Castro da Atalaia, en Cervo, afectado por unha construción ilegal a medio facer / Umberto P. Pool - Mariña Patrimonio

Como é posible que unha construtora pida 4 millóns de euros por destrozar un castro?

O Tribunal Supremo acaba de dictar unha sentenza na que obriga á Xunta a indemnizar a empresa construtora, responsable da destrución en 2007 de parte do castro da Atalaia. Unha actuación na que, ademais, a empresa, Promociones San Ciprián reclamaba máis de 4 millóns de euros pola paralización da urbanización que construía sobre o castro, en Cervo.

Pero, como é posible, que se dea esta situación e que a Xunta teña que indemnizar a esta construtora por danar o patrimonio galego?. Para entendelo,  cómpre lembrar o momento histórico no que tiveron lugar os feitos, un momento no que o boom urbanístico facía correr os cartos “e permitía medrar a corrupción por todas partes”, segundo apunta Mariña Patrimonio.

Coincidindo con este boom urbanístico, Promociones San Ciprián comezou a comprar fincas para edificar na Atalaia, lugar no que se atopa un xacemento arqueolóxico. Por este motivo e co fin de evitar unha desfeita arqueolóxica, este colectivo informou  persoalmente ao promotor sobre a existencia deste ben patrimonial; alén disto, o 29 de setembro de 2005, entregáronse no Servizo de Patrimonio de Lugo uns restos arqueolóxicos atopados no castro da Atalaia ao tempo que se rexistraba un escrito advertindo sobre a compra de terreos para edificar nesta zona, polo que se solicitaba a protección do xacemento.

Por outro lado, como consecuencia das obras que o Concello de Cervo estaba  a realizar na Atalaia para a construción dun observatorio de aves, os arqueólogos do Servizo de Lugo constatan o 9 de agosto de 2006 a existencia na zona dun xacemento galaico-romano.

Castro da Atalaia, en San Cibrao, destrozado por unha urbanización / vieiros

Castro da Atalaia, en San Cibrao, destrozado por unha urbanización / vieiros

Un proceso anómalo

Con todos estes datos, os arqueólogos de Patrimonio de Lugo tiñan que inventariar e protexer este ben patrimonial, o que impediría que o Concello de Cervo concedese as licenzas para edificar sobre o xacemento da Atalaia. Pero o Servizo de Patrimonio de Lugo tardou vinte meses en incluílo no Inventario. Concretamente o castro da Atalaia foi inventariado o 19 de abril de 2007. Curiosamente, a véspera, o 18 de abril de 2007, o Concello de Cervo concedéralle a Promociones San Ciprián a última das licenzas.

Por tanto, dado que o concello  de Cervo sabía da existencia do xacemento e, malia todo, non dubidou en conceder as mencionadas licenzas. Por iso, para Mariña Patrimonio e para Adega, o ex-alcalde José Insua e o seu equipo de goberno son tamén responsables da destrución no castro da Atalaia e de que Patrimonio teña que indemnizar agora ao construtor.

Ademais, a sentenza abre a posibilidade de que o promotor lle reclame ao Concello outra indemnización por ter concedido unhas licenzas para edificar nun lugar no que sabían que existía un xacemento. Esta posible indemnización suporía que todos os veciños de Cervo terían que pagar polas actuacións do ex rexedor de Cervo, José Insua e mais do seu equipo de goberno.

Obras no castro da Atalaia de Cervo /terrarqueos

Obras no castro da Atalaia de Cervo /terrarqueos

Neglixencias

“Porén, cando uns ganan outros perden e, lamentablemente, as neglixencias e mais o desleixo do Servizo de Patrimonio de Lugo, xunto coa actuación irresponsable do concello de Cervo, van provocar inesperados efectos colaterais, dado que os cartos que recibirá  o construtor saen do presuposto que ten Patrimonio para intervir e para protexer sitios arqueolóxicos en toda Galiza”, denuncian Adega e Mariña Patrimonio En consecuencia, esta sentenza non só afectará a moitos xacementos senón que tamén prexudicará as empresas de arqueoloxía, que verán reducida a súa carga de traballo.

Poriso, estas dúas entidaes piden que a Dirección Xeral de Patrimonio actúe depurando as posibles responsabilidades do Servizo de Patrimonio de Lugo. Tamén lle piden á Xunta e mailo Concello a demolición da edificación ilegal xunto coa  expropiación dos terreos que o construtor ten  no xacemento e  a posta en valor dos restos arqueolóxicos xa escavados así como a construción dun museo arqueolóxico na Atalaia.

Se atopou algún erro nesta noticia, por favor avísenos seleccionando o texto ou palabra en cuestión e premendo as teclas Ctrl+Entrar.

Pode que che interese...

Informe de erros

O seguinte texto será enviado aos nosos editores: