Representación dunha figura con báculo episcolpal no Mosteiro de Moraime / Elixio Vieites

Os escravos do bispo Rosendo

Tempo de lectura: 4 min.

Sobre a fundación do mosteiro altomedieval de Almerezo (San Vicenzo da Graña. Ponteceso) á vista do documento do ano 867 atribuído ao Bispo Rosendo I. (II)

Falabamos fai unhas semanas en historiadegalicia.gal dun documento do ano 867 sobre a fundación do Mosteiro de Almerezo na parroquia da Graña, concello de Ponteceso. Este enumera os bens que serían doados para a creación dunha comunidade relixiosa por parte do segundo bispo da sede Mindoniense Rosendo I, que sucede a Savarico, o fuxido de Dumio pola invasión musulmá e ao que Afonso III o Magno lle cedería unhas terras en “Mundunieto”, na costa de Lugo para fundar unha nova sé, entre os anos 864 e 867. Algún autor consultado dubida da existencia de Savarico I e apunta a Rosendo I como o seu primeiro bispo, e hai tamén variedade de opinións sobre os retocados no século XII en certos documentos para atribuír dominio eclesiástico sobre as propiedade de terras e outras posesións. Da autenticidade deste documento de RosendoI, lemos no traballo “Toponimia e microtoponimia da área de entre Ponteceso e Laxe. Aportazóns sobre nomes de lugar de orixe cultural monástico: O Mosteiro de Almerezo” :
“Este documento (07/05 /867) é posto en dúbida e polo tanto posto por falsificación para fins de outorgazóns territoriais de determinadas dioceses, parróquias e arciprestádegos, por historiadores como M.C. Díaz e Díaz, A. García Piñeiro, e sobretodo por Isla Frez. Case sen dúbida que o é, pero non quita por iso de ser rico en información do tempo que pretende abranguer, eis o duro terreo da investigación medieval”.

Viaxe á Idade Media. Testemuña cun xoglar / DocuHistory

Viaxe á Idade Media. Testemuña cun xoglar / DocuHistory

Pois a iso intentaremos ir, sobre todo a tenza e doazón de escravos.

A Rosendo teríalle correspondido este lugar pola herdanza do que fora, segundo el, un seu tío Gasisnio. Lemos na doazón .” Porque es mui notorio a todos, que Gasisnio, mi tío, gozó del dicho lugar de Almerezo….” .

Sobre a tenza dos chamados escravos por parte das clases con domino sobre os territorios, poderíase afirmar que eran as persoas que se doaban ou transferían como parte da terra onde estaban instalados, e que sería o discorrer no tempo das inercias continuistas das relacións dos servos coa aristocracia altomedieval e o seu modo de producir, de posuír e de convivir.

No documento do século VII “Regula Communis”, no seu capítulo IX, temos máis informacións de ata onde chegaban estas relacións, cando describe entre as actividades caritativas asociadas á figura episcopal está a nomeada “onde se redimen os cativos”, inde redimuntur captivi.

Esta actividade “caritativa” fora regulada no Dereito Romano do imperio así como despois nos reinos xermánicos que o substituíron. Os autores que investigan sobre a posesión da terra na Gallaecia despois da invasión xermánica, din que ademais de supor violencia, esta viu a interromper formas de vida que ata aquel tempo formaban parte do cotián e que supuxo o abandono das “villae”, espazos que serían aproveitados pasado o tempo, pero con estruturas sociais novas, formadas polas clases dominante que seguirían a ser unha reducida aristocracia, membros da igrexa e os campesiños e servos. Estes últimos con multitude de razóns que os forzaban para ser servos como sería a mencionada redención de débedas e a que habería que sumar a tendencia de aquelas comunidades aldeás que buscarían protección, intentando resistir e organizándose coma mosteiros, firmando pactos de convivencia e xuramentos de estabilidade. Todo isto producido nunha época de transformación e modificación social na que se incluirían os fenómenos de estabilización da explotación agrícola, a cristianización e a creación de monarquías, estas últimas verdadeiros motores da estratificación social dos primeiros séculos da Idade media Galega e que daría paso a feudalización plena pasado o tempo.

Este tipo de documentos lexitimaría a posesión de bens e persoas, nunha verdadeira loita por fornecerse de man de obra para o traballo de terras e pago de rendas e ao que poucos poboadores poderían apartarse. Ainda que había campesiños libres e formaran outro tipo de comunidades, estes argallados subterfuxios poñerían a o servizo das comunidades relixiosas a tutela de servos que, de non ser así entrarían a formar parte da acumulación de propiedades doutros aristócratas locais que desposuirían aos anteriores propietarios, ou sexa tiñan marcado o seu destino que se alongarían por moitos séculos en adiante.

Canzorro en Almerezo / Elixio Vieites

Canzorro en Almerezo / Elixio Vieites

Ten o bispo Rosendo un “xesto de humanidade” cara a eles no documento de Almerezo e facendo gala de caridade, e ao mellor por salvación da súa alma, avisa : “…Determino también y mdo. que mis esclavos y esclavas, assi aquellos que ia por herencia de mi padre, y por las particiones con mis hermanos me han tocado, como tambiém aquellos que me pertenecen por la suceción de mi Madre, assi como ya tengo instituído por otro scripto, el que sean libres, de la misma lo ratifico por este testamento y que esten devajo del patrocinio de mis hermanos. Igualmente determino que si alguno dellos los oprimiera violentamente y sin causa puedan apartarse que aquel que injustamente los maltratare, y pasarse a los que los tratare bien , y le sirvan….”

 

Bibliografía
O documento no Boletín nº 23 da RAG . Autor César Vaamondes Lores. 1909

http://academia.gal/boletins#paxinas.do?id=1979&d-447263-p=1

El territorio en la historia de Galicia. Organización y control. Siglos I-XXI
Edición a Cargo de Gerardo Menaut e Ermelinda Portela. Varios Autores. USC Editora
Académica. 2015

 Justo Beramendi : Historia mínima de Galicia. . Turner Publicaciones. 2016

Enrique Cal Pardo. Episcopologio Mindoniense : Cuadernos de Estudios Gallegos, CSIC. Anexo XXVIII. Ano 2003

Xosé-Carlos Ríos, Macarena Ríos : Toponimia e microtoponimia da área entre Ponteceso e Laxe. Aportacións sobre nomes de lugar de orixe cultural monástica: O mosteiro de Almerezo.  Estudios Mindonienses nº 27 , ano 2011

http://patrimoniogalego.net/index.php/87738/2016/07/igrexa-de-san-vicenzo-da-grana/

Se atopou algún erro nesta noticia, por favor avísenos seleccionando o texto ou palabra en cuestión e presionando Ctrl+Entrar.

Escrito por

Divulgador

Pode que che interese...

Informe de erros

O seguinte texto será enviado aos nosos editores: