fbpx
VI Asemblea Nacionalista en Monforte de Lemos, en 1922, cos membros das Irmandades da Fala / galipedia

Un roteiro pola Compostela das Irmandades da Fala servirá para recuperar espazos da memoria

Tempo de lectura: < 1 min.

As xornadas “As Irmandades da Fala en Compostela”, que organiza a agrupación cultural O Galo, teñen programado para este sábado 22 de outubro un roteiro guiado polo investigador e vicepresidente da Fundación Castelao, Miguel Anxo Seixas Seoane.

O punto de saída será ás 12:00 horas da rúa do Vilar, número 21 -daquela o Círculo Católico de Obreiros- onde o concelleiro Luís Porteiro Garea, o 28 de maio de 1916, pronuncia o discurso fundacional da Irmandade da Fala de Santiago de Compostela, que relata a situación lingüística, política, económica, social e cultural da Galiza do momento.

Desde este punto, e tal como informan os organizadores, as persoas asistentes farán un percorrido por lugares históricos vinculados á actividade das Irmandades da Fala, tanto para coñecer as vivendas onde habitaron, lugares onde estudaron ou desenvolveron as súas actividades profesionais, políticas e culturais.

Algúns dos emprazamentos de referencia neste itinerario guiado serán a Acibechería, a rúa de Abril Ares, San Clemente, a praza da Universidade e a rúa das Hortas; “todos eles espazos habitados ou onde desenvolveron o seu labor os membros integrantes das Irmandades da Fala”.

Este roteiro, que permitirá achegarse á historia das Irmandades da Fala dende un punto de vista histórico máis humanizado, pretende tamén sinalar “lugares de memoria significativos para o coñecemento da cidade”, en palabras de Seixas. Máis información: irmandadesdafala.wordpress.com

Pode que che interese...