Gonzalo Méndez, comisario da exposición Mapas e Cartas de Vigo e de Galicia: séculos XVII ao XX, diante da obra de Domingo Fontán / Duvi
Gonzalo Méndez, comisario da exposición Mapas e Cartas de Vigo e de Galicia: séculos XVII ao XX, diante da obra de Domingo Fontán / Duvi

Domingo Fontán, o redescubridor de Galicia

A xeografía galega non se podería entender sen o traballo que realizou Domingo Fontán Rodríguez no século XIX. Este ilustrado galego, nado en Portas, é coñecido sobre todo por ser o autor do primeiro mapa topográfico e científico de Galicia, a coñecida como Carta Xeométrica de Galicia, que foi, ademais, a primeira carta con triangulación xeodésica realizada en todo o mundo.

Foi en 1817 cando comezou os seus traballos de medición para realizar a Carta Xeométrica de Galicia, labor ao que consagrou dezasete anos da súa vida e polo que é lembrado hoxe en día. En 1834 rematou os traballos da carta, pero non sería ata 1845 cando sería impresa en París. O seu foi o primeiro mapa realizado en España con métodos científicos e medicións matemáticas.

Ademais de xeógrafo, Fontán foi político e empresario e un fervente defensor da abolición do caciquismo. Foi elixido deputado polo Partido Liberal pola provincia de Pontevedra en 1837, ocupando este posto ata 1843, ano no que se retirou. Tamén participou na creación dunha das primeiras fábrica de papel de Galicia, construída en Lousame en 1863  (a primeira foi a da Real fábrica do Faramello a principios do século XVIII impulsada polos xenoveses Bartolomé Piombino e Xacobe Gambino) e traballou tamén no deseño do trazado da primeira liña férrea de Galicia en 1858, que uniu Santiago co Carril.

Domingo Fontán co seu mapa

Domingo Fontán co seu mapa

Peza estrela

Precisamente, a Carta Xeométrica de Galicia que Domingo Fontán e os seus colaboradores levantaron, “con escaseza de medios pero moito empeño”, durante dezasete anos entre 1817 e 1834 é, a xuízo de

“A súa figura é atractiva para todo o que teña interese no século XIX, na política, no desenvolvemento industrial, na cartografía e mesmo na vida universitaria”, apunta no Duvi Gonzalo Méndez, xeógrafo de formación, docente nas facultades de Bioloxía e Ciencias do Mar, e todo un referente nos estudos sobre cartografía.

Méndez é o comisario da exposición ‘Mapas e Cartas de Vigo e de Galicia: séculos XVII ao XX‘, e que pode visitarse na Casa Galega da Cultura ata o vindeiro día 27. Nesta mostra pode verse parte da colección cartográfica da Fundación Penzol, 38 mapas e cartas náuticas sobre Galicia e, máis particularmente, sobre Vigo e a súa ría, un conxunto “extenso e equilibrado” de documentación cartográfica, con atención tanto á temática náutica como á territorial.

E tal e como recoñece o propio Gonzalo Méndez, o mapa de Fontán é unha das pezas clave da mostra, tanto pola importancia do documento en si como do seu autor, “figura de relativo descoñecemento público e quizais o menos coñecido dos residentes no Panteón de Galegos Ilustres”, suliña. E é que para o comisario da mostra, a elaboración da Carta Xeométrica de Galicia supuxo, entre outros, un feito moi relevante na cartografía: a introdución do sistema métrico.

Descrición do Reino de Galizia de Hernando de Ojea (1603) / Duvi

Descrición do Reino de Galizia de Hernando de Ojea (1603) / Duvi

80 pezas dos séculos XVII ao XX

A exposición é un convite a mergullarse de cheo na historia de Galicia, a buscar nos vellos mapas dos séculos XVII ao XX os lugares e territorios que percorremos de xeito habitual e revisitalos coa imaxinación. “O conxunto de documentos cartográficos antigos sobre Galicia é amplo e aínda aberto á aparición de novos exemplares”, explica Gonzalo Méndez. A idea é que a persoa que visite a exposición poida comprobar con tan só un pequeno percorrido como ao longo destes catro séculos a cartografía foi obxecto dunha progresiva transformación, resultado do referido progreso científico-técnico.

A colección recollida na exposición, composta por arredor de 80 pezas, reflicte a obra das distintas escolas cartográficas e dos grandes editores de mapas, desde os máis antigos como o de Hernando de Ojea (1560-1615), primeira representación que se fai en Galicia de maneira independente, ata o século XIX, no que a cartografía galega atopa na obra de Domingo Fontán o seu punto de referencia.

“E xa nos inicios do século XX os traballos da Comisión Hidrográfica a bordo do buque Urania, que tivo sede en Vigo durante as campañas de cartografado do noroeste peninsular levantando cartas náuticas de excelente calidade”, apunta Méndez, que explica que en 1908 se recoñeceu oficialmente a especialidade de Hidrografía na Armada e estableceuse este buque como academia para a súa ensinanza, o que o converteu en escola flotante. Anos despois, en 1916 o Urania volvería a Vigo para o levantamento da enseada de San Simón e a realización do plano dos edificios arrendados pola Mariña na enseada de Ríos en Teis, onde se emprazará co paso do tempo a Estación Naval e finalmente a Escuela de Transmisiones y Electrónica de la Armada (ETEA).

Se atopou algún erro nesta noticia, por favor avísenos seleccionando o texto ou palabra en cuestión e presionando Ctrl+Entrar.

Pode que che interese...

Informe de erros

O seguinte texto será enviado aos nosos editores: