Cemiterio republicano abandonado en Cortiño, Corcoesto, / Asociación Petón do Lobo

A historia dos disidentes católicos das pequenas parroquias galegas

Ismael A. López Pérez, Asociación ambiental e cultural Petón do Lobo

Galicia non é, nin foi 100% católica, mesmo nos anos de maior catolicismo. Había recunchos espallados por todo o país no que se mantiñan comunidades que non estaban vinculadas a esta relixión. E un deses recunchos foi a parroquia de Corcoesto. Chegou a ter 62 disidentes durante a República Española.

O 11 de xullo de 1928 D. José Valledor Ochoa, veciño de Corcoesto, dixiría unha misiva ao Gobernador Civil de A Coruña, reflexando a tardanza do concello de Cabana de Bergantiños na construcción do cemiterio civil solicitado había xa dez meses.

O feito desencadeante da solicitude fora o enterramento do cadáver do veciño D. Eusebio García Couto fóra das murallas do cemiterio parroquial de Corcoesto, ao lado da vía pública, por ser disidente da Igrexa Católica.

O escrito deixa constancia da existencia na parroquia de varios disidentes declarados e outros, que por razóns máis ou menos discutibles puideran ser considerados como tales, e desexaban que en cuestión de enterramentos se procedera co decoro e respeto que aos falecidos se debía.

Unha das cartas enviadas por un veciño de Corcoesto ao Gobernador Civil da Coruña para a construción dun edificio civil

Unha das cartas enviadas por un veciño de Corcoesto ao Gobernador Civil da Coruña para a construción dun edificio civil

Petición dun cemiterio civil

O 19 de setembro de 1927 D. José Valledor Ochoa (autor dos manuscritos) e outros sesenta e un veciños máis, presentaron unha solicitude dirixida ao Alcalde Presidente do concello de Cabana, para que conforme a Lei de 29 de abril de 1885, Reais Ordes de 28 de febreiro de 1872 e 2 de abril de 1883, procedérase a dictar as ordes oportunas para que coa urxencia que o caso requería, co fin de evitar dificultades para tales enterramentos no sucesivo, se acordara a construcción dun Cemiterio Civil coa amplitude e no lugar convinte en ben da salubridade e a hixiene.

Noutro escrito do que non se pode ler a data polo deterioro do documento, D. José Valledor Ochoa insta ao Gobernador Civil a dirixir dous oficios: un ao Alcalde do concello de Cabana a fin de que dera a correspondente orde para a construcción do edificio e outro ao Fiscal da Audiencia Territorial de A Coruña, xa que en todo o municipio de Cabana non existía ningún cemiterio civil e a normativa da época esixía que os disidentes da Igrexa Católica foran enterrados en recintos amurallados e adecuados a tal fin.

Ademais o lugar no que estaban a ser enterrados os disidentes non estaba amurallado, as sepulturas estaban expostas á profanación por ser “lugar donde frecuentaban los perros y los cerdos a la orilla de la vía pública y no está cercada de valla o muralla”.

A queixa dirixida ao Gobernador Civil resultou efectiva e o concello comezou a construir o cemiterio civil no lugar de Cortiño.

Un terceiro escrito de xullo de 1932 lembra ao Alcalde do concello da necesidade de rematar as obras do cemiterio, así expón “se digne someter al Ayuntamiento para que urgentemente tome el acuerdo de proceder a la terminación del cementerio municipal que tiene en construcción desde hace más de dos años, dándole la amplitud conveniente para las necesidades de toda la parroquia, y trasladar al mismo los restos y citados”.

Este último escrito xa alude a necesidade de clausurar o cemiterio da Igrexa parroquial por non reunir as condicións requeridas pola sanidade, xa que o seu reducido tamaño “que aun en tiempos de normalidad en las defunciones” había que facer enterramentos no atrio, lugar que non estaba protexido dos cans, por iso instaba a dar máis capacidade ao cemiterio de Cortiño.

Situación actual do cemiterio civil de Corcoesto

Cemiterio abandonado

Hoxe en día o Cemiterio Civil de Cortiño está en desuso e abandonado pola maleza. O concello de Cabana de Bergantiños esquece que aí hai unha construcción civil que é do municipio e de toda a veciñanza de Cabana de Bergantiños, sufragada cos fondos públicos daquela época da segunda República, e nen sequera aparece nos planos municipais. Estaría ben que o novo Plan xeral de ordenación municipal, arestora en fase de consultas, recollera a súa existencia e intentara recuperar un espazo que forma parte da memoria colectiva e da historia común dun pobo.

Por outra banda o edificio é moi interesante. Presenta a elegancia das construcións civís da década de 1920 e está feito con boa cantería. A súa construcción empregou a diversos canteiros de sona da comarca desde o Esto, Cereo, Vilaverde e o propio Corcoesto.

Este artigo está adicado á memoria de todas aquelas persoas disidentes ou declaradas como tales, que foron enterradas extramuros do cemiterio parroquial e ás beiras do camiño público de Corcoesto. Tamén está adicado a persoas como o autor dos manuscritos, a Voz desas persoas e familias “disidentes” da parroquia.

Se atopou algún erro nesta noticia, por favor avísenos seleccionando o texto ou palabra en cuestión e presionando Ctrl+Entrar.

Pode que che interese...

Informe de erros

O seguinte texto será enviado aos nosos editores: