fbpx
Fusilamento durante a Guerra Civil Española / foto Dominio Público

Os represaliados esquencidos na Guerra Civil Española

Tempo de lectura: 3 min.

Foron centos, milleiros, e sufriron tamén a represión do réxime fascista de Franco durante os primeiros  meses da Guerra Civil Española. Foron os funcionarios das institucións republicanas e, ata hoxe, os grandes esquencidos dun conflito cruento no que se viron envoltos.

Precisamente, para que non sexa esquecido o seu sufrimento, a Deputación de Pontevedra acaba de homenaxear a aqueles homes e mulleres que padeceron en carne propia a dureza do franquismo. Foi nun acto que tivo lugar este sábado no organismo provincial e que supón o primeiro destas características que se realiza nunha deputación.

Placa colocada nos xardíns da Deputación de Pontevedra para lembrar aos funcionarios represaliados polo franquismo / Deputación de Pontevedra

Placa colocada nos xardíns da Deputación de Pontevedra para lembrar aos funcionarios represaliados polo franquismo / Deputación de Pontevedra

Foi un acto institucional de Reparación da Memoria Histórica que se celebrou no Pazo provincial coincidindo co día exacto do 80 aniversario do fusilamento en Campañó de dous presidentes e un membro da comisión xestora da Deputación de Pontevedra, o 12 de novembro de 1936. Tamén se honraron a tres presidentes máis e ao asesor xurídico que tamén sufriron represión por defender as súas posicións democráticas.

“Trátase dun acto de reparación e de xustiza para coas persoas desta institución que padeceron a barbarie do fascismo, que foron represaliados, xulgados, encarcerados, torturados, e mesmo asasinados”, suliñou o deputado provincial, o nacionalista Xosé Leal.

Os cinco homenaxeados son Bibiano Fernández Osorio-Tafall, Amancio Caamaño Cimadevila, Joaquín Maquieira Fernández, José Adrio Barreiro, e Maximilano Pérez Pego. Os dous funcionarios; Ramiro Paz Carbajal, membro da comisión xestora, e José García Vidal, asesor xurídico. “A importancia deste tipo de actos non radica só en que sexa un acto de xustiza para coas vítimas, senón en que a Memoria perviva, e que a transmisión que fan os familiares directos continúe nas persoas novas que coñecen a súa historia a través destes actos, para que as xeracións máis novas saiban todo o acontecido en 1936” sinalou Leal na presentación.

Presentación da homenaxe aos funcionarios represaliados na Guerra Civil na Deputación de POntevedra

Presentación da homenaxe aos funcionarios represaliados na Guerra Civil na Deputación de POntevedra

O evento consistiu na colocación dunha placa no xardín da Deputación en referencia ao papel que os dous edificios provinciais xogaron durante a represión: o actual Edificio Administrativo foi convertido en cárcere e no Salón de Plenos do Pazo provincial celebrábanse os consellos de guerra contra as persoas represaliadas.

Posteriormente, no Salón de Plenos desenvolveuse un acto de homenaxe no que estiveron presentes descendentes das vítimas, entre eles, José Luis Adrio, fillo de José Adrio, e Cubana Fernández, neta de José García Vidal. Tamén estiveron epresentantes dos concellos de toda a provincia, e asociacións de Memoria Histórica. Ademais interviron Begoña Caamaño -neta de Amancio Caamaño- no nome dos familiares das vítimas, e a xornalista e escritora Montse Fajardo que fará unha semblanza do que foi a represión na Deputación.

Xuntanza simbólica na deputación

Aproveitando o simbolismo desta celebración, as asociacións adheridas á Iniciativa Galega pola Memoria celebraron unha xuntanza na Sala de Xuntas do Pazo para avanzar nas accións e iniciativas da súa axenda do vindeiro ano.

Tamén Xosé Leal tamén anunciou que para o 2017 “a Deputación elaborará un mapa de lugares da Memoria, cos lugares da represión, que é un compromiso cos familiares e tamén coa sociedade en xeral”.

Pode que che interese...