fbpx
Torre de Caldaloba / foto Xabier Moure

En perigo o último castelo que resistiu á doma e castración do reino de Galicia

Tempo de lectura: 4 min.

Xabier Moure, investigador e divulgador do patrimonio

A Torre de Caldaloba está en perigo de derrube. E non é un castelo calquera, a pesar da súa sinxeleza, e a súa situación no interior da provincia de Lugo, en Cospeito, ten un valor simbólico enorme. É o último gran castelo que se enfrontou, a finais do século XV, á todapoderosa maquinaria bélica dos Reis Católicos que, pouco despois, comezarían o que xa se coñece como “doma e castración do reino de Galicia”.

O castelo está nunha propiedade privada e foi erixido, sobre un primitivo castro, na época baixomedieval (Hervés dátaa no século XIII, e Vázquez Seijas no XIV). Nalgúns documentos tamén aparece citado como castelo de Vilaxoán. Levántase no Coto do Mato, un outeiro situado a 467 metros de altitude. Para construílo escolleron o emprazamento dun primitivo castro da Idade do Ferro, aproveitando os foxos que o defendían. Consérvase unha arruinada torre de 25 metros de altura, de planta cadrada, con 10 metros de lado e muros de máis de 2,5 metros de espesor, construída en pizarra e cadeirado de granito nas esquinas.

Tiña catro andares (planta baixa e tres niveis máis), rematada por unha bóveda de canón da que só se conservan os arranques dos arcos rematados en ménsulas. Durante séculos sufriu varios asedios. Na parte inferior aínda se aprecian os impactos dos bolaños (pedras de forma redonda) lanzados con catapultas ou con primitivos canóns. Pero a pesar da súa robustez, a súa situación é moi delicada e ameaza con derrubarse.

O último baluarte dos Pardo de Cela

A fortaleza foi destruída polos Irmandiños e reconstruída por Fernán Ares, xenro do decapitado Pardo de Cela, quen, xunto coa súa muller e filla do mariscal, Constanza de Castro, rexeitaron os ataques das tropas dos Reis Católicos ata que tiveron que renderse ao podrecer a auga do alxibe. Os reis, despois da conquista, puxéronna á venta para sufragar os gastos do asedio.

No ano 1646 aparece como propietario o conde de Fuensaldaña e vizconde de Altamira, Álvaro Pérez de Viveiro. No ano 1755 foi vendida a Gabriel María Montenegro, do pazo de Caldaloba, situado a uns poucos centos de metros (conta a lenda que un túnel comunicaba a torre e o pazo).

Situación de abandono na que se atopa a Torre de Caldaloba, a última que mantiveron os Pardo de Cela / Xabier Moure

Abandono e deterioro

O abandono da torre prodúcese no século XVII, con referencias documentais sobre a venta de escombros procedentes da mesma. A presenza de vexetación e a exposición á choiva contribuiu á súa deterioración. A parte superior da torre desapareceu por completo e o resto está cortado por grandes gretas verticais. Máis da metade do terzo superior desapareceu (muros posterior e laterais), incluídas as xambas e arcos da porta e ventá principáis (crese que roubadas para a utilización noutras construcións). A fábrica, no seu conxunto, presenta numerosos derrubes e gretas. A parte superior estaba coroada por ameas. Hai uns 30 anos colocouse un andamio arrodeando a torre para retirar as pedras en peor estado pero non se acometeu ningunha obra de consolidación. Dise que o andamio estivo alí durante nove meses, a un millón das antigas pesestas por mes (preto de 6.000 euros).

A pesares de que a torre foi declarada Monumento Nacional por decreto de 22 de abril de 1949, o seu estado é de completa ruína. Para que se manteña en pé urxiría asegurar a fábrica para evitar o desprendemento das grandes pedras (algunha de 500 quilos) que están a piques de caer e repoñelas nas zonas máis degradadas.

Aínda que é o monumento emblemático do concello de Cospeito (unha das torres do seu escudo representa a de Caldaloba), o seu estado de conservación é de completa ruína e está totalmente invadida pola maleza, facéndoa case invisible ao ollo humano. É tanta a matogueira que a arrodea que resulta imposible achegarse ata os muros. E non falemos do acceso para chegar ata ela. O camiño resulta practicamente intransitable. E quen desexe subir ata o altorelo onde está emprazada ten que mentalizarse para sufrir os ataques dos toxos, silvas e ortigas que actúan como unha impenetrable muralla vexetal, quizais para impedir que os visitantes observen aquela ruína arruinada. Se se quere ver arodeándoa polo foxo perimetral, o visitante terá que conformarse con distinguir só o 25% da torre xa que o resto está comido pola maleza.

A torre de Caldaloba, en Cospeito, ameaza con derrubarse / Xabier Moure

Necesidade de protección

Dentro do réxime xeral de protección do Patrimonio Histórico, as torres, castelos e pedras heráldicas obstentan o maior grao de protección (decreto do Ministerio de Educación Nacional de 1949, Lei do Patrimonio Histórico Español de 1985 e Lei do Patrimonio Cultural de Galicia de 2016). A lei galega di que os Concellos teñen a obriga de protexer, defender, realzar e dar a coñecer o valor cultural dos bens que se ubiquen dentro do seu termo municipal, correspondéndolles en caso de urxencia, como é este de Caldaloba, adoptar as medidas cautelares necesarias para salvagardar os que se visen ameazados. E os propietarios, posuidores e demais titulares de bens integrantes do noso patrimonio teñen a obriga de conservalos, coidalos e protexelos para asegurar a súa integridade e evitar a súa perda, estrución ou deterioración. O incumprimento destas obrigas conlevará unha multa, e mesmo a expropiación.

O día 12 de agosto de 2016 presentamos uns escritos dirixidos ao Concello e aos grupos municipais con presenza no mesmo para que se tomen as medidas urxentes para evitar a desaparición, tanto da torre de Caldaloba como da Ponte do Porto, e tamén no Servizo do Patrimonio Cultural da Xunta de Galicia para que obrigue ao Concello e aos propietarios da torre a preservalos, e no caso de que pasen se lles aplique o réxime sancionador que estipula a Lei do Patrimonio Cultural de Galicia.
Incomprensiblemente, Patrimonio dinos que non pode facer nada porque é propiedade privada.

Pode que che interese...