fbpx
Ara romana de Buriz, en Lugo / oburiz.es

O misterio da ara romana que desapareceu hai un século

Tempo de lectura: 11 min.

Alberto Quián, xornalista

O CSIC saca á luz cartas e debuxos inéditos que poden servir como fonte para o estudo indirecto da lápida de Trabanca (Vilagarcía) ata que se consiga, a súa recuperación, máis dun siglo despois da súa desaparición. As novidades son presentadas polo profesor e investigador Carlos Santos Fernández na revista ‘Cuadernos de Estudios Gallegos’, onde refuta as teses de varios investigadores que defenderon que nunca existiu tal peza.

Cinco documentos claves, catro deles inéditos. Esta é a aportación que fai o profesor e investigador Carlos Santos Fernández no último número de Cuadernos de Estudios Gallegos —revista do Consejo Superior de Investigaciones Científicas (CSIC)—, para arroxar luz sobre o misterio da ara de Trabanca, unha peza epigráfica romana achada entre 1885 e 1890 na parroquia de Arealonga, no concello de Vilagarcía de Arousa, e da que se perdeu o rastro arredor de 1909.

Nun artigo titulado ‘Cartas y dibujos acerca de una inscripción romana desaparecida: el ara de Trabanca (Vilagarcía de Arousa)’, Santos Fernández dá a coñecer cinco documentos (tres cartas e dous debuxos) —catro deles, inéditos e outro publicado en 2012— conservados no Museo do Pobo Galego, na Real Academia Galega e no Museo de Pontevedra, que “poden servir como fonte para o estudo indirecto da ara de Trabanca ata que se consiga, como esperamos, a súa recuperación”, expón o autor.

Estes documentos foron asinados entre 1909 e 1917 por Juan Fernández Gil e Casal —cronista e erudito local vilagarcián, autor do escudo de Vilagarcía— e “proporcionan o texto íntegro, as características do soporte e as circunstancias do achado da ara de Trabanca da Torre (Vilagarcía de Arousa, Pontevedra), atopada arredor de 1890 e que en 1909 xa se consideraba perdida”, explica Santos Fernández.

O certo é que a existencia da ara de Trabanca foi posta en dúbida por varios investigadores, como expón Santos Fernández. Porén, a súa existencia está documentada non só en varios escritos con “referencias tanxenciais” publicados ao longo do século XX, como “a de García de la Riega, en 1904, para apontoar a súa tese helenística na polémica entre celtófobos e celtómanos”, ou tamén outras “lecturas parciais e sen atención ás características do soporte”, relata Carlos Santos Fernández. Sábese que a ara pertencía á familia dos Quintinos mais non hai consenso en se estaba dedicada ao deus grego Ares (Marte), ao romano Xúpiter ou a unha deidade indíxena, teoría esta última apuntada polo historiador José María Blázquez en 1996, a raíz da publicación do catálogo de inscricións romanas de Pontevedra. Dende entón, non houbo máis aportacións, até a publicación, agora, deste estudo de Carlos Santos Fernández

Con estas novas achegas, o autor pretende “ofertar aos epigrafistas unha serie de documentos inéditos que poidan achegar un raio de luz ao coñecemento da ara de Trabanca” e “excitar o interese dalgún investigador para realizar novas pesquisas” na súa busca. Así, á análise das primeiras referencias escritas sobre este legado romano, o autor engade unha carta de Fernández Gil a López Ferreiro (8 de maio de 1909), outras dúas do mesmo autor dirixidas a Casto Sampedro (19 de maio de 1909 e 8 de marzo de 1917), un debuxo da Real Academia Galega e unha augada do Museo de Pontevedra.

Ara de Trabanca e sepulcro ao que apareceu asociada, segundo Juan Fernández Gil e Casal. (Real Academia Galega, F. Oviedo Arce, caixa 125, carp. núm. 5, s.n.). | Fonte: Carlos Santos Fernández en Cuadernos de Estudios Gallegos (2016)

Ara de Trabanca e sepulcro ao que apareceu asociada, segundo Juan Fernández Gil e Casal. (Real Academia Galega, F. Oviedo Arce, caixa 125, carp. núm. 5, s.n.). | Fonte: Carlos Santos Fernández en Cuadernos de Estudios Gallegos (2016)

DEBUXO DA REAL ACADEMIA GALEGA

Entre os papeis que compoñen o fondo doado en 1918 á Real Academia Galega pola familia do sacerdote e historiador Eladio Oviedo Arce (Noia, 20 de marzo de 1864 – 19 de xaneiro de 1918) “figura unha cuartilla de papel con dous debuxos da ara de Trabanca e outros tres do sepulcro ao que apareceu asociada”, revela Santos Fernández.

Estes debuxos, especialmente os dous do bloque inscrito, resultan dunha “importancia capital” para coñecer tanto a morfoloxía como o epígrafe desta ara romana, segundo o autor, pois non se conservan máis imaxes, ademais da augada depositada no Museo de Pontevedra, “de maior tamaño pero de menor entidade informativa”, sentenza Santos Fernández.

O autor describe este achado como cinco debuxos nunha cuartilla de papel branco envellecido, de 205×128 mm, que “presenta algúns danos na metade superior, especialmente na zona do ángulo esquerdo, maculado por un grupo de manchas tostadas”.

Da análise do docmento conclúe que tanto os cinco debuxos como o título, o rótulo e a sinatura foron realizados “utilizando un lapis graxo que, nos debuxos, serviu para delinear as figuras e para proporcionar volume mediante raiados ou sombreados.

A lámina pode dividirse visualmente en cinco campos:

1. En cabeceira e centrado, un rótulo en maiúsculas: LÁPIDA.

2. Dous debuxos en batería que representan dúas perspectivas do paralelepípedo que serviu como soporte á inscrición de Trabanca, e que ofrecen a vista das súas seis caras: o primeiro debuxo, rotulado ANVERSO, presenta unha perspectiva fronto-laterosiniestra-inferior; o segundo, rotulado REVERSO, dorso-laterodiestra-superior.

3. Tres debuxos en batería: o central presenta unha vista cenital da sepultura de Trabanca, mentres que os dous laterais ofrecen o detalle da cabeceira e os pés do devandito sepulcro. Cada un destes debuxos leva o seu correspondente rótulo en maiúsculas: CABECEiRA, SEPULCRO e PÉS.

4. Na parte inferior da cuartilla, un rotulo en maiúsculas localiza espacialmente o lugar do achado da lápida e o sepulcro: LÁPIDA E SEPULCRO ATOPADOS NAS PROXIMIDADES DE VILAGARCÍA DE AROUSA (LUGAR Da TORRE, NAS ESTRIBACIÓNS DE XIABRE).

5. Firma autógrafa de J. Fernández Gil e Casal no ángulo inferior esquerdo.

O debuxo tamén revela que o estado de conservación da ara, cando se debuxou, “era bo”. Así, “faltaba só o vértice superior dereito e un pequeno tramo da moldura que remataba a cara esquerda”, describe Santos Fernández, quen engade: “Presentaba, ademais, un pequeno rebaixe na parte media da aresta anterior dereita, e outro rebaixe moito máis acusado á mesma altura da aresta posterior esquerda; este rebaixe, quizá debido a un pulimentado intenso, ocasionou un refundimento que afectou a un terzo desta aresta e dunha parte do tramo medio das caras dereita e posterior”.

A lámina ofrece ademais a representación da sepultura á que a ara de Trabanca serviu de cuberta, aparentemente un sepulcro monolítico: “Trátase dunha sepultura de inhumación rectangular con cabeceira diferenciada igualmente rectangular (auque difire a relación lonxidtude/anchura nos dous debuxos que a representan), en cuxa metade superior aparece un resalte con función de soporte occipital do defunto, mentres que no pé mostra un rebaixe semicircular”, describe Santos Fernández.

AUGADA DO MUSEO DE PONTEVEDRA

No Museo de Pontevedra consérvase unha augada da ara de Trabanca asinada por Juan Fernández Gil e Casal que, “aínda que non ofrece novidades acerca da morfoloxía e o epígrafe que reflexa o debuxo custodiado na Real Academia Galega, serve para testemuñar a presenza do monumento trabanquino, aínda que non da peza orixinal, na Exposición Rexional Galega de 1909”, conclúe Carlos Santos Fernández.

Trátase dun debuxo a lapis, coloreado á augada, sobre un prego de papel de 56 x 38?5 cm e que estaba “destinado a formar parte da sección epigráfica do certame compostelán de 1909”, polo que foi adherido a unha lámina de madeira de 65,3 x 48,7 cm.

“Aínda que a finalidade deste debuxo (mostrar a ara de Trabanca aos visitantes da Sección Arqueolóxica da Exposición Rexional Galega) xustifica un maior coidado na súa execución, coloreado incluído, a información que proporciona sobre o soporte epigráfico é menor que a que se recolle no debuxo conservado no arquivo da Real Academia Galega, posto que a do museo pontevedrés ofrece só unha vista frontal da ara e da súa proxección superior e lateral esquerda, furtando ao espectador as características, aínda que pouco relevantes, da cara dorsal, inferior e laterodiestra do monumento trabanquino”, detalla o autor do achádego, que describe así os elemtos visualizados:

A augada que se conserva no Museo de Pontevedra, encabezada polo topónimo VILLAGARCÍA, presenta ao redor do debuxo catro lendas rotuladas que concordan coa finalidade expositiva para a que foi concibida: EPIGRAFÍA ROMANA (parte superior), ARA (lateral dereito), SERVIU DE CUBERTA DE SEPULTURA (lateral esquerdo) e DESCUBERTA PRETO DO LUGAR DA TORRE / CIRCUNSCRIPN DE TRABANCA BADIÑA / VILLAGARCÍA (inferior esquerda). Ademais, na zona inferior esquerda presenta a firma do autor: Juan Fernández Gil e Casal.

Copia do epígrafe da ara de Trabanca segundo figura na carta enviada por Juan Fernández Gil e Casal a Antonio López Ferreiro o 8 de maio de 1909. (Museo do Pobo Galego, F. Blanco Cicerón, pendente de catalogación, s.n., h. 1v.) | Fonte: Carlos Santos Fernández en Cuadernos de Estudios Gallegos (2016)

Copia do epígrafe da ara de Trabanca segundo figura na carta enviada por Juan Fernández Gil e Casal a Antonio López Ferreiro o 8 de maio de 1909. (Museo do Pobo Galego, F. Blanco Cicerón, pendente de catalogación, s.n., h. 1v.) | Fonte: Carlos Santos Fernández en Cuadernos de Estudios Gallegos (2016)

CARTA DE FERNÁNDEZ GIL A LÓPEZ FERREIRO (8 DE MAIO DE 1909)

Este manuscrito atópase nunha caixa de papeis pendentes de catalogación que forma parte do legado de Ricardo Branco-Cicerón depositado no Museo do Pobo Galego. A carta, datada en Vilagarcía de Arousa o 8 de maio de 1909, é asinada por Juan Fernández Gil e Casal e enviada a Antonio López Ferreiro para “consultarlle algunhas cuestións relacionadas coa Exposición Rexional Galega, certame que naqueles momentos preparábase en Santiago e de cuxa Sección Arqueolóxica era presidente o historiador compostelán”, relata Santos Fernández.

“A misiva ocupa tres caras dun prego de papel branco en cuarto, e nela faise referencia a tres asuntos: a correcta interpretación dunha inscrición romana da que Fernández Gil preparaba unha lámina para expoñer na Sección Arqueolóxica da Exposición, a remisión adxunta dunha listaxe e a pertinencia, para a Exposición de Santiago, do contido nunha relación enviada previamente”, describe o autor do achado.

“A intención fundamental de Fernández Gil ao escribir esta misiva é a de consultar con López Ferreiro a interpretación do epígrafe latino da denominada lápida de Trabanca, lápida de Ares ou de Ari, pois dos tres modos lla cita”, expón Santos Fernández.

CARTA DE FERNÁNDEZ GIL A CASTO SAMPEDRO (19 DE MAIO DE 1909)

Tan só once días despois de remitir o prego dirixido a López Ferreiro sobre a ara de Trabanca, Juan Fernández Gil e Casal escribiu outra misiva sobre o mesmo asunto ao floclorista e investigador arqueólogo Casto Sampedro (Redondela, 15 de novembro de 1848 – Pontevedra, 8 de abril de 1937).

Esta carta dirixida ao por entón presidente da Sociedade Arqueolóxica de Pontevedra, datada en Vilagarcía de Arousa o 19 de maio de 1909, “comeza cun extenso parágrafo no que se alude a unha epístola anterior de Casto Sampedro a Fernández Gil sobre a ara de Trabanca, á correspondencia —que non puidemos localizar— entre o presidente da Arqueolóxica teucrina e o pai Fita sobre o monumento epigráfico, e á onomástica do lugar no que se achou a ara, pois Fernández Gil estima que o topónimo axeitado é Trabanca Badiña —que denomina unha porción de territorio de Trabanca— e que ten o seu correlato en Trabanca Sardiñeira”, precisa Santos Fernández.

O manuscrito inclúe un “debuxo, inscribible nun rectángulo de 90 x 115 mm”, que “representa o sepulcro sobre o que se achou a ara de Trabanca, orientado e localizado respecto ao camiño ao monte Xiabre desde o lugar da Torre”, aclara o autor.

“Tomado desde un plano superior situado no ángulo inferior dereito da sepultura, este debuxo resulta bastante máis sinxelo —un mero esbozo, aínda que ben trazado— que os que ofrece a lámina da colección Oviedo Arce”, se ben o investigador expón que “resulta evidente a identidade do obxecto representado e da man que o trazou”.

Este bosquexo representa “unha sepultura de inhumación rectangular con cabeceira diferenciada tamén rectangular, en cuxa metade superior aparece un poial que serviría como soporte occipital; ademais, no centro da parte inferior apréciase un pequeno rebaixe semicircular. Aparentemente trátase dun sepulcro monolítico, posto que se advirte unha continuidade e regularidade nas súas paredes que non concorda —a pesar do que se afirma nas notas complementarias— cos sepulcros construídos mediante tégulas ou laxas de pedra”, especifica o autor do estudo.

CARTA DE FERNÁNDEZ GIL A CASTO SAMPEDRO (8 DE MARZO DE 1917)

Case oito anos despois da carta anterior, a ara de Trabanca volveu ser obxecto da correspondencia cruzada entre Juan Fernández Gil e Casto Sampedro, como revela un prego asinado polo primeiro que se conserva no Museo de Pontevedra.

Dedúcese que a misiva serve como resposta a outra de Casto Sampedro ao investigador vilagarcián “solicitando información acerca das circunstancias nas que se achou a ara de Trabanca e da fidelidad que, respecto do orixinal, gardaba un debuxo —quizá a augada destinada a Exposición Rexional Galega— remitido por Fernández Gil”, salienta Santos Fernández.

“Trátase pois dunha demanda de información parcial: o presidente da Sociedade Arqueolóxica de Pontevedra non necesita datos das características externas da ara —proporciónallos o debuxo que manexa—, nin do texto insculturado, nin da súa lectura ou interpretación; bástalle con obter noticias da localización e o contexto arqueolóxico en que se achou a ara de Trabanca, e con confirmar se o debuxo de que dispón garda proporción escalar co desaparecido monumento epigráfico”, conclúe o autor da investigación.

HISTORIA DA ARA DE TRABANCA

Finalmente, nas súas conclusións, Carlos Santos Fernández expón unha descrición dos acontecementos máis destacados sobre a ara de Trabanca e as súas características, información que aporta novidades a un dos misterios da arqueoloxía galega.

– A coñecida como ara de Trabanca foi achada entre 1885 e 1890 polo pai de Juan Fernández Gil e Casal no lugar de Trabanca Badiña (parroquia de Arealonga, concello de Vilagarcía de Arousa).

– Trátase dun paralelepípedo de pedra, talvez de 42 cm de altura (segundo unha referencia transversal, pouco precisa), cuxa única ornamentación consiste nunha moldura semicircular convexa situada no vértice superior de dous das súas caras.

– Presenta unha inscrición votiva na que se identifica claramente o dedicante (QVINTINVS Q. F.) e a fórmula votiva (V. S. L. M.); non hai, en cambio, unanimidade acerca da identidade do dedicatario.

– Cando se atopou servía como cuberta parcial dun receptáculo antropomorfo de pequenas dimensións —que Fernández Gil cualifica de urna cineraria—, construído con tégulas e lastras de pedra, situada á dereita do camiño de Trabanca dá Torre ao monte Xiabre. Na súa contorna acháronse restos de tégulas.

– A primeira referencia impresa, tanxencial, á ara de Trabanca é de 1904, e figura en ‘Galicia antiga’ de Celso García de la Rega.

– Antes de maio de 1909 xa se perdera.

– Nos primeiros días de maio de 1909 Fernández Gil realizou un debuxo á augada da ara —a partir dun bosquexo tomado do natural—, destinado á Exposición Rexional de Galicia. Con tal motivo volveu tentar interpretar o seu contido: o día 8 de maio escribiu a López Ferreiro, copiando a inscrición, para consultarlle a súa hipotética interpretación; así mesmo recorreu ao pai Fidel Fita, como revela unha carta dirixida a Casto Sampedro o 19 de maio de 1909.

– En xaneiro de 1915 Fernández Gil enviou o manuscrito dos seus ‘Apuntamentos arqueolóxicos’ á Real Academia da Historia, nos que mencionaba a ara de Trabanca copiando a primeira liña de texto do epígrafe e o signo que encabezaba a segunda. O artigo publicouse no Boletín da Real Academia da Historia en 1916.

– En marzo de 1917 Fernández Gil escribiu a Casto Sampedro para proporcionarlle algúns datos sobre a ara de Trabanca que o director da Sociedade Arqueolóxica de Pontevedra debeu solicitarlle previamente.

– En 1931 Casto Sampedro recolle algunhas noticias sobre o achado da ara e ofrece unha lectura parcial do texto, aínda que sen indicar a distribución en liñas. Respecto do seu paradoiro —a pesar de que, como vimos, xa se consideraba perdida en 1909— afirma: «Non se puido recoller aínda a pesar das moitas dilixencias para o efecto».

– A partir de 1931 publícanse diversas referencias á ara de Trabanca (Álvarez Limeses, Filgueira Valverde e García Alén, Bouza Brey, etc.) que reproducen noticias anteriores e non achegan datos substanciais para o seu coñecemento; quizá o máis significativo é a dúbida que, acerca da existencia da ara de Trabanca, expoñen Filgueira Valverde e García Alén en 1953.

– En 1994 Gemma Baños inclúe a ara de Trabanca no ‘Corpus de inscricións romanas de Galicia’ correspondente á provincia de Pontevedra, no que ofrece unha lectura parcial da inscrición así como a súa organización en liñas tomada, posiblemente, desa copia mecanografiada de orixe descoñecida cuxa localización limita a «No Museo de Pontevedra».

– En 1996 José María Blázquez propuxo a hipótese de que o suxeito do voto que testemuñaba a ara de Trabanca era un deus indíxena.

O ACHADO

Foi durante a redacción da biografía ‘Antonio López Ferreiro (1837-1910). Canónigo compostelano, historiador y novelista’ (Alvarellos Editora), entre os anos 2008 e 2012, cando Carlos Santos Fernández achou “a carta que se conserva no Museo do Pobo Galego, dirixida por Juan Fernández Gil a López Ferreiro o 8 de maio de 1909 para consultar ao ancián historiador a interpretación dunha inscrición romana achada en Trabanca dá Torre, misiva que proporciona —a teor do que puidemos pescudar— a máis temperá e completa descrición dun ara perdida desde a primeira década do século XX”, lembra.

Un ano despois, coa biografía de López Ferreiro entregada aos editores e mentres eran revisados os papeis de Eladio Oviedo Arce depositados no arquivo da Real Academia Galega, “atopamos unha cuartilla firmada por Fernández Gil con dous debuxos —vista anterior e posterior— do monumento de Trabanca da Torre”, continúa o investigador.

Xa co traballo de pesquisa en marcha, localizou no Museo de Pontevedra outros documentos relativos á ara de Trabanca: a augada de Fernández Gil destinada á Exposición Rexional de Galicia de 1909 e dúas cartas do mesmo remitente, datadas en maio de 1909 e marzo de 1917, dirixidas a Casto Sampedro.

“Grazas á amabilidade das citadas institucións (Museo do Pobo Galego, Real Academia Galega e Museo de Pontevedra) reproducimos os cinco documentos para deixar constancia das características físicas da peza e do texto completo dunha inscrición (desgraciadamente) desaparecida”, manifesta o autor deste estudo, fundamental para recuperar a memoria sobre un legado romano esquecido dende hai máis dun século.

FONTES

Galicia Confidencial

Carlos SANTOS FERNÁNDEZ, “Cartas y dibujos acerca de una inscripción romana desaparecida: el ara de Trabanca (Vilagarcía de Arousa)”, Cuadernos de Estudios Gallegos, 63, núm. 129 (2016), págs. 91-123, DOI: http://dx.doi.org/10.3989/ceg.2016.129.03

Pode que che interese...