A historia galega de Fidel Castro | Historia de Galicia
Fidel Castrol. icona da revolución cubana / CRTVE

A historia galega de Fidel Castro

Tempo de lectura: 13 min.

Fidel Castro ten unha historia galega. Unha historia familiar, pero tamén de axudas e simpatías da comunidade galega na emigración. Era fillo de galego, dicía que herdara o carácter galego do pai e foi axudado e apoiado por galegos en Cuba e fora de Cuba. O epílogo a súa galeguidade foi a visita que realizou a Galicia no ano 92 para coñecer a terra do seu pai. E é que súa historia galega comezou en Galicia, en San Pedro de Láncara, en Lugo. Alí naceu o seu pai, Ángel María Bautista Castro Argiz o 8 de decembro de 1875. Foron os seus pais Manuel de Castro Nuñez e Antonia Argiz. Ángel Castro medrou nunha aldea da montaña luguesa onde o río Neira baña os seus verdes vales.

A familia Castro vivía na máis absoluta pobreza. Cando Ángel cumpre a idade do servizo militar é enviado á guerra de Cuba. Os fillos dos campesiños pobres non se libraban daquelas tremendas guerras, ao servizo dunha monarquía decadente e desfasada polo tempo. Anos despois o seu fillo Fidel lembraba aquela etapa: “Era unha casiña pequeniña – sería de 10 o 12 metros de longo por 6 u 8 de ancho-, unha casa de laxes de pedra, que é un material abundante no lugar, usado polos campesiños para construir as súas rústicas vivendas. Esa era a casa na que vivía a familia, estaba todo alí nunha soa peza: dormitorio e cociña. Supoño que tamén os animais. Terras non tiña prácticamente ningunha, nin un anaco, nin un metro cadrado...”

“O meu pai – sinala Fidel – era fillo dun campesiño sumamente pobre alá en Galicia. Cando a derradeira guerra da independencia de Cuba, iniciada en 1895, o envían como soldado do exército español a loitar aquí. Aquí estivo meu pai, moi novo, recrutado polo servizo militar como soldado do exercito español. Despois da guerra levanronno de regreso a España. Parece que lle agradou Cuba, e unha vez, entre os tantos emigrantes, saiu tamén para Cuba nos primeiros anos do século pasado e, sen un centavo e sen ningunha relación, comezou a traballar.

Era unha época na que houbo importantes investimentos. Os norteamericanos apoderáranse das mellores terras de Cuba, comezaron a destruir fragas, construir centrais azucreiras, sementar cana, investimentos grandes para aquela época, e o meu pai traballou nunha desas centrais azucreiras”.

Ángel Castro, pai de Fidel e de Raúl Castro

Ángel Castro, pai de Fidel e de Raúl Castro

A vida no interior da illa era moi dura, o clima e as enfermidades tropicais dificultaban a adaptación dos nosos emigrantes. É así como a maioría dos galegos se instalan fundamentalmente nas cidades, realizando actividades vinculadas ao comercio, mentres que a inmigración canaria, mais acostumada ao clima da illa ,establecese no campo.

“ O meu pai – síguenos contando Fidel – regresa a Cuba e comeza a traballar. Despois parece que organizou a un grupo de traballadores, comenzou a ser o xefe dun grupo de traballadores, e xa fai as contratas á empresa ianqui cun grupo de homes subordinados a él. Comeza a organizar unha especie de pequena empresa, que – segundo lembro – cortaba fragas para sementar cana, ou producir leña para as centrais. Así, posibelmente, comezou a obter xa algunha plusvalía, como organizador daquela empresa cun grupo de traballadores. É dicir que, indiscutibelmente, era un home moi activo, movíase moito, era emprendedor e tiña unha capacidade natural de organización”.

En Cuba – prosigue Fidel– el comprara aquelas terras, unhas 800 hectáreas, que eran propiedade particular súa, e dispuña, ademais, das que lle arrendaran uns antigos veteranos da guerra da independencia”.

Ángel Castro casa por primeira vez cunha moza cubana de apelido Argota coa que ten dous fillos Lidia e Pedro Emilio. O matrimonio vivía nas terras recentemente mercadas por Ángel. A finca chamabase “Manacas” e estaba ubicada no barrio de Birán, Mayarí.

Anos despois de desencontros matrimoniais a parella separase. Ángel coñece a Lina Ruz González con quen casa e nacen os seus dous primeiros fillos Angela e Ramón. Despois virá o seu terceiro fillo Fidel que nace o 13 de agosto de 1927. Por aqueles anos en Cuba gobernaba a ditadura de Machado e os EE.UU. consolidaban a dependencia económica desta illa caribeña. Mentres tanto a familia Castro crecía ano tras ano. Seguironlle Raúl, Juanita, Enma e Agustina.

Boa educación

Don Angel e dona Lina foron formando unha numerosa familia, intentando que os seus fillos tiveran a mellor educación. Fidel cursou estudos en Santiago de Cuba, onde foi alumno do xesuita Rubinos Ramos, o derradeiro presidente da Asociación Iniciadora e Protectora da Real Academia Galega.

Posteriormente seus pais enviarono a La Habana, onde remata o bacharelato e comeza a carreira de avogacia. Na universidade comezou a súa militancia estudantil participando da Asemblea Constituínte Estudantil realizada o 16 de xullo de 1947. Por aqueles anos estaba vinculado á tendencia que lideraba Humberto Ruíz Leiro. Naquel acto Fidel denunciou aos falsos lideres. Comeza o noivado con Mirtha Díaz Balart casando o 12 de outubro de 1948. Aos once meses naceu o seu primeiro fillo Fidelito.

Fidel remata a carreira de avogado poñendo un bufete con dous compañeiros de profesión. O novo letrado simpatizaba co Partido Ortodoxo liderado por Eduardo Chibás. Mentres Cuba vivía nun ambiente de rumores acerca de posíbeis intentonas golpistas, Batista o 10 de marzo de 1952 faise co goberno a través dun “cuartelazo”. Así comezaba unha das máis sanguentas ditaduras latinoamericanas.

Coa consolidación do goberno de Batista, Fidel comeza a organizar unha forza político militar inspirada no pensamento martiano que fora capaz de derrotar ao novo ditador. É así como o 26 de xullo de 1953 xunta a un pequeno grupo de revolucionarios intenta tomar o cuartel de Moncada. Entre os insurxentes, a parte de Fidel, estaba o seu irmán Raúl, Abel Santamaría, os irmáns Trigo (oriundos de Lugo), José Luis Tasende, Renato Guitart, Pedro Miret, Jesus Montané, Elpidio Sosa, Fernando Chenart Piña e Oscar Alcalde entre outros. A pesares do fracaso da intentona revolucionaria e o saldo de mortos e posteriormente asasinados por Batista, a operación revolucionaria de Moncada será o inicio dunha revolución en marcha. Naquela oportunidade o doutor Fidel Castro, líder do movemento, é detido e xulgado por rebelión. O xuizo que pasará á historia de Cuba e de América Latina convertirase nun xuizo contra a propia dictadura e un alegato pola democracia e á liberdade de Cuba. As súas derradeiras palabras serán: “ En canto a mín, sei que o cárcere será dura como non o fora nunca para ninguén, preñada de ameazas, de ruín e cobarde ensañamento, mais non lle temo á furia do tirano miserabel que arrincou a vida a setenta irmáns meus. Condenádeme, non importa, a Historia absolverame.”

Casa do pai de Fidel Castro, en Láncara, Lugo

Casa do pai de Fidel Castro, en Láncara, Lugo

A Revolución cubana é o exilio galego

Despois do cárcere e as persecucións, Fidel instalase en México para organizar a resistencia e os futuros plans revolucionarios. Naquel país coñeceu ao exiliado galeguista Elixio Rodriguez quen nos conta o seu vínculo cos revolucionarios:

“ Era o tempo en que os refuxiados españois en México, ao remate da xornada cotiá, adoitabamos xuntarnos en amenas tertulias de café para charlar e dogmatizar sobre a posibel influencia que os acontecementos internacionais poderían exercer para facilitar ou atrancar a nosa arelada volta á patria. Con tal motivo, eu frecuentaba a peña do céntrico Café Madrid. Case agachados nun recanto deste establecemento, reuniase tamén un nutrido grupo de mozos cubanos. Moi discretos eles, casi silandeiros: en contraste coa estereotipada fama de algareira que ten a xente do seu país.

Aínda que non tiñamos relación de amizade con eles, non nos pasaban desapercibidos: E durante algún tempo intrigóunos a súa persoalidade, que non acertábamos a descubrir. Só sabiamos que un deles se adicaba ao negocio de facer fotografías instantaneas aos viandantes, nuha beirarrúa da avenida de San Xoán de Letrán, e que todos respectaban e acataban ao que parecía ser o seu xefe, un mozo de mans longas e ben coidadas, ao mesmo tempo carismático.

Chegamos a sospeitar que puidese tratarse dunha banda de delincuentes que se reunían alí para proxectar as súas falcatruadas. Sendo que o que realmente proxetaban era derrubar o goberno de Fulgencio Batista e facer a propia revolución.

O das mans longas e ben coidadas chamábase Fidel. Ao fotografo dicíanlle Che. Dous persoaxes que, naquel intre, pasaban desapercibidos por completo. En pouco tempo habian figurar entre os máis celebres da nosa época.

Eu prézome de poder dicir que cultivei con ambos unha efémera pero moi afectuosa amizade. Ao comezo tal vez un pouco interesada por parte deles, pois insistiron para que os acompañase na súa aventura, pola miña calidade de aviador. Que nos seus planos figuraba a eventualidade de teren que facer uso de avións…

Introduciume ao hermético clan dos cubanos o meu amigo e famoso coronel da aviación republicana, don Alberto Bayo…E tamén debo dicir que, contaxiado do entusiasmo daqueles cubanos e presionado por Bayo e por Fidel, de non ser porque nesa época eu xa tiña unha familia que coidar, tal vez -como fixo o Che Guevara- houbese eu participado na aventura”.

Os acontecementos anteriores e posteriores ao trunfo da revolución cubana encabezada por Fidel Castro, foron seguidos con moita expectativa pola emigración galega, fundamentalmente polos grupos exiliados de Bos Aires, Montevideo, Caracas e México. Tamén estos sucesos tiveron unha importante resonancia entre os xóvenes intelectuais que resistían en Galicia contra o franquismo. O proceso iniciado en 1953 co asalto do cuartel Moncada tería tamén a súa repercusión na propia colectividade galega de Cuba, onde algúns galegos ou descendentes destes tomaron partido de forma activa xunto ao Movimento 26 de xullo. Entre os que podemos nomear a: Frank Pais, Manuel Piñeiro “Barbarroja”, os irmáns Díaz, María Araujo, Dora Carcaño, os irmáns Amejeiras, Xosé Rego López, os irmans Santamaría .

Co lanzamento da guerrilla en Sierra Maestra e a medida que os revolucionarios ían consolidando as súas posicións, a opinión pública internacional comeza a ter noticias dos acontecmentos que estaban a suceder. É así como os nosos emigrantes e exiliados teñen coñecemento de que o comandante dos alzados é o Doutor Fidel Castro, fillo dun emigrante galego de Láncara (Lugo). A loita dos patriotas contra a tiranía de Batista e a condición de fillo de galego de Fidel, acentuaron as simpatías dos nosos emigrantes, pola causa revolucionaria. A condición de descendente de galegos era un motivo de orgullo dentro dun colectivo tan acostumado á subestimación, algo semellante ocorría no interior de Galiza.

O Consello de Galiza apoia a revolución

Durante os anos previos ao trunfo da revolución, o Movemento 26 de Xullo constituiu unha delegación en Bos Aires que funcionaba no Centro Ourensano. O responsabel deste comité era o exiliado cubano Santiago Riera, e do que participaba Anisia Miranda (cubana de orixe galega) e Rafael Granados, contando co apoio de Neira Vilas. Segundo nos relata o autor de “Memorias dun neno labrego” os integrantes do Movemento 26 de Xullo tiñan unha estreita relación cos nacionalistas galegos de Bos Aires. Segundo o escritor ambos grupos patrióticos tiñan moitas cousas en común, que xeraban simpatías mutuas.

Mentres tanto Luis Seoane dicía por aqueles tempos no seu programa radial Galiza Emigrante: “...un fillo de galegos, Fidel Castro, ao que lle acompañan no seu estado maior guerrilleiros galegos, loita pola liberdade de Cuba, un dos paises de América, como no caso de Arxentina e Uruguai, levan con amor no mais entrañabel do seu corazón. Un fillo de galegos, Fidel Castro, xoga a súa vida pola liberdade do seu povo sen axuda de ninguén, como non sexa do seu própio povo, e ante a indiferéncia da maioria dos gobernos de América. Só, co alento para a sua xesta da prensa, e a adesión moral – que outra cousa poderían ofrecer? – dous intelectuais. Nesa illa que chamaron en frase bastante cursi “a pérola das Antillas, que foi explorada polo navegante galego Ocampo, onde Evelino de Compostela alcanzou a fama de santidade e en que tantos ilustres fillos de Galicia tiveron acción destacada. Onde viviron e sofreron tantos desterrados galegos, como o gran poeta Curros Enríquez, e naceron tantas belas obras que fecundaron o pensamento galaico, como as primeiras edicións de “Cantares gallegos” de Rosalia, ou a Historia de Galicia de Murguia, volve a tinxir de sangue galego. De fillos e netos de galegos. Porque de Galiza e non doutras partes é a maior cantidade de sangue que nestes dias, coma sempre, como hai sesenta anos, rega o chan de Cuba”. (4 de maio de 1958).

O exilio galego en México e Venezuela

Fidel Cstro no momento do triunfo da revolución cubana

Fidel Cstro no momento do triunfo da revolución cubana

As novas sobre a guerrilla comandada por Fidel teñen ampla repercusión en todo México e especialmente entre os círculos republicanos residentes neste país. Alí atopábase un númeroso grupo de exiliados galeguistas de forte influencia marxista liderados por Luis Soto e o cineasta Carlos Velo. Soto fora dirixente comunista e tiña a idea de fundar unha nova organización de carácter nacionalista, pero coa ideoloxía marxista leninista.

Co trunfo da revolución cubana Luis Soto reforza a súa convicción da viabilidade de crear unha forza como a do “26 de Xullo” onde se sintetizara a loita pola identidade nacional e de clases. Anos despois, esta proposta concretarase na fundación da Unión do Povo Galego, partido comunista patriótico nacido baixo certa influencia da revolución cubana.

Neira Vilas, entusiasta difusor da revolució en marcha

No mes de agosto de 1958 Neira Vilas edita no xornal “Lugo” do Centro Lucense de Bos Aires un poema baixo o título “Fidel Castro”. O poema está adicado a Santiago Riera, un exiliado cubano que residiu unha tempada en Bos Aires o cal desenvolveu unha intensa campaña de difusión, sobre os obxectivos do Movemento 26 de xullo.

FIDEL CASTRO

Personaxe de aceiro que forneces
arelas de Xustiza e Liberdade;
heroe xigante de exemplar bravura;
forza e vontade de xenial titá,.

Fidel, teu nome é por sí un destino
que doadamente a cumprir estás,
pois és fidelá Patria onde naciches
como poucos o foron en xamáis.

Teu apelido nobre e trascendente
está a sinar un símbolo augural;
Castro fora doña Constanza de Arias,
e Castro a dina Ines de Portugal.

Castro os Lemos, don Pedro e don Fernando,
e Castro Rosalía, a Rula impar
que cramara xustiza aos catro ventos
cando veu a seu povo agrilloar.

Vés de raza, Fidel, que non dobrega:
sangue galego nas túas veas hai;çes herdeiro de celme dun gran povo
disposto sempre a defender seu chan.

Cando entran as lexiós de Octavio Augusto
na nosa Terra, en fero vendaval,
os guerreiro galegos non se rinden:
vanse ó monte Medulio a pelexar.

E alí sitiados, xa sen esperanza,
unha agoirenta noite de luar
matáronse entre sí, sereamente,
denantes de con vida se entregar.

Valentes como aqueles son teus homes
prestos a parescer se falla fai,
porque prefiren a vivir escravos
trocar a vida en sagra liberdá.

Medulio tamén é Serra Mestra
onde loitan con fe os bós cubáns;
mais o exercito vil do novo César
endexamáis, Fidel, vos vencerá.

Triunfo da revolución

O 1 de xaneiro de 1959 Fidel Castro á frente do Movemento 26 de xullo co apoio da gran inmensa maioría da poboación derrotan ao dictador Batista. A nova conmove ao mundo e ilusiona a unha America Latina postergada.

Mentres en Cuba a poboación seguia celebrando a revolución vitoriosa, na Arxentina recibíanse con fervor as novas chegadas da illa. O 9 de xaneiro dese mesmo ano festexouse o XVI Aniversario do Centro Lucense de Buenos Aires. No Lar Galego da rúa Belgrano déronse cita varios centenares de socios nunha cea de confraternización. Á hora dos discursos o presidente da mesma o señor Manuel Fernández despois de falar da historia do centro fixo alusión ao trunfo da revolución cubana. Opinión Galega sinalou parte do discurso de Fernández: “fixo referencia a Cuba, recuperada para a liberdade, e ao xefe da revolución. Fidel Castro, de estirpe galega. Sinalando a presenza na mesa do señor Gonzalo Castro, tío do xefe cubano. O señor Fernández foi calurosamente aplaudido e felicitado.”

Fidel e Raúl Castro

Fidel e Raúl Castro

Un día despois o 10 e 11 de xaneiro reuníronse os dirixentes máis destacados do nacionalismo galego do Río da Plata nunha Conferencia Interplatense das Irmandades Galegas. A cita foi no Centro Pontevedrés de Bos Aires coa presenza do Consello de Galiza. Estaba en representación do goberno galego no exilio Antón Alonso Ríos, Ramón Súarez Pícallo e Elpidio Villaverde. A Conferencia foi inaugurada polo presidente das Irmandades, Alfonso Fernández Prol e entre os delegados estaban entre outros: Rodolfo Prada, Gervasio Paz Lestón, Lois Guede, X. Lema Novo, Xosé Benito Abraira, Manuel Puente, Ramón de Valenzuela, Xosé Neira Vilas, Antón Suárez Dopazo e Indalecio Tizón. Ao día seguinte na sesión de clausura tomouse o correspondente acordo: “Render homenaxe á República de Cuba co gallo da súa liberación da ditadura e comunicar o acordo ao heroico xefe da revolución Fidel Castro, por intermedio da Embaixada de Cuba en Bos Aires.”

O xornal “LUGO” do Centro Lucense de Buenos Aires sinalaba na portada do mes de xaneiro de 1959: “ A república de Cuba ten para os galegos unha significación especial entre os países de hispanoamérica, pola grande corrente inmigratoria dos nosos paisanos e a consecuente influencia que iso determinou nos costumes, nas actividades de toda orde e en todas as formas de vida dese país. O feito de que o heroico xefe da revolución sexa fillo de pai e nai galegos -lugueses, para mais precisar – é unha demostración elocuente de tal influencia e contribúe a exaltar o noso grao de simpatía, por canto representa, tanto polo esforzo tenaz da súa loita como polos principios que a animan e orientan a configuración do prototipo da nosa estirpe…”

“Fidel Castro: Retoño Galego”

Poucos meses despois do trunfo da revolución, Xosé Neira Vilas – sinalou nun artigo en Opinión Galega, baixo o título “Fidel Castro: Retoño Galego” en referencia ao paso de Fidel por Bos Aires:

O heroe de Sierra Maestra estivo hai algúns días en Bos Aires. Aínda nos parece mentira. Durante dous anos longos, os cables trouxeron novas – ben poucas por certo, debido á censura – sobre a loita armada do Movemento 26 de Xullo na provincia de oriente, que despois se extendeu a Camagüey, Las Villas, Matanzas, ata derribar unha das máis feroces tiranías desta sufrida América.

Fidel Castro é un auténtico líder da liberdade. Home xoven, xeneroso, valente, que despois de defender os dereitos dos pobres, dos explotados dende o seu bufete de avogado, cando a situación se fai mais significativa baixo a bota criminal de Batista, abandona a súa profesión, para adicarse a unha acción romántica, que despois do prolongado calvario había de dar por terra coa tiranía.

O povo de Cuba seguiu e segue a Fidel. É un povo maravilloso. Son os fillos e os netos daqueles mambises que despois de prolongada e cruenta loita contra as forzas do xa caduco imperio español, lograron a independencia da Illa. Cando encarceraban a Fidel a raíz do asalto ao cuartel Moncada, o 26 de xullo de 1953, ao preguntárselle quen fora o inspirador daquel feito, responde sen titubeos: José Martí. E en Bos Aires, ante preguntas malintencionadas, contesta: “Non dependemos de ningún dogma; so abrazamos un “ismo”: el cubanismo.

Parece mentira. Fidel está frente a nós. Todos queren velo. Engurrano, pídenlle autógrafos, algúns mais supersticiosos queren tocar o seu uniforme. E de súpeto alguén, un fornido e resolto ancián pugna por acercárselle: é don Gonzalo Castro, galego, irmán do pai de Fidel, que leva moitos anos na Arxentina. Tío e sobriño abrazanse, e de entre o murmurio de voces surxe a do heroe que dí: “Irei mañá a xantar contigo, a condición de que me fagas, caldo galego”.

Fidel Castro e Raúl Castro cos seus irmáns e coa súa nai

Fidel Castro e Raúl Castro cos seus irmáns e coa súa nai

Nós, como galegos, como amantes da liberdade, como identificados coa causa cubana – non poderemos conter a emoción e a ledicia que nos produce a presenza deste home excepcional que leva o noso mesmo sangue e que hoxe é o mais auténtico líder popular do Continente.

Dende estas liñas manifestamos a Fidel Castro e ao magnífico povo cubano, fiel custodio da revolución, non so a nosa simpatía e a nosa adhesión, senon tamén o noso agradecemento, pois non dubidamos das consecuencias favorábeis que derivarán do exemplo do Movmento 26 de xullo, como chamado de atención a outros povos oprimidos, entre eles Galiza.”

En maio do mesmo ano Neira Vilas escribe outro artigo no periódico LUGO que sairá na portada da publicación baixo o título “Fidel Castro e a Revolución” no mesmo dirá: “A revolución cubana é un chamado de atención ós povos asoballados. Un exemplo de patriotismo e coraxe. Un desafío a todo xeito de dictadura.”

O 30 de maio de 1960 Arturo Cuadrado sinalaba no periódico Galiza da Federación de Sociedades Galegas: “E agora Cuba. Fidel Castro é fillo de galegos. É moi recente a historia para contala. O mellor é vivila…”

Coa posterior crise dos misís e a declaración por parte de Fidel Castro da República Socialista de Cuba, os apoios da colectividade foron reducíndose aos sectores comunistas ou nacionalistas de esquerda, localizados na Federación de Sociedades Galegas.

O trunfo e desenvolvemento posterior da revolución cubana é tema coñecido por todos. O fillo de Ddon Angel Castro convertiuse nunha das figuras máis importantes do século XX.

O pai de Fidel finou o 21 de outubro de 1956 cando o seu fillo estaba facendo os preparativos guerrilleiros en México, a nai o 6 de agosto de 1963.

Se atopou algún erro nesta noticia, por favor avísenos seleccionando o texto ou palabra en cuestión e presionando Ctrl+Entrar.

Pode que che interese...

Informe de erros

O seguinte texto será enviado aos nosos editores: