O conselleiro de Cultura, Román Rodríguez, na inauguración da mostra "Na procura do pasado. Orixe e desnevolvemento da arqueoloxía en Ourense" / Xunta

Ourense abre a súa historia á xente

“Na procura do pasado. Orixe e desenvolvemento da arqueoloxía en Ourense”. Ese é o título da exposición que se inaugurou este mércores en Ourense e que ten como obxectivo coñecer a historia do Museo Arqueolóxico desta provincia.

O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez, e o alcalde de Ourense, Jesús Vázquez Abad, foron os encargados de inaugurar esta ostra que ofrece un percorrido pola historia institucional do Museo Arqueolóxico Provincial e explica como a traxectoria está intimamente ligada á investigación arqueolóxica desenvolvida ao longo do tempo nesta provincia.

Esta exposición pretende dar unha visión dos actores principais que impulsaron a práctica da arqueoloxía desde finais do século XIX ata os anos 70 do século XX. Rememorando o labor realizado por figuras da talla de Marcelo Macías, Arturo Vázquez Nuñez, Manuel Díez Sanjurjo, Florentino López Cuevillas, Xaquín Lorenzo Fernández, Xesús Ferro Couselo, Xesús Taboada Chivite, Conde Valvis, Rubén García Álvarez, Manuel Chamoso Lamas ou Laureano Prieto, entre outros, “que contribuíron –en palabras do titular de Cultura– a que xeracións futuras poidan coñecer o pasado deste país aberto ao mundo no que viven.”

A mostra consta de fotografías destes persoeiros e de pezas arqueolóxicas directamente relacionadas coa súa actividade como o Guerreiro de Armeá, o Sedente de Xinzo, xoias de Regodeigón, a Tabula de Castromao, o Mosaico da Cigarrosa, etc. Abondosas pezas procedentes dos fondos do propio Museo Arqueolóxico Provincial, fundamentais para o coñecemento histórico da provincia en épocas determinadas. A mostra pódese visitar na Sala de exposicións Afundación desde hoxe até o próximo 19 de xaneiro.

O conselleiro explicou que se trata dunha mostra transcendental “para coñecer os vestixios monumentais dispersos pola xeografía ourensá e o labor dos sabios que traballaron na súa recuperación e catalogación”.

Se atopou algún erro nesta noticia, por favor avísenos seleccionando o texto ou palabra en cuestión e presionando Ctrl+Entrar.

Pode que che interese...

Informe de erros

O seguinte texto será enviado aos nosos editores: