fbpx
Posible menhir nas Ferrerías, Friol / Xabier Moure

Un menhir en Friol?

Tempo de lectura: 3 min.

Xabier Moure, divulgador e investigador

Días atrás, vimos no facebook de Arqueoloxía de Galicia a foto dun gran fito chantado á beira dun camiño. A única referencia falaba de que se atopaba nun sitio indeterminado do concello de Friol e que a súa altura rondaba os dous metros. Días despois demos coa procedencia da foto no blogue manuelprejubilado.blogspot.com. O autor fíxoa o día 29 de outubro de 2016 cando ía cara Santiago polo Camiño Primitivo. A foto era a feble pista coa que contabamos.

Os comentarios á vista da foto en Arqueoloxía de Galicia foron bastantes variados, pero predominando os que se inclinaban por unha pedrafita-menhir, isto é, supoñéndoselle unha cronoloxía prehistórica. Eu, sen dispoñer tampouco doutros datos, inclineime pola cautela, sabendo que non é a primeira vez que se mete (metemos) a zoca. Para elo puxen dous exemplos, un na provincia da Coruña onde se considerou coma un menhir un fito situado nun campo de mámoas pero que foi chantado no lugar hai uns corenta anos e procedente dun monte próximo, e outra pedra chantada nunha finca na provincia de Ourense que ata o daquelas actuara como lintel da porta dunha corte.

Posible menhir nas Ferrerías, en Friol / Xabier Moure

Posible menhir nas Ferrerías, en Friol / Xabier Moure

Para saír de dúbidas, o 15 de novembro de 2016, Brais Rodríguez Romero, Pilar Carpente máis eu fomos na procura do fito. Para a nosa surpresa (agradable porque ás seis xa se bota a noite), á primeira persoa que preguntamos nas Ferrerías (na parroquia de Vilalvite, en Friol) indicounos exactamente a situación: unha pedra de semellante porte non pasa desapercibida, e menos para os veciños. En efecto, localizamos o chanto dentro dun pasteiro situado a carón do devandito camiño a Compostela, tamén vello Camiño Real que dende Lugo ía ata Friol, decatándonos que a súa altura sobrepasaba, con moito, os dous metros. En efecto, despois de medilo deunos, a parte á vista, unha altura de 3,30 metros. Na base, case lisa, na parte que da ao camiño, mide 1,30 metros; na cara esquerda, tamén case lisa, 1 metro. O resto do fito ten forma arredondada. Dende a base vaise estreitando lixeiramente cara a cima que presenta forma truncada. Non observamos ningún tipo de marca que nos chamara a atención.

Pedrafita recolocada

Mais a sorte continuou a sorrirnos. Cando xa marchabamos atopámonos co señor Cesáreo, unha persoa amabilísima que, mira por onde, resultou ser o dono da finca. As preguntas, claro está, non se fixeron esperar. As respostas do señor Cesáreo, tampouco. Hai uns vinte anos, cando estaba a acondicionar a finca para pasto, a pequena pa escavadora petou cunha gran pedra que estaba enterrada. Purra que purra, a máquina apenas a movía uns poucos centímetros. Despois de moito porfiar, conseguiu poñela á vista. O primeiro que lle chamou a atención foron as súas dimensións: uns seis metros de altura; e en segundo lugar a boa factura da mesma. Deulle pena esnaquizala: era tan fermosa! Con máis maña que forza, despois de facer un burato duns tres metros de profundidade, arrastrou a pedra ata a boca da focha e foina achegando lentamente coa escavadora ata metela dentro. Despois, para poñela vertical, empurrouna pouco a pouco coa hidráulica. Se non for porque utilizou unha máquina moderna, o sistema utilizado para chantala de seguro que non estaría moi lonxe do que empregaban os megaliteiros.

Non se trata de facer conxecturas indemostrables, mais cómpre achegar algúns datos que poden resultar interesantes. Polo que nos contou o señor Cesáreo, non existe memoria, antes de que dera coa pedra, da súa existencia. Cando a moveu e a colocou no lugar actual, non a danou, presentando o aspecto que presenta hoxe en día. Non fai falla ser un experto para decatarse de que o chanto foi traballado por man humana (un canteiro, amigo do señor Cesáreo, así llo asegurou). A zona é moi potente arqueoloxicamente: preto de dous castros, dunha ferrería con orixes romanas e, sobre todo, de que apareceu xunto un campo de mámoas. Enterrada xunto esta pedra había outra semellante pero un pouco máis pequena que o señor Cesáreo tamén fincou nas proximidades (enterámonos disto ao falar con el, díxonos que na actualidade está tapada pola maleza. Como xa se facía tarde deixámola para a próxima visita).

Menhir? Pedra cortada para outros usos? Probablemente, nunca o saberemos.

FONTE:

http://onosopatrimonio.blogspot.com.es/

Pode que che interese...