Mosteiro de San Pedro de Tenorio, en Cotobade, onde foron enterrados once republicanos asasinados polos falanxistas / turismo.gal

Arbo lembra a seis republicanos asasinados no 36

Tempo de lectura: 2 min.

Telmo Rodríguez Alonso (concelleiro), Amadeo Álvarez Fernández (torneiro), Juan Alonso Pérez (mestre), José Gómez Sampayo (médico), Alfonso Alonso Portugués (agrarista) e Joaquín Antonio Álvarez Álvarez (mestre). Son nomes que durante moitos anos estiveron ocultos na memoria dos veciños de Arbo. Ninguén quería falar en público dos mortiños que asasinaran os falanxistas a sangue frío a comezos da Guerra Civil Española.

Dous deles morreron xa a comezo da guerra, pero os catro restantes aínda sufriron uns meses antes de ser asasinados. Estiveron presos no campo de concentración da Illa de San Simón, ata que, o 8 de novembro de 1936 metéronos nun camión e matáronos, xunto con outros sete compañeiros, en Cotobade.

Acto de homenaxe organizado polo Grupo pola Recuperación da Memoria Histórica de Arbo

A día de hoxe os seus restos están desaparecidos. Nun primeiro momento estiveron no cemiterio do mosteiro de San Pedro de Tenorio. En 2009 a ARMH, quixo exhumar os cadáveres. Pero o lugar onde estaban enterrados fora removido nos anos 60, durante as obras de construción de novos nichos. Os osos atopados acabaron no osario común do cemiterio, esquecidos e imposibles xa de ser recuperados.

Homenaxe

Pero aquel tempo de desmemoria, de medo e terror hai tempo que rematou. E, agora, 80 anos despois, Telmo, Amadeo, Juan, José, Alfonso e Joaquín terán a súa xusta homenaxe. Será o 18 de decembro, na súa localidade natal, Arbo, e consistirá na colocación dunha placa conmemorativa colectiva e de dúas placas máis, nas casas de dous dos asasinados. Haberá un xantar, no que intervirá o historiador dezán Manuel Igrexas, a investigadora Carmen García Rodeja (da ARMH), e Xesús Alonso Montero, presidente da RAG.

O acto está impulsado polo Grupo da Recuperación da Memoria Histórica de Arbo, coa colaboración da Universidade de Vigo, a Asociación pola Recuperación da Memoria Histórica (ARMH) e a Iniciativa Galega de Memoria (IGM).

Se atopou algún erro nesta noticia, por favor avísenos seleccionando o texto ou palabra en cuestión e presionando Ctrl+Entrar.

Pode que che interese...

Informe de erros

O seguinte texto será enviado aos nosos editores: