fbpx
Vista de parte da área por onde se quere instalar a nova liña de alta tensión de Red Eléctrica co Monte Xalo na parte inferior dereita da fotografia / artabron.blogspot.com

Unha eléctrica quere pasar unha liña de alta tensión polo medio dun espazo natural e arqueolóxico protexido

Tempo de lectura: 2 min.

O monte Xalo non é un monte calquera. Está dentro do catálogo de paisaxes de Galicia e forma parte da Reserva de Biosfera, onde funciona como “zona tampón”, de conservación da diversidade biolóxica e antropolóxica. Nel se atopa, ademais, un interesante campo de mámoas de hai máis de 6.000 anos de antigüedade. E, a pesar de todo iso, Red Eléctrica Española quere pasar unha gran liña de alta tensión polo medio desta paraxe.

Pero desta volta ten a oposición de case todos. Dos colectivos ecoloxistas, asociacións veciñais e patrimoniais e dos concellos. De feito, os de Carral e Culleredo xa presentaron alegacións contra este proxecto que, de facerse, atravesará varios concellos da comarca norte coruñesa, desde Abegondo até A Coruña.

A proposta de Red Eléctrica prevé unha nova subestación e expón varios trazados, algún con gran impacto en hábitats de interese. A liña de alta tensión proxéctase para garantir a subministración na Coruña. Todo o tendido iría aéreo excepto o tramo final desde A Zapateira, con postes de até 71 metros de altura, e para colocalos será necesario rozar, cimentar, usar camións e formigoneiras e cortar árbores.

Por iso, diversos colectivos xa se pronunciaron en contra do proxecto porque as catro propostas presentadas afectaría severamente ao monte Xalo. Ademais, o Concello de Culleredo resalta nas súas alegacións o “elevado valor paisaxístico, etnográfico e arqueolóxico” deste monte. De feito, as súas alegacións foron redactadas polo Grupo Naturalista Hábitat que define as especies de interese botánico que deben ser protexidas nesta contorna, así como elementos patrimoniais.

Tamén o Concello de Carral, no que se atopa boa parte do monte Xalo, presentou as súas alegacións nas que se pide que se teña en conta a protección do patrimonio e do medio ambiente.

Vista do Castelo da Veiga, no Monte Xalo / Luar na Fraga

Vista do Castelo da Veiga, no Monte Xalo / Luar na Fraga

Polo momento, o proxecto está na fase de consultas previas e despois elaborarase un Estudo de Impacto Ambiental que se someterá tamén a información pública para presentar alegacións.

Conxunto de mámoas

No monte Xalo atópase un importante conxunto de mámoas no coñecido como Chan do Castelo, algunhas das cales xa foron afectadas por unha tala o pasado ano que foi denunciada ante a Dirección Xeral de Patrimonio e o Concello de Culleredo.

O conxunto foi descuberto en 1950 polo arqueólogo Luis Monteagudo e algunhas delas xa foron destruídas ao longo dos anos posteriores. No monte xalo tamén se atopan restos de fortificacións medievais, como o castelo da Veiga.

 

Fontes:
Hábitat
O noso patrimonio
La Opinión de A Coruña

Pode que che interese...