Ortofoto do Monte do Castro, un asentamento non catalogado

Seguen aparecendo novos castros en Galicia

Dicía Manuel Rivas que Galicia é o país do millón de vacas, e Rosalía que era o país dos ríos e dos regatos. Pero tamén é o país das mámoas, dos petroglifos ou dos castros. Cada aldea e cada lugar teñen o seu mouro ou a súa moura oculta entre os penedos.

É a máxia dunha Galicia que non deixa de sorprender, como lle aconteceu esta pasada fin de semana ao Colectivo Patrimonio dos Ancares, que non para de alegrarlle o día a aqueles que aman o patrimonio con novos descubrimentos. O último, un novo castro en Monforte de Lemos.

Como non podía ser menos, foron os mouros, eses seres míticos que viven con nós desde hai milleiros de anos nun submundo que os vellos coñecen moi ben, os que serviron para dar co novo achado.

Mámoa do Monte Medorra, en Monforte / Xabier Moure

Mámoa do Monte Medorra, en Monforte / Xabier Moure

Integrantes deste colectivo souberon do ben arqueolóxico –que non está catalogado—logo de falar cos moradores da casa que está ao pé do camiño que sobe cara o monte da Medorra. Acudiron alí logo de inspeccionar unha mámoa e petróglifos. O home de máis idade, ademais de saber dela (está nun terreo da súa propiedade) e das coviñas, díxolles que na Medorra vivían os mouros e que por unha cova baixaban cara o río de Covos e o castro.

O castro? Que saibamos, no rexistro da Dirección Xeral do Patrimonio non hai ningún castro catalogado en Susao, nin sequera na parroquia de Sindrán”, abraiáraonse os exploradores. Preguntáronlle entón onde quedaba e ata o lugar se dirixiron. E, en efecto, xusto no vértice onde se xuntan a pista asfaltada que vai a Susao (Monforte) e a estrada local a Liñares (A Pobra do Brollón), apréciase o que semella foi un antigo asentamento.

Novamente, as lendas e a tradición oral é máis poderosa que calquera investigación. A pesares da maleza e os piñeiros que o inzan, alí existe un recinto de forma ovalada protexido por terrapléns en todo o seu perímetro, cun pronunciado desnivel do terreo polo noroeste e un foxo defensivo polo leste. O interior do recinto está totalmente achairado. As súas medidas aproximadas son de 125 metros no eixo norte-sur e de 85 metros no eixo leste-oeste. Curiosamente, hai uns anos, en Susao atopáronse varios artefactos do Paleolítico.

Outros achados

Non só o castro foi o único achado dos integrantes deste colectivo. No monte da Medorra, en Susao, na parroquia de Sindrán (Monforte de Lemos) visitaron un antigo enterramento megalítico que aparece no catálogo da Xunta de Galicia como topónimo, co código GA27031TOP06.

Coviñas nunha rocha no Monte da Medorra, en Monforte / Xabier Moure

Coviñas nunha rocha no Monte da Medorra, en Monforte / Xabier Moure

Antes de coroar a cima, nunha penichaira situada a 655 metros de altitude, cunha vista sobre o Val de Lemos e a cidade de Monforte espectacular, localizaron os restos da mámoa que debido aos labores agrícolas perdeu case toda a súa masa tumular, cun diámetro aproximado de 11 metros e unha altura que non chega aos 0,20 metros. Sobre ela vense gran número de pedras de xisto e cuarzo que deberon formar parte da coiraza pétrea. Nas inmediacións localizaron o que puido ser un esteo da cámara funeraria onde se ve un suco ben marcado e moi suave ao tacto, posiblemente de factura artificial.

Pero na súa teima de atopar os primeiros petroglifos do concello de Monforte, continuaron ata a cima do monte, a 665 metros de altitude, onde hai varios afloramentos de xisto. Aínda que a maioría das pedras están cubertas por abundante lique, localizaron tres rochas cunha cazoleta cada unha. Teñen un diámetro duns cinco centímetros e unha profundidade de dous. Nas proximidades demos cunha pedra que foi cortada cunha gravura de forma navicular de 10 centímetros de longo por 3 de ancho e, como no caso do posible ortostato da mámoa, moi suave ao tacto.

Fonte do Parque dos Condes, en Monforte, cunha coviña nun dos seus laterais / Xabier Moure

Fonte do Parque dos Condes, en Monforte, cunha coviña nun dos seus laterais / Xabier Moure

Unha muller de Susao comentoulles logo  que cando era pequena ía coas ovellas ata a Medorra. Díxonos que non moi lonxe da cima hai unha pedra moi lisa (e fermosa) onde xogaban. Ao parecer tamén hai coviñas. “Mágoa que non demos con ela, posiblemente, como nos avisou a muller, porque actualmente debe estar tapada pola abundante maleza”, apunta Xabier Moure.

A última alegría da viaxe

Non acabaron aí os achados. Logo de volta en Monforte, os membros do colectivo achegáronse ata a fonte que hai xunto a lagoa artificial do Parque dos Condes para limpar un pouco o barro das botas. Foi alí cando Pilar, unha integrante da expedición, se fixou nalgo que ata ese momento pasara desapercibido. Para facer a fonte utilizaron unha pedra granítica con grandes pías naturais, ignorando de onde a trouxeron. “Mais na parte superior esquerda, por riba do caño, hai unha coviña de factura case seguro que feita pola man do home. Ao longo de Galicia non é infrecuente atopar coviñas artificiais asociadas a pías naturais”, sinala Moure.

De todos os novos descubrimentos xa deron contra cuns escritos ao Concello e Patrimonio.

Se atopou algún erro nesta noticia, por favor avísenos seleccionando o texto ou palabra en cuestión e presionando Ctrl+Entrar.

Pode que che interese...

Informe de erros

O seguinte texto será enviado aos nosos editores: