fbpx
Mámoa atopada nos picos das mallas, en Outeiro de Rei / Xabier Moure

Desaparecen máis de 70 mámoas en Outeiro de Rei nos últimos 30 anos

Tempo de lectura: 2 min.

A principios dos anos oitenta do pasado século XX, o Concello de Outeiro de Rei contaba con máis de 240 mámoas. Pero no curto período de tempo que vai dende aqueles anos ata o presente desapareceron máis de 70, destruídas, principalmente, polos labores forestais. É a denuncia que fan os investigadores Brais Rodríguez Romero e Xabier Moure que atoparon novos túmulos funerarios e petróglifos neste municipio.

“Os túmulos que quedan, case todos catalogados e polo tanto protexidos, atópanse nun estado de conservación de regular a malo, e a acción incontrolada do home e a desidia das Administracións públicas, que permanentemente incumpren a Lei, van destruír, se non se pon remedio, os que aínda permanecen en pé”, denuncian

Todos os túmulos están sen protexer e sen sinalizar, nin sequera o catalogado como número 1 da necrópole do Cordal de Acevedo, declarado Ben de Interese Cultural (BIC) e que polo tanto goza da máxima protección legal.

Novos achados

Esta mala nova contrasta cos achados feitos por estes dous investigadores que documentaron o pasado 29 de outubro, preto da aldea de Province, na parroquia de Aspai (Outeiro de Rei), a presenza de varios petróglifos formados por un grupo de 15 coviñas cunhas medidas que oscilan entre os tres e dez centímetros de diámetro, unha combinación formada por tres círculos concéntricos e varias figuras con forma de ferradura.

Novo petróglifo atopado en Pena Serrada, en Outeiro de Rei / Xabier Moure

Novo petróglifo atopado en Pena Serrada, en Outeiro de Rei / Xabier Moure

As insculturas están situadas na coñecida como Pena Serrada, nun gran afloramento granítico situado a 532 metros de altitude. Sobre o petróglifo de ferraduras tamén documentaron a lenda de que se trata das pegadas do cabalo de Santiago. As coviñas e os círculos concéntricos poderían datarse na Idade do Bronce e as ferraduras quizais en época medieval.

Con estes, xa son cinco grupos de petroglifos os catalogados no concello de Outeiro de Rei, catro dos cales foron localizados por estes dous investigadores.

Na contorna atópanse, tamén, varios enterramentos megalíticos, adscritos cronoloxicamente ao período Neolítico. De feito, atoparon un que non se atopaba catalogado.

Novo túmulo

Está no coñecido como Pico das Mallas, a 544 metros de altitude, hai unha mámoa duns 14 metros de diámetro e dous de altura. Nun momento indeterminado, posiblemente a raíz da cédula real concedida no século XVII ao fidalgo Vázquez de Orxas para buscar tesouros nas tumbas dos “gentiles galigrecos”, o túmulo foi violado.

Do cráter que fixeron para saquear o enterramento sobresaen tres chantos que formaban parte da cámara funeraria. Pois ben, curiosamente esta mámoa, moi evidente na paisaxe (coroa a parte máis alta do monte), está sen catalogar polo que, como no caso dos petróglifos, tamén llo comunicaron por escrito ao Servizo do Patrimonio Cultural da Xunta de Galicia e ao Concello de Outeiro de Rei.

Pode que che interese...