fbpx
Cemiterio republicano abandonado en Cortiño, Corcoesto, / Asociación Petón do Lobo

Os mortos abandonados do cemiterio republicano de Corcoesto

Tempo de lectura: 3 min.

Ana Varela e Ismael López, secretaria e presidente da Asociación Petón do Lobo

Hai mortos e mortos. Tamén na morte hai división de clases porque semella que non é o mesmo estar enterrado nun cemiterio civil e noutro rexilioso. Cando menos, en Corcoesto.

Situado no lugar de Cortiño, o cemiterio civil de Corcoesto foi construido durante a II República española para dar resposta ás necesidades daquel momento: garantir á liberdade relixiosa da cidadanía e promover a saúde pública, xa que logo, o cemiterio da igrexa parroquial, de espazo reducido, impedía seguir enterrando a máis cadáveres nas condicións adecuadas de hixiene e salubridade.

De aí que o lugar escollido fose extramuros, alonxado dos núcleos habitados, elevado e ben ventilado. Pero hoxe en día o inmoble está abandonado e no medio dun monte de piñeiros. Aínda conserva os muros en bo estado, mais a vexetación impide apreciar a fondo as súas características.

Cemiterios civís na II Repulica

A chegada da II República levou a moitos concellos a separar o cemiterio civil e o cemiterio relixioso. E Corcoesto non foi unha excepción. O alcalde daquela época dispuxo que nesta vila fora construído un debido a presencia de veciñanza non católica na parroquia, concretamente persoas vencelladas ao movemento da masonería.

A súa construción obedeceu ao establecido na antiga Real Orde do 19 de maio de 1882 que claramente especificaba que:  “por mor das malas condicións con que contaban algúns cemiterios españois, que han de emprazarse en lugar elevado, contrario á dirección dos ventos dominantes, en terreos mantillosos ou calizos, a medio quilómetro de distancia de calquera elemento urbanizado, por ser establecementos de nefitismo pútrico permanente, cun declive e grao de humidade adecuados, lonxe de fontes de auga”.

Cemiterio de Saavedra, onde se atopa a imaxe da Virxe dos Milagres / Óscar Dacosta

Cemiterio de Saavedra, onde se atopa a imaxe da Virxe dos Milagres / Óscar Dacosta

Tamén sinalaba que o recinto tiña que servir “para cinco anos de enterramentos -período mínimo de exhumación de restos-, con terra removible, e en foxos de 2 por 0,8 metros, separados por 30-50 centímetros ou unha parede”. “Estas cuestións físicas deberán acompañarse de vixiancia e cercado por medio dunha muralla de dous metros de alto, con portas de ferro pechadas con cadeado, e de salas especificamente dedicadas a autopsias e embalsamamentos, velorios, capela e habitacións para capelán e enterrador”, concluía.

Así pois a veciñanza propuxo ao alcalde daquel momento o lugar de Cortiño, que ademais era boa terra, “terra de horta, fácil de remover para o enterrador”, e afastado de fontes de auga que evitaran a contaminación.

Ata entón estaban as tapias dos cemiterios

Ata aquel momento, na práctica enterrábase ao non católico xunto á tapia do cemiterio, na parte de fóra, lugar provisional ata o momento de emitirse o fallo xudicial eclesiástico sobre unha posible admisión no recinto católico. Este enterramento provisional tería lugar nunha zona que non servise de sepultura para católicos, e contaría con separación mural da área católica.

A II República trastorna por completo o panorama cemiterial en España. Producirase a secularización total e definitiva, que permanecerá ata os decretos asinados polo réxime franquista a piques de concluír a contenda civil.

A finalización da Guerra Civil significará unha volta atrás no que se refire a lexislación e práctica de enterramentos. Por iso, moitos cemiterios civís, como o de Corcoesto, quedaron esquencidos.

Pode que che interese...