Vista xeral do campamento romano de Aquis Querquennis / Karlos Conde-Panoramio

Unha visita a Aquis Querquennis

Aquis Querquennis é un extenso complexo arqueolóxico formado por un antigo campamento romano, un poboado e unha mansión sitos na beira do que no seu día foi a Vía Nova, unha calzada romana que discorría entre Braga e Astorga.

Antonio Rodríguez Colmenero e o Grupo Arqueolóxico Larouco participan dende 1975 nos traballos de recuperación do conxunto arqueolóxico-paisaxístico articulado arredor do xacemento romano emprazado entre as vilas de Baños e Porto Quintela (Bande, Ourense).

Para continuar cos traballos de recuperación e promoción deste xacemento e da Vía Nova romana constituíuse en 1999 a Fundación Aquae Querquennae-Vía Nova, promovida pola Universidade de Santiago, a Consellaría de Cultura, o Grupo Larouco, o Concello de Bande, Unión Fenosa e a Deputación Provincial de Ourense, e na que forman parte do padroado Antonio Rodríguez Colmenero e Carlos A. Gómez Otero, ambos os dous da USC. Ademais das ruínas, a Fundación conta cun centro para investigadores e o Centro de Interpretación.

O reitor da USC, Juan Viaño, acompañado de Antonio Rodríguez Colmenero visitan Aquis Querquennis / USC

O reitor da USC, Juan Viaño, acompañado de Antonio Rodríguez Colmenero visitan Aquis Querquennis / USC

Visita institucional

Precisamente, para relanzar a importante función desta fundación, o reitor da USC, Juan Viaño Rey, visitou este martes as escavacións arqueolóxicas que xestiona a Fundación Aquae Querquennae na localidade de Portoquintela, no concello ourensán de Bande. A visita guiouna o vicepresidente da Fundación e promotor deste complexo arqueolóxico, Antonio Rodríguez Colmenero, e nela participaron tamén o alcalde de Bande, José Antonio Armada Pérez; a directora do Centro de Estudos de Historia e Cultura da Cidade da USC, Ana Goy, e o secretario da Fundación, Carlos Gómez.

O grupo puido coñecer a zona da escavación para a reconstrución parcial de parte do sector do campamento romano, unha superficie de preto de 1.200 metros cadrados. Os traballos permitirán a posta en valor e o achegamento á sociedade dun importante legado cultural que, como lembrou o reitor, “nos achega aos nosos antepasados nunha ollada necesaria á Historia”.

Para o reitor, o traballo realizado “evidencia a transcendencia da investigación no eido das humanidades e subliña a importancia de outorgar unha interpretación correcta ao pasado e aos distintos elementos a través dos que este se manifesta”. Como se puxo de manifesto na visita, o encontro serviu para definir tamén as vías de colaboración que a USC, a Fundación e a Xunta de Galicia seguirán desenvolvendo no futuro para a conservación e interpretación dos restos do complexo.

Se atopou algún erro nesta noticia, por favor avísenos seleccionando o texto ou palabra en cuestión e presionando Ctrl+Entrar.

Pode que che interese...

Informe de erros

O seguinte texto será enviado aos nosos editores: