fbpx
Concentración na Praza do Campo de Lugo, diante da fonte barroca que foi destrozada nun acto vandálico

Cualifican o destrozo da fonte de Lugo como “un acto de barbarie”

Tempo de lectura: < 1 min.

O portavoz de Lugonovo, Santiago Fernández Rocha, criticpi con dureza o ataque de vandalismo que sufriu a Fonte de San Vicente a pasada madrugada do venres. “Esta Fonte é un verdadeiro icono, un referente de Lugo tanto pola súa situación como polo seu simbolismo e, polo tanto, o acontecido supón unha perda transcendental”, sinalou.

“A facilidade coa que se atentou contra o corazón patrimonial da capital pon de manifesto que nos atopamos nun momento histórico no que as significacións sociais sofren unha fonda crise, froito da colonización do capitalismo. Este debilitamento dos valores cívicos está a provocar un baleiro que ocupa a barbarie, se non, non se comprende o acontecido”, indicou nun comunicado.

O voceiro da formación cre que esta relaxación das conviccións e da raigame á comunidade, tamén se pode combater dende o local abordando dúas perspectivas: a da sensibilización pero tamén a da salvagarda a pé de rúa. Por iso, apunta á necesidade de que, en primeiro lugar, se estableza un protocolo de actuación, que actualmente non existe, para a Policía Local e que, dentro do mesmo, se inclúa a vixilancia e custodia do patrimonio municipal como unha tarefa específica á que é preciso dedicar esforzos e efectivos concretos.

“O que está claro é que só lamentarse non resolve nada. As administracións deben desenvolver un papel moito máis activo e intervir, nas súas posibilidades, na concienciación da cidadanía. Esa será a principal ferramenta de prevención pero, parello a estes mecanismos, débense artellar outros capaces de disuadir punitivamente deste tipo de condutas violentas e vexatorias”, conclúe.

Este domingo un grupo de cidadáns concentrouse en Lugo diante da fonte para denunciar esta brutal agresión e pedir máis medidas para evitar que isto volva a acontecer.

Pode que che interese...