anexo XXVIII. Ano 2003

http://patrimoniogalego.net/index.php/87738/2016/07/igrexa-de-san-vicenzo-da-grana/

Escrito por

Divulgador

Pode que che interese...