O castro de Meirás, a historia dunha gran escavación esquecida no tempo | Historia de Galicia
Parapeto do castro de Meirás / Xosé Troiano

O castro de Meirás, a historia dunha gran escavación esquecida no tempo

Tempo de lectura: 3 min.

Xosé Troiano, divulgador e investigador do patrimonio

O castro de Meirás pasou de ser un dos máis importantes xacementos de mediados do século XX o seu total esquecemento, tanto é así, que moitos dos moradores da zona non saben da historia deste castro.

Jose María Martínez y Luengo escavou este castro no ano 1950 e recopilou todos os datos nun libro titulado “Excavaciones arqueológicas en el castro y su necrópolis de Meirás”.  Un gran traballo do que se irán expondo algúns datos nesta nova.

O castro de Meirás emprázase sobre un crestón pizarroso e de cor amarelo, estando encravado ó norte da freguesía de San Martiño de Meirás, e moi perto á liña límite da freguesía de san Xulián de Mondego. Está a unha altura duns 135 metros sobre o nivel do mar. Dominan o castro polo sur e oeste, dúas extensas chairas, que descenden escalonadas e rematan en pequenos vales, accidentados e profundos, cruzándose o do oeste por un regato que corre polo término de Maianca, e verque ás súas augas á praia de Mera; e o outro, máis amplo, vai cara o sur, por onde se extende a freguesía de Meirás, con dirección leste e remata en Mondego.

O castro componse dun primeiro foxo que comenza na ladeira oeste, e cinguía toda a parte sur, transformándose ó chegar ó oeste nun camiño de circunvalación, que continuaba polo norte, e que, aínda hoxe perdido, acaso na antigüidade fora unirse co de Broño, completando dese modo o contorneado do cerro.

O leste do castro existe un antecastro fortificado, dividido en dúas terrazas, a primeira dunha superficie aproximada de 10180 m2 e a segunda duns 2592 m2, que, ademais de defensa por aquel lado, servían de zonas de terreo cultivable, asegurados contra o cerco dos inimigos.

Entrada ao castro de Meirás / Xosé Troiano

Entrada ao castro de Meirás / Xosé Troiano

Varias defensas

O castro propiamente dito contaba con varias defensas:

1º Circuíto de muralla que, arrancando do primeiro foxo no lado oeste, forma nel un ángulo curvilíneo e en liña ondulada ata a parte norte, conservando unha altura duns 3 metros; dende este punto decrece a súa altura, transformándose nun simple parapeto.

2º Circuíto de muralla que comenza no primeiro foxo, cunha torre redonda para defender a entrada principal, segue polo suroeste, formando unha cortina lixeiramente curva e unha altura media de 3 metros.

3º Para defender a entrada principal, había  fronte á porta un corpo de garda, de obra de fábrica, no cal, os seus cimentos nótanse o arar estas terras.

4º Detrás do corpo de garda, á esquerda, hai un baluarte semicircular formado por unha muralla en rampa, cunha altura na actualidade duns 2 metros.

5º Remata a obra defensiva cunha muralla que no seu contorno oval e con alturas de 0,50 a 9 metros, cingue a croa cun perímetro de 352,7 metros.

A anchura das murallas van dende os 3 aos 5 metros.

A croa do castro, emprazada nunha chaira ovalada, conta cunhas medidas de 124,6o metros no seu eixo maior por 97,73 metros no seu eixo menor. Na súa parte central presenta un abultamento correspondente ó crestón sa rocha pizarrosa sobre á que está asentada.

castro_de_meira1

As escavacións

As escavacións comenzaron na parte oeste da croa atopando vivendas, muíños de man e circulares, machados, etc, pero , o máis destacable foi a descuberta de 47 sepulturas de distintas formas; simples socavóns ovais, redondas con diámetros diferentes, semicirculares, etc. Neles atopáronse moitos restos humanos e de animais, entre moitos outros obxectos como tres moedas da época romana, tenazas, machacadores fíbulas, anacos de pendentes, moldes, etc.

Hoxe en día permanece oculto, nunha posición privilexiada, esperando que o volten a rescatar do manto vexetal e selvático que o oculta, aínda que, hai un sendeiro que os veciños fan con asiduidade, leste-norte-oeste, e que fai que se poda ollar parte dese parapeto da croa ademais doutro parapeto de menor entidade e ir polas terrazas descritas por Luengo.

Este castro ten aínda moitas posibilidades de volverlle a dar o valor que tivo formando un conxunto visitable aos pés das Torres de Meirás, situadas apenas a uns 500 metros.

Bibliografía:

– LUENGO MARTÍNEZ, J. M.: “Excavaciones en el Castro y la Necrópolis de Meirás”. Comisaría General de Excavaciones Arqueológicas, nº 23, 1950.

Se atopou algún erro nesta noticia, por favor avísenos seleccionando o texto ou palabra en cuestión e presionando Ctrl+Entrar.

Informe de erros

O seguinte texto será enviado aos nosos editores: