fbpx
O cruceiro HSM Serpent, afundido en Punta do Boi, Camariñas, en 1890

Homenaxean aos 172 mortos do Serpent 126 anos despois

Tempo de lectura: 3 min.

A Costa da Morte sementou o seu nome en días de mar bravo. Días nos que o vento, a chuvia e as ondas eran quen de destrozar ás naos máis resistentes. Unha delas, foi o HMS Serpent, un cruceiro da Royal Navy británica que se afundiu un 10 de novembro de 1890 na Punta do Boi, en Camariñas deixando sementada as rochas e as praias da zona con 172 corpos. Só houbo tres sobrevivintes.

Daquel naufraxio se escribiron moitas historias, aquí e en Londres, porque foron moitas as familias que quedaron orfas. E foi tal o reguiero de mortos que cuspía o mar nos días sucesivos que houbo que construír un cemiterio improvisado, onde xa había outro camposanto moito máis rúin, xusto ao pe de onde tivera lugar o sinistro. Hoxe o lugar coñécese como o cemiterio dos ingleses.

Homenaxe no Cemiterio dos Ingleses / QPC

Homenaxe no Cemiterio dos Ingleses / QPC

Cada ano, dende 2007, convocan unha emotiva homenaxe neste espazo, a capital do necroturismo da Costa da Morte, e o lugar onde repousan os corpos dos náufragos do crucero torpedero da Royal Navy, ademais das vítimas doutros dous sinistros, dous mercantes ingleses, o Iris Hull (1883) e o Trinacria (1893).

Alí, ás 22:00h da pasada noite do 10 de novembro de 2016, coincidindo exactamente co 126 aniversario do afundimento, a Real Liga Naval Española realizaba un sentido acto. Facía frío e o mar estaba moi picado, pero a ausencia de chuvia permitiu que se celebrase con normalidade. Medio centenar de persoas emocionáronse co teatro, a música e emotividade dos discursos.

Homenaxe

Despois da Ofrenda Floral, falou o alcalde Manuel Valeriano Alonso “Pichirri”, que prometeu que para o ano quería contar cos organizadores da batalla de Elviña, os “Royal Green Jackets”, para traer un canón e facer así un expectáculo máis completo. O delegado da RLNE na Costa da Morte Rafael Lema destacou a presencia do pioneiro Juan Campos Calvo-Sotelo, o gran culpable de poñer as primeiras pedras desta homenaxe dende os seus inicios, e valorou o feito de “seguirmos mantendo a tradición destacando aquela noite”. Ademais leu unha carta que enviou o embaixador británico, na que agradece a labor dos organizadores deste acto por manter a memoria dos náufragos e polo mantemento do Cemiterio.

Teatralización do desastre do Serpent / QPC

Teatralización do desastre do Serpent / QPC

Precisamente sobre a singularidade, recoñecida internacionalmente, do Cemiterio dos Ingleses, falou Juan Campos, lembrando que este é o único cemiterio do mundo dedicado a un barco. Campos recordou por que comezou aló en 2007 con esta homenaxe e as dificultades para darlle a repercusión que ten hoxe en día.

De seguido, Dequenquén Teatro reviviu varias “Historias Mariñeiras da Costa da Morte”, con dúas pezas novas estreadas para a ocasión e unha representanción do ano pasado con persoeiros daqueles episodios. Ademais, cantaron tamén a canción do Serpent, que fixo José Luís Blanco, que cantaban sempre as bravas do Coro de Mulleres de Camariñas e que o ano pasado protagonizou Andrea de Camelle.

Fonte:

Que Pasa na Costa

Campos Calvo-Sotelo, Juan (2002). Náufragos de antaño. Editorial Juventud.

Pode que che interese...