Indicador do Camiño de Inverno / noticiasvaldeorras.com

Pódese cambiar a traza histórica do Camiño de Santiago?

O Camiño de Santiago volve estar non centro da polémica. O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) vén de desestimar os dous recursos contencioso-administrativos que varias entidades do Foro do Camiño Primitivo interpuxeron contra a Dirección Xeral de Patrimonio por entender que a delimitación oficial do Camiño Primitivo vulnerou a Lei 3/1996, de Protección dos Camiños de Santiago.

En 2013, sete entidades culturais, sociais e ecoloxistas que forman parte do Foro do Camiño (ADEGA, Asociación Galega dos Camiños de Santiago, Lugopatrimonio, Asociación A Espalladoira, Asoc. De Amigos do Patrimonio de Castroverde, Padroado do Museo Comarcal da Fonsagrada e a Orde das Donas e Cabaleiros do Priorato de Vilar de Donas), reclamaron ante o TSXG a anulación da delimitación oficial do Camiño Primitivo por terse elaborado en base a criterios fraudulentos e non obxectivos, no canto de teren primado os criterios establecidos na Lei dos Camiños de Santiago, como son a autenticidade ou a historicidade da traza histórica das rutas medievais.

Estase entidades entendías que esta delimitación consolidaba os desvíos por estrada e as apropiacións irregulares da calzada, coa conseguinte destrución da súa paisaxe cultural asociada á vía primitiva. Así mesmo, o FORO demandaba a corrección da delimitación en certos treitos concretos con criterios técnicos motivados e onde primaba a protección do territorio histórico, a súa conservación, rehabilitación e recuperación. Ata o momento, a Xunta non ten recuperado nin un só metro dos treitos deturpados da vía medieval.

Nun comunicado, denuncian que a resolución do Tribunal Superior desestima todos os argumentos do FORO e asume, case por completo, o enfoque da Xunta de Galicia sobre a “realidade dinámica” do Camiño e a definición da súa traxectoria física a criterio discrecional do lexislador.

Baleiro legal

O Tribunal considera que, en tanto existe un baleiro legal na Lei de protección dos Camiños de Santiago polo cal non se establece con exactitude os límites dos criterios xurídicos a aplicar para a delimitación das vías xacobeas, esta debe realizarse a criterio discrecional do goberno autonómico de quenda. “Deste xeito, o TSXG sitúa o valor científico da historicidade e autenticidade da ruta xacobea nun nivel igual ou inferior de importancia a outros criterios non obxectivables ou de carácter comercial, económico, turístico ou de interese privado”, indican.

Obras realizadas por Turismo de Galicia no Camiño de Santiago que, segundo o Foro do Camiño, poñen en perigo os trazados orixinais / Adega

Obras realizadas por Turismo de Galicia no Camiño de Santiago que, segundo o Foro do Camiño, poñen en perigo os trazados orixinais / Adega

Por iso, o FORO considera que este fallo “asenta unha grave xurisprudencia e un perigoso precedente na definición oficial das rutas xacobeas, ao contradicir o postulado fundamental de carácter legal” que incide na necesidade de salvagardar o Camiño como Ben de Interese Cultural. Entende que isto é o debe facer prevalecer a historicidade e autenticidade das vías xacobeas como valores prioritarios na súa delimitación.

Consecuencias

Estas entidades suliñan que esta sentenza xustifica e promove que o interese histórico dos itinerarios xacobeos “fique nun lugar secundario e residual fronte a criterios subxectivos” da administración ou intereses privados ou particulares que nada teñen a ver coa historia, cultura ou patrimonio material, inmaterial ou natural dos Camiños.

Tamén critica que respalde, na práctica, que o Camiño se reconverta “nun simple roteiro turístico ou deportivo” desvinculado de toda tradición, cun mero obxectivo funcional e irrelevante, “que se pode recrear ao gusto da administración á que se lle dá presunción de veracidade, con total impunidade”.

Tamén apuntan que deixa sen protección gran parte dos treitos da traza histórica primitiva “que foron deturpados, alterados ou apropiados nos últimos anos”, e que o TSXG non entrou a valorar, como se desprende da lectura da sentenza.

Ademais, din que a sentenza atribúe como aval da delimitación oficial do Camiño Primitivo por parte da Xunta a súa posterior proclamación como Patrimonio Mundial pola UNESCO, sen ter en conta que a administración autonómica nunca informou ao organismo internacional do estado “sub judice” no que se atopaba a delimitación do Camiño.

Dá carta branca aos atentados que tanto particulares como Administracións exerzan contra a trama física do Camiño e o seu territorio histórico e premia aos asaltantes da vía pública, seguindo a inercia administrativa dos últimos anos”, suliñan.

Distintos camiños de Santiago / arquivoltas.com

Distintos camiños de Santiago / arquivoltas.com

Tras este fallo, o FORO terá que pagar 3.000 euros de costas. Por iso, e aínda cabendo recurso contra esta sentenza perante o Tribunal Supremo ou recurso de reposición no propio TSXG, as entidades recorrentes reenuncian a esta posibilidade debido á carestía económica que ditos recursos supoñen para estes colectivos sen ánimo de lucro.

Fiscalía

Con todo, o FORO solicitará a intervención da Fiscalía en materia de protección do patrimonio cultural dos Camiños e presentará denuncia no organismo internacional da UNESCO e no Consello de Europa, recabando ademais a colaboración das federacións de asociacións xacobeas a nivel mundial, do Comité Internacional de Expertos do Camiño de Santiago, así como doutras institucións máis próximas, como a Valedora do Pobo, a Mesa Provincial dos Camiños de Santiago, organizacións políticas, etc.

Tamén iniciará un período de información e divulgación dirixido ao conxunto da opinión pública sobre o cambio de rumbo que está a tomar o fenómeno xacobeo e as súas perspectivas de futuro.

Se atopou algún erro nesta noticia, por favor avísenos seleccionando o texto ou palabra en cuestión e premendo as teclas Ctrl+Entrar.

Pode que che interese...

Informe de erros

O seguinte texto será enviado aos nosos editores: