Na procura de novos restos arqueolóxicos na Illa dos Mortos | Historia de Galicia
Illa do Areoso Guidoiro, na ría da Arousa. A suba do nivel do mar e a presión turística está afectando aos seus restos arqueolóxicos

Na procura de novos restos arqueolóxicos na Illa dos Mortos

Tempo de lectura: 2 min.

A gran tumba da Arousa, o illote de Areoso, pode desvelar novos segredos. Ou iso é o que agarda o equipo que estes días comezou unha nova campaña de investigación.

O proxecto, aprobado e autorizado pola Consellería de Cultura, adxudicado por 59.376,64 euros á empresa Tomos Conservación Restauración SL, comezou a súa primeira fase durante toda esta semana. Trátase de labores de medición e de procura de novos restos á espera da chegada da primavera ou verán para proceder á escavación propiamente dita do dolmen ou Mámoa 4, a actuación principal desta campaña.

A iso dedicarán un prazo de dous meses e para tal labor contarán tamén coa colaboración dun equipo da Universidade de Santiago de Compostela (USC) que estuda a dinámica dunar no litoral galego. Será así porque para acceder ao túmulo será necesario retirar boa parte da cobertura de area que a envolve.

Restos de osos en Guidoiro Areoso / www.manuelgago.org

Sorpresas

En canto ao contido do dolmen, a directora do proxecto, Patricia Mañá-Borrazás, cre que pode dar moitas sorpresas. “Ao ser unha zona cunha alta concentración de salinidade, con bastante humidade, hai bastantes posibilidades de que se conservasen restos biolóxicos”, destaca. E é que atopar algún óso ou achado similar na Mámoa 4 sería unha moi boa nova porque a súa aparición no resto de Galicia é moi pouco habitual.

Pero antes da escavación haberá que realizar sondaxes. Será nunha área localizada ao norte da Mámoa 4, preto da parte máis estreita do illote, a que comunica as dúas zonas en que quedou practicamente dividido co paso dos anos. Precisamente, nesa zona apareceron restos orgánicos coma ósos, pero tamén cerámicas e cistas.

As sondaxes desta primeira fase centraranse nesa zona que ten unha especial concentración de materiais para ver se aparecen novas estruturas ou obxectos que aínda poden estar ocultos baixo a area. Nesta primeira fase tamén se realizan labores de medición topográfica para a elaboración de mapas en tres dimensións da contorna. Un dos obxectivos será cruzar daquela estes resultados cos obtidos durante as últimas medicións no illote e coñecer como evolucionou a erosión neste tempo.

FONTE: Diario de Arousa

Se atopou algún erro nesta noticia, por favor avísenos seleccionando o texto ou palabra en cuestión e presionando Ctrl+Entrar. Non esquezas deixar o teu email se queres que o autor/a che dea unha resposta

Pode que che interese...

Informe de erros

O seguinte texto será enviado aos nosos editores: