fbpx
Pintada con símbolos de Harry Potter no dolmen da Casa dos Mouros, en Vigo / Atlas

Propoñen crear unha brigada de patrimonio en Vigo para protexer os bens do concello

Tempo de lectura: 3 min.

A pintada a un dos principais dolmenes de Vigo, a Casa dos Mouros, na parroquia de Candeán foi a última dunha longa agresión aos monumentos desta cidade. Por iso, fartos desta situación o grupo de A Marea de Vigo acaba de rexistrar unha moción na que pide que se cree unha brigada municipal para protexer os bens patrimoniais do concello.

Esta moción recolle a proposta feita polos traballadores de arqueoloxía, sobre a conservación dos xacementos arqueolóxicos catalogados e incide na necesidade de que se poña en valor a riqueza patrimonial do concello.

Praia de Canido, en Vigo, onde se atoparon instrumentos líticos de hai 150.000 anos / vivevigo.info

Praia de Canido, en Vigo, onde se atoparon instrumentos líticos de hai 150.000 anos / vivevigo.info

Esta brigada encargaríase de actuacións de limpeza e conservación non intrusivas nos xacementos arqueolóxicos, xa foran producidas por axentes antrópicos ou por degradación natural. Dentro das súas competencias estarían, segundo esta propostoa da Marea, a limpeza vexetal mecánica, de carácter manual para poder contemplar os monumentos e evitar a incidencia dos incendios neles.

Este grupo especializado do concello tamén realizaría limpezas no xacemento e no seu entorno, eliminando materiais fora de contexto tales como entullos, refugallos, acumulacións de terras. Puntualmente tamén podería acometer traballos de acondicionamento no entorno dos xacementos –sen incidir directamente neles-, encamiñados a mellorar o seu aspecto e a percepción polo público como serían accións de reparación e acondicionamento de valados, accesos, sinalizacións…

“En todos os casos, a rigorosidade e a meticulosidade estarían sempre presentes. Actuaríase baixo os preceptos do Decreto 199/97, do 10 de xullo, que regula a actividade arqueolóxica na Comunidade Autónoma de Galicia, e cada unha das actuacións quedaría reflectida en fichas sistematizadas elaboradas ao respecto: documentaríase o antes, os procesos de limpeza e conservación, e o aspecto final”, sinala A Marea Viguesa na súa moción.

170 bens patrimoniais

Acutalmente, dentro dos límites territoriais do Concello de Vigo existen máis de 170 xacementos arqueolóxicos catalogados, e polo tanto, suxeitos a protección legal e urbanística. A Lei 5/2016, de 4 de maio, do Patrimonio Cultural de Galicia establece unha correspondencia de colaboración entre a administración autonómica e as corporacións locais, para adoptar, en caso de urxencia, as medidas cautelares necesarias para salvagardar os bens do patrimonio cultural de Galicia que se viran ameazados (art. 3.2) Deste xeito, e tal e como lembra a Marea, os concellos “teñen a súa responsabilidade á hora de conservar os bens arqueolóxicos presentes dentro dos seus territorios”.

Vista da ría de Vigo / A.Cenamor-thefaceoflife.com

Vista da ría de Vigo / A.Cenamor-thefaceoflife.com

O patrimonio é unha arma cargada de futuro. Vigo non pode permitirse o luxo de desdeñar o seu patrimonio cultural –e dentro del o patrimonio arqueolóxico-, xa que é unha gran oportunidade para a cidade”, destaca.

Por iso, insiste na necesidade de impulsar a riqueza patrimonial para convertela nunha riqueza económica e tamén social. “O actual modelo económico de Vigo claramente aposta polo sector industrial, e esta infraestrutura socioeconómica da cidade está exposta a vaivéns conxunturais: calquera industria, calquera sector produtivo pode quebrar. O noso patrimonio cultural non”, indica.

Con todo, nos últimos anos, dende o Concello de Vigo xa se están a desenvolver iniciativas de valorización do patrimonio municipal (Castro de Vigo, vila romana de Mirambell, áreas etnoarqueolóxicas,….). “Uns traballos que poñen fin a tempos de esquecemento e degradación e supoñían o inicio dunha nova etapa de ennobrecemento e revalorización do noso patrimonio”, como tamén recoñece a Marea.

Pode que che interese...