fbpx
Fervenza no entorno no mosteiro de San Xusto de Toxosoutos / Íñigo Mouzo

Os perigos de Toxosoutos, onde estivo un dos mosteiros máis famosos de Galicia

Tempo de lectura: 6 min.

Íñigo Mouzo, licenciado en Historia da Arte

San Xusto de Toxosoutos é un dos monumentos e lugares naturais máis importantes, á vez que descoñecidos, da comarca de Noia. Foi por moitos séculos un dos mosteiros máis importantes da zona e, a pesares dos estragos da Desamortización, logrou pervivir ó longo dos séculos deixando unha grande pegada monumental. Ademais, o seu entorno natural é privilexiado, xa que se sitúa nun dos numerosos cursos fluviais da comarca, ó pé de dous excepcionais saltos de auga e conservando, como poucos lugares do val, unha inalterada vexetación atlántica de bosque mixto e de ribeira.

Sen embargo este espazo excepcional, como tantos outros monumentos de primeira orde de Galicia, se atopa ameazado. Non só polo avance de especies alóctonas na tradicional fraga, ou pola crecente rururbanización da zona, senón pola simple ameaza que supón a coexistencia coa natureza agrogandeira da súa veciñanza. Así, o caso de San Xusto ten unha notable diferenza doutros monumentos ameazados. Non é a deixadez das administracións nin o paso do tempo, pois tras importantes inversións de distintas organismos, e do uso e coidado polas institucións que o empregan, é unha soa familia veciña do monumento a que consegue estragar o seu entorno natural e a imaxe proxectada a visitantes e turistas.

O mosteiro, foi dos máis importantes do noroeste de Galicia, fundado en 1131, en pleno medievo galego, remóntase a unha época de esplendor do noso románico, nun momento no que se construíron numerosas capelas e conventos, todos eles baixo o influxo das obras da gran basílica compostelá. O mosteiro bieito, que pertencería o señorío de Noia, que a súa vez dependería da mitra compostelá, foi erixido por dous cabaleiros, Froila Alonso e Pedro Muñiz, que abandonaron a vida batalladora por outra monástica, nun lugar privilexiado, cedido polo mosteiro de San Paio de Antealtares e no que xa existía unha ermida previa.

Un dos edificios restaurados de San Xusto de Toxosoutos / Íñigo Mouzo

Un dos edificios restaurados de San Xusto de Toxosoutos / Íñigo Mouzo

Co paso do tempo o mosteiro irá engadindo propiedades na súa pequena área de influencia e crecendo en importancia dentro do señorío de Noia. Coa chegada da Idade Moderna e despois de pasar a depender do de Sobrado, en 1634 San Xusto consegue fundar xurisdición propia e estender as súas posesións ata converterse nunha das máis extensas entre os mosteiros do noroeste galego. Será nesta época na que se renoven unha boa parte das súas instalacións monásticas, entre elas a propia igrexa.

Coa reforma de 1833 e os reiterados intentos de abolición dos señoríos xurisdicionais do século XIX, o mosteiro acabará por perder os seus privilexios e pasar a depender do recén creadoconcello de Lousame. Pouco despois, en 1836, será ademais obxecto da desamortización de Mendizábal, pasando tras a exclaustración a converterse as súas dependencias en parroquial da aldea de Toxosoutos e en casas reitorais da mesma parroquia. Por aquel entonces a parroquial mantívose en relativo bo estado de conservación e en uso xa que a freguesía foi crecendo durante todo o século XIX por mor da actividade industrial na zona, sobre todo derivado das fábricas de papel, como a fundada por Domingo Fontán en Brandía.

Venda do claustro  romático

No século XX a actividade industrial mantívose no concello sobre todo nas décadas centrais do século debido á presenza das minas de volframio e estano en San Fins, que atraeron ás parroquias da contorna poboación en época de serias dificultades económicas. Sen embargo, por aquela, parte das dependencias do mosteiro xa se perderan. pois en 1920 o párroco de San Xusto tomara a decisión de vender o claustro románico do mosteiro ó Vizconde de Noia para o seu pazo da Pena de Ouro, conservado hoxe ó pé da vila de Noia, na DP-1105.

As décadas da democracia trouxeron finalmente a rehabilitación das dependencias aínda conservadas do mosteiro e a actualización da súa contorna, asentando os accesos e consolidando as súas marxes. A finais da década de 1990, durante o mandato socialista do concello de Lousame, e con fondos de diferentes administracións, se rehabilitaron os antigos espazos monásticos converténdose en albergue e máis restaurante, cunha coidada e minuciosa intervención. Tamén se renovou o seu patio principal e máis os seu acceso dende a comarcal que une Santiago con Noia. En 2011 converterase ademais nun negocio de turismo rural tratando de fusionar o seu marco incomparable cunha coidada oferta hostaleira.

Consolidaríase nesta época ademais o seu entorno e os camiños a redor do río, creándose pasarelas e sinalizando as vellas rutas de sendeirismo. Así, o lugar ficou algún tempo rehabilitado e cunha certa vitalidade, con institucións públicas e privadas traballando na súa posta en valor e no seu uso. Sen embargo vai poucos anos aparece o seu primeiro fracaso como concesión privada, e a adxudicataria do restaurante pecha o negocio. Sen embargo San Xusto mantense en uso grazas a agrupacións culturais e parroquiais que suceden á empresa hostaleira tralo seu feche, ente elas alumnos da UNED Senior que utilizan na actualidade as instalacións como viveiros e hortas.

Lixo no entorno de San Xusto de Toxosoutos / Íñigo Mouzo

Lixo no entorno de San Xusto de Toxosoutos / Íñigo Mouzo

 Sombras das intervencións  e deterioro 

Sen embargo as intervencións no mosteiro non foron completas ó cen por cen. Quedaron sen resolver cuestións coma a rehabilitación dos importantes elementos etnográficos que ademais das instalacións conventuais configuran o conxunto. Así, a pesares de construírse pasarelas e camiños, quedaron sen rehabilitar elementos tan importantes como a grande cantidade de muíños que percorren o curso de auga (poden contarse ata oito nuns douscentos metros), así como o antigo pombal do mosteiro e antigos muros que delimitaban a propiedade. Ademais tampouco se resolveu de todo a relación coas vivendas do entorno nin a conservación paisaxística da contorna, confiándose o seu futuro e a súa preservación ó seu encaixe no fondo do val.

Se ben este espazo é privilexiado, consérvase como unha illa natural dentro dun concello eminentemente agrícola, no que o sector gandeiro e o madeireiro cercan con plantacións, vivendas e monte hermo a contorna do monumento. O conxunto de Toxosoutos sofre ademais pola proximidade ás vías de comunicación de primeiro nivel que articulan a comarca como é a CG-1.5 e a AC-453 que unen Santiago con Noia, agrupándose as edificacións ó redor desta segunda estrada, con independencia do seu impacto no monumento. O pé desta comarcal atópase ademais unha das maiores ameazas actuais para o monumento, unha vivenda e explotación agraria de medianas dimensións de xestión tradicional que se abre por completo á comarcal e deixa ás súas costas ou ós seus pés, o río San Xusto e o conxunto monástico de Toxosoutos.

Subindo directamente do mosteiro, polos camiños que rodean o río, ata chegar ós principais saltos, atopamos como a ruta comeza a verse salpicada de lixo. Esta situación aumenta xa por completo se deixamos atrás o principal salto de auga accedendo ó lugar de maior aglomeración de muíños, catro nuns cincuenta metros. O lugar no que se atopan é un dos de maior presenza natural e dos de maior valor etnográfico, e sen embargo é o que se atopa en peor estado. O lixo se acumula no lugar e en época de riadas é levado río abaixo afeando e contaminando o entorno directo dos saltos do San Xusto.

Unha das viviendas que se atopa moi preto do antigo mosteiro de San Xusto de Toxosoutos / Íñigo Mouzo

Unha das viviendas que se atopa moi preto do antigo mosteiro de San Xusto de Toxosoutos / Íñigo Mouzo

O lugar correspondese coa traseira desta vivenda tradicional, ficando literalmente por baixo dela. O quedar por debaixo o espazo convertese nun verdadeiro vertedoiro da explotación arroxándose dende a propiedade chatarra, escombros e lixo. Estas verteduras non só ensucian a contorna senón que ademais provocan estragos ó mesturarse coas estruturas dos camiños e as canles dos muíños e, ó facerse de xeito continuado no tempo, elevan a cota tradicional dos camiños e da vexetación impedindo o acceso ós visitantes. Ademais semella que a modificación noutro tempo da explotación, o ancheamento de herbais e ampliación de construcións, debeu modificar a cota respecto do espazo do río, empenándose a ribeira moito máis do que debeu estar en tempos da construción do conxunto etnográfico.

O aglomerado da edificación configúrase ademais coma un mostrario da mala praxe do respecto paisaxístico galego, con hórreos restaurados de ladrillo, cerramentos de bloques, valados medio derruídos, vivendas novas sen encalar e peches de somier, entre outros. Neste sentido é no que debemos reflexionar sobre o estrago dun monumento que pode propiciar unha única vivenda. E que, a pesares dos esforzos de diferentes institucións para levar a cabo a rehabilitación e posta en valor dun entorno monumental e natural único, unha soa familia pode estragar a imaxe lanzada polo conxunto minguando de xeito importante as oportunidades de preservar e poñer en valor o lugar. Tamén debe reflexionarse sobre o papel das propias administracións públicas, incapaces plantexar solucións e de prever problemas futuros nos procesos de actualización de un monumento, investíndose importantes cantidades de fondos públicos na rehabilitacións pero sen unha imaxe clara do futuro que o lugar debería de ter.

Pode que che interese...