fbpx
Muíño do Picoto e Baneira do conxunto etnográfico e patrimonial dos Muiños da Regueira, na parroquia de Corcoesto / María del Carmen Varela

Cando os muíños eran o centro da vida social e refuxio de guerrilleiros

Tempo de lectura: 4 min.

Por María del Carmen Varela, presidenta da Asociación galega Cova Crea

Case todos os ríos, regos e regueira de Galicia teñen unha historia común. Unha historia sementada de muíños e dunha intensa vida social durante anos que foi decaendo e apagándose a partires dos anos sesenta.

Muíño do conxunto etnográfico e patrimonial dos Muiños da Regueira, na parroquia de Corcoesto / María del Carmen Varela

E que pasaba nesas pequenas construcións de pedra movidas pola auga e ocultas en lugares máxicos e rodeadas de fermosas fragas?. Eran lugares de moenda de trigo e de millo pero tamén de contacto social. Ao longo do cauce dos regos estendíase fieiras de muíños de herdeiros ou de maquía que moían día e noite sen descanso, nunha economía rural marcada polas cartillas de racionamento e a ditadura franquista.

Por suposto, eran lugares de ocio, entretenemento e de intensa vida social onde a música e as cantigas populares tiveron un gran desenvolvemento. Neles foi intensa a vida social durante os anos 40 e 50, nunha época especialmente dura do franquismo. A tolerancia das xentes que moían nas regueiras permitía que persoas perseguidas polo seu ideario atoparan acubillo nalgún dos muiños da Regueira.

O conxunto da Regueira

Canle de auga do conxunto etnográfico e patrimonial dos Muiños da Regueira, na parroquia de Corcoesto / María del Carmen Varela

O conxunto etnográfico e patrimonial dos Muiños da Regueira, na parroquia de Corcoesto, municipio de Cabana de Bergantiños (A Coruña) é un bo exemplo disto. Son 12 muíños escondidos ao longo dunha vaguada. Un lugar “mítico” nos anos 40 e 50 por ser escenario dunha intensa vida social. O muiñeiro, Pedro da Regueira, era a persoa ao redor da cal xiraba a vida na Regueira, aínda que el tan so posuía 2 muíños (de maquía). O resto son de herdeiros ou de pezas (o muíño coñéceselle polo nome da familia que tivera máis pezas ou días de moenda).

Algúns deles dispoñen dunha canle ou acueduto que conduce a auga ao muíño, outros en cambio, son muíños de cova, afundidos no cauce do río e onde a auga vertía directamente neles.

O lugar de A Regueira é un área ou espazo natural de alto valor ambiental e ecolóxico. Ademais da vexetación de ribeira e riparia, hai algunha fraga de árbores autóctonas de gran beleza natural e paisaxística.

Os Muiños 1 e 2 están ubicados por debaixo da Ponte da Regueira. Os outros 10 localízanse augas arriba ao longo do cauce. O cauce é o rego de Sta. Margarida que nace en Baneira (lugar coñecido co microtopónimo de Vista Alegre, pola beleza do val de Bello que se estende aos seus pés), na fonte de Sta. Margarida, aos pés do Monte Perrol. Atravesa o val de Bello e de Cures ata chegar A Regueira, onde recolle as augas de outros cauces menores para rematar no río Cardezo, afluente do río Anllóns.

Antigo local social do conxunto etnográfico e patrimonial dos Muiños da Regueira, na parroquia de Corcoesto / María del Carmen Varela

O esplendor destes muiños estivo entre a década dos anos 1920 ata 1970. A Regueira era o centro da vida social, económica e cultural destes anos. A chamada “Casa de Pedro da Regueira”, hoxe parcialmente en ruínas, chegou a ser incluso sede de varios plenos municipais, naquelas datas nas que o concello de Cabana de Bergantiños non dispoñía de casa consistorial e mentres esta era construída.

Dispoñía de tenda ultramarinos, ferretería, librería, bar e casa de apostas (timba). O muiño nº 6 e 7 chegaron a ser refuxio dos Foucellas durante a ditadura franquista.

Muiño do medio do conxunto etnográfico e patrimonial dos Muiños da Regueira, na parroquia de Corcoesto / María del Carmen Varela

Os muíños

Hoxe en día estes 12 muíños fican abandonados, silenciosos e lembrando tempos mellores. Algúns deles están aínda en bo estado e outros fican agochados entre a maleza. Esperamos que o concello de Cabana de Bergantiños inclúa no proxecto do Plan xeral de ordenación municipal que arestora está en tramitación, esta xoia etnográfica e patrimonial.

MUIÑO Nº. 1 ou Muiño de Leis de Cardezo.

MUIÑO Nº 2 ou Muiño de Martínez.

MUIÑO Nº 3 ou Muiño da Señora e de  Sánchez.

MUIÑO Nº 4 ou Muiño de Baneira.

MUIÑO Nº 5 ou Muiño do Camiño.

MUIÑO Nº 6 ou Muiño de fariña de millo da Regueira (muiño de maquía).

MUIÑO Nº 7 ou Muiño de fariña de trigo da Regueira (muiño de maquía).

MUIÑO Nº 8 ou Muiño de Vinculeiro e do Picoto.

MUIÑO Nº 9 ou Muiño dos González.

MUIÑO Nº 10 ou Muiño do Campo do Río.

MUIÑO Nº 11 ou Muiño do Medio.

MUIÑO Nº 12 ou Muiño de Xan.

Pode que che interese...