fbpx
Petróglifos con forma de coviñas atopados na Fonsagrada, a case 1.000 metros de altura / Xabier Moure

Descobren os primeiros petróglifos da Fonsagrada, a case 1.000 metros de altura

Tempo de lectura: 2 min.

O día 13 de novembro de 2016, integrantes do Colectivo Patrimonio dos Ancares documentaron varias penas con petroglifos no concello da Fonsagrada. Foi no Alto de Cerredo, parroquia de Vieiro, nun gran afloramento de pizarra situado a 930 metros de altitude.

Estes son os primeiros petroglifos documentados, non só no municipio, senón en toda a comarca da Fonsagrada. Da mesma época, os únicos vestixios eran uns machados de bronce atopados en Mazaeda (parroquia de San Pedro de Neiro) que están expostos no Museo Comarcal da Fonsagrada.

En total localizaronse catro penas, tres cunha coviña cada unha. O motivo máis interesante, segundo apuntan os integrantes deste colectivo, atópase nunha rocha lixeiramente inclinada e case rente ao chan. Trátase dun grupo de tres cazoletas de sección semiesférica, de clara factura artificial, cunhas medidas aproximadas de cinco centímetros de diámetro e unha profundidade de entre 1,5 e 2 centímetros, unidas entre si por uns sucos.

Probable uso ritual

“Así, vense dúas coviñas que por medio dunhas estreitas canles comunican cunha terceira lixeramente máis grande; unha destas canles semella que foi repicada con algún obxecto metálico posteriormente”, suliñan desde este colectivo. Por iso, din que esta estación podería representar un espazo ritual no que se utilizaría algún tipo de líquido (quizais auga ou sangue) que se depositaría nas coviñas situadas a maior altura e que a través dos sucos desembocaría na que está na parte baixa.

Petróglifo atopado na Fonsagrada, a case 1.000 metros de altitude / Xabier Moure

Petróglifo atopado na Fonsagrada, a case 1.000 metros de altitude / Xabier Moure

Ademais, na mesma pena hai unha pequena cruz pouco marcada de factura moito máis moderna polo que cren que se realizou para cristianizar un lugar “pagano”.

“Só podemos xogar con hipóteses, o seu significado morreu coas persoas que os gravaron”, aclaran. Tal e o resto dos petróglifos galegos, pouco se sabe sobre a función que cumprían; receptáculos para ofrendas, representacións de constelacións, símbolos de carácter sexual feminino, mapas terrestres, sinalización de lugares sagrados, etc.

Hai 4.000 anos

Preto destes petróglifos levantaron unha torreta de alta tensión que danou outras coviñas que dasapareceron ao arrasar o afloramento. “Se tomamos como referencia outros gravados galegos do mesmo tipo, os do Alto de Cerredo poderiamos adscribilos á Idade do Bronce, hai uns 4.000 anos”, engaden desde o colectivo. Os achados xa foron comunicados ao Concello da Fonsagrada e ao Servizo do Patrimonio Cultural da Xunta de Galicia.

Por outra parte, o día 14 de novembro, a Consellería de Culturas comunicou que, despois da visita dos técnicos de Patrimonio, unhas mámoas que localizaron membros deste colectivo o pasado mes de xuño nos montes de Savane, concello de Cervantes, xa foron catalogadas.

Pode que che interese...