fbpx
Unha das ilustracións de Lobada, o libro de Xosé e Ramón Trigo sobre o comercio de wolframio en Galicia

Un cómic recrea o comercio nazi en Galicia

Tempo de lectura: 2 min.

Seis anos despois de “O burato do inferno”, Xosé e Ramón Trigo presentan “Lobada”, un relato de espionaxe que toma como pretexto o comercio de volframio entre Galicia e a Alemaña nazi durante a Segunda Guerra Mundial.

Lobada (Deputación da Coruña, 2016) é unha narración ambientada no Vigo de 1943 que xira arredor do comercio do volframio entre as autoridades franquistas da época e unha Alemaña nazi que dependía do mineral galego para manter en marcha a súa mastodóntica industria bélica. A versión que agora ve a luz é a reelaboración dun antigo proxecto chamado Kartoffel co que os autores quedaron finalistas do Premio Castelao de Banda Deseñada en 2009.

Nunha equilibrada combinación de elementos históricos e ficticios, os irmás Trigo imaxinan unha misión de espionaxe en banda deseñada que non só ten como obxectivo eliminar as redes de contrabando de volframio senón tamén obter unha fórmula curativa dunha menciñeira do País. Os autores espallan polo texto referencias documentais, algunhas auténticas e outras abertamente falsas, que contribúen tanto a subliñar a veracidade do marco histórico como a reforzar a complicidade co lector., tal e como apunta Eduardo Maroño en GC Tendencias.

Esta premisa válelles para imaxinar unha ría de Vigo visitada por submarinos alemáns, para retratar a xerifaltes nazis paseando polo porto da cidade e, en definitiva, para incorporar a Galicia a un imaxinario, o da Segunda Guerra Mundial, recreado de forma masiva por ficcións de todo tipo pero inexplicablemente ausente da nosa propia tradición ata hai pouco. Lobada súmase deste xeito a novelas recentes como Febre de Héctor Carré, Izan o da saca de Xabier Quiroga ou Cabalos e lobos de Fran P. Lorenzo, que tiran do fío da memoria colectiva para amosar un pasado incómodo de conivencia entre a Galicia do franquismo e o réxime nazi.

Fonte: Galicia Confidencial

Pode que che interese...