fbpx
Danos ocasionados no círculo lítico de A Mourisca, en Cervo / Mariña Patrimonio

Nova desfeita nunha estrutura circular única en Galicia

Tempo de lectura: 2 min.

ADEGA e Mariña Patrimonio acaban de denunciar perante o Servizo de Patrimonio Cultural de Lugo os graves danos que sufriu unha das estruturas circulares no sitio arqueolóxico de A Mourisca, localizado no concello de Cervo.

Os danos foron ocasionados no transcurso dos labores de corta e replantación de eucalipto que afectaron a toda a superficie do recinto circular e máis do parapeto que o define. As remocións de terra, xunto coa utilización de pas mecánicas no recinto, danaron gravemente a estrutura arqueolóxica de A Mourisca.

A Mourisca é un sitio arqueolóxico que se atopa nunha chaira do monte Motín, situado entre Castelo, Viladesuso e A Senra. Está formado por dúas estruturas circulares duns 30 m de diámetro, posibles henges, e máis dúas mámoas. Como non se teñen feito prospeccións nin estudos na zona, non se pode desbotar a existencia doutros elementos arqueolóxicos.

Antes de solicitar á Dirección Xeral de Patrimonio a inclusión no Inventario de calquera posible xacemento, Mariña Patrimonio e ADEGA puxéronse en contacto con arqueólogos para que visiten o lugar e valoren a autenticidade do xacemento. “No caso de A Mourisca tivemos a oportunidade de ensinarllo a un total de sete arqueólogos e todos eles coincidiron en que A Mourisca é un sitio arqueolóxico único en Galiza e todos coincidiron, ademais, na necesidade de inventariar e protexer este singular ben patrimonial”, apuntan nun comunicado.

Situación do círculo lítico da Mourisca, en Cervo / Mariña Patrimonio

Situación do círculo lítico da Mourisca, en Cervo / Mariña Patrimonio

Patrimonio tardou tempo en protexelo

En consecuencia, o 27 de xaneiro de 2014 solicitaron no Servizo de Patrimonio de Lugo a inclusión no Inventario destas dúas estruturas circulares. Despois de vinte e un meses de demora, o 14 de outubro de 2015 un técnico de Patrimonio de Lugo inspeccionou o lugar e comprobou a existencia das citadas estruturas; así mesmo, no transcurso da inspección entregáronselle pequenos anacos de cerámica que foran atopados nun dos recintos circulares.

Posteriormente, os técnicos de Lugo incluíron no Inventario de Xacementos Arqueolóxicos estas estruturas como Referencias coas claves GA27013REF.03 e GA27013REF.04, respectivamente. Porén, segundo Mariña Patrimonio o feito de incluír no Inventario un lugar como Referencia supón que non sexa recoñecido oficialmente como xacemento e, por tanto, o lugar queda sen a debida protección.

“Por este motivo, ADEGA e Mariña Patrimonio denunciamos a anómala situación de A Mourisca e, asemade, temos expresado a nosa disconformidade en reiteradas ocasións en distintos foros: con asociacións en defensa do patrimonio, con persoas do mundo da cultura, con políticos de diferentes forzas políticas, co alcalde e con concelleiros de Cervo e mesmo con Patrimonio”, apuntan.

A Dirección Xeral de Patrimonio recoñecía, pouco despois, na prensa que: “Respecto dos outros dous círculos, os técnicos de Patrimonio constataron a súa autenticidade como xacementos arqueolóxicos, e por tal motivo estase a reformar a ficha para cambiar a súa situación de referencia a xacemento arqueolóxico”.

“Lamentablemente a corrección chega tarde para evitar os danos que se produciron no xacemento, por iso pedímoslle á Dirección Xeral de Patrimonio que adopte medidas para que o Servizo de Patrimonio de Lugo non repita erros con consecuencias tan graves como as derivadas deste caso”, conclúen.

Pode que che interese...