Vistas do Teso do Castelo, en Cervantes / Xabier Moure

Novo castelo atopado nos Ancares; medieval ou romano?

Xabier Moure, divulgador e investigador do patrimonio

Sobre un penedo, a 659 metros de altitude, en terras da aldea de Airoá, na parroquia de Cereixedo (Cervantes) acaba de aparecer unha nova fortificación; o Teso do Castelo. O novo achado, que non estaba catalogado, abre novas incógnitas sobre a actividade militar nesta zona montañosa de Galicia. E é que esta torre atópase a pouco máis de 1.000 metros en liña recta do Castelo de Doiras, o único documentado e do que, ao igual que este novo castelo, existe moi pouca documentación. Os achados e os restos atopados son confusos. Será unha atalaia da época medieval ou da época romana?.

O Teso do Castelo trátase dun outeiro rochoso situado nun meandro que forma o río das Casas e o regueiro do Castelo que o arrodean case na súa totalidade, quedando o único punto de acceso pola cara este. Agás por esta parte, o resto resulta practicamente inaccesible debido ás enormes penas, case verticais, que dende a parte máis alta afloran ata as correntes fluviais citadas. Hai uns anos, ao acondicionar a estrada LU-723, fixeron ao pé do teso unha explanada que destruíu varias rochas e eliminou un sendeiro que levaba ata a cima e outro que dende este baixaba cara o río.

Restos de Muralla do Teso do Castelo, en Cervantes / Xabier Moure

Sobra aclarar que o que nos levou ata o Teso do Castelo foi a toponimia que, como soe acontecer, adoita ser precisa, sendo en moitísimos casos a única fonte que permite localizar antigos sitios arqueolóxicos.

As primeiras tentativas para determinar se o topónimo agochaba algún resto antigo comezámolas hai algúns meses, mais con resultados pouco satisfactorios debido, principalmente, á dificultade para chegar ata o cume, impedimentos cuxos culpables eran as verticais pendentes do monte e a impenetrable maleza. Cada vez que abriamos cos fouciños algún sendeiro, sempre nos atopabamos coas colosais rochas ou cos fortes desniveis do terreo. Pero a insistencia tivo premio a principios do mes de novembro. Despois de despexar un tramo demos de súpeto co que semellaba unha parede construída con pedras soltas.

Contacto visual co Castelo de Doiras

En efecto, limpamos o sitio e puidemos comprobar que se trataba dun muro de factura claramente artificial, realizado con pedras de bo tamaño, que comezada e remataba en dúas grandes penas separadas entre si por uns cinco metros. Foi ao final deste muro, entre cuxas pedras tamén medraba a matogueira, cando demos cunha pequena entrada que nos permitiu comprobar que chegaramos á cima. Aínda que continuaba a espesa maleza, observamos que nos adentraramos nunha pequena explanada de forma rectangular, duns 15 x 20 metros, que ocupaba a parte nordeste do cume, protexida en todo o seu perímetro polos afloramentos rochosos e dúas murallas máis, construídas de rocha a rocha, que pechaban o recinto, unha xusto sobre o precipicipo e a outra a continuación da porta de acceso. Observando a contorna dende o alto, vimos que se dominaban os vellos camiños que baixaban dos elevados montes circundantes (un deles coñecido como Castelo de Airoá) e a cunca do río das Casas. Pero a maior sorpresa levámola cando miramos cara o sur. Case mimetizado coa paisaxe, a uns 1.300 metros en liña recta, divisamos o impoñente castelo de Doiras, erixido nun outeiro rochoso a 752 metros de altitude.

Restos de pó de ouro atopado no Teso do Castelo, en Cervantes / Xabier Moure

Estabamos diante dunha atalaia relacionada coa fortaleza baixomedieval ou anterior? Antes de facérmonos conxecturas quixemos desvelar algunhas incógnitas, non fose que o que considerabamos como murallas resultasen ser outra cousa, suposición na que non críamos xa que tiñamos case a seguridade de que nun terreo tan escarpado, rochoso e de tan complicadísimo acceso a alguén se lle ocorrera utilizar o lugar para levar o gando ou para labores agrícolas, certidume que se veu confirmada por veciños das Casas do Río e de Airoá. En frase textual: “Alí só subían os corzos”. Preguntamos tamén se coñecían algunha historia ou lenda relacionada co Teso do Castelo: Uns dixéronnos que nese castelo vivían os mouros, e outros que se fixera para defenderse dos “moros”.

Moedas e restos cerámicos

Regresamos ao Teso do Castelo unha semana despois para ver se atopabamos máis vestixios. Nunha zona lixeiramente despexada de maleza, cando estabamos a remover a terra superficialmente, apareceron dúas moedas de cobre moi deterioradas e un anaco cerámico. Unha moeda, despois de indagar no que quedaba dos seus elementos figurativos e nas inscricións, sabemos que se trata dunha moeda do ano 1618, acuñada en tempos do rei Felipe III, que equivalía a catro maravedises. Aínda que coa inscrición incompleta, no anverso líase PHILIPPVS III, cun castelo e o numeral IIII encerrado nun círculo; e no reverso HISPANIARVM REX e un león nun círculo. Da segunda moeda non conseguimos descifrar absolutamente nada xa que apenas se distinguen algunhas desgastadísimas marcas.

Moedas e anacos cerámicos atopados no Teso do Castelo, en Cervantes / Xabier Moure

O pasado día 8 de decembro achegámonos de novo. Cando estabamos a retirar unhas pequenas pedras amontoadas ao pé dunha rocha saíu á luz o anaco doutro recipiente cerámico. Ao limpar a terra adherida, observamos uns diminutos puntiños que destacaban entre a terra pola cara interior da peza que máis tarde puidemos comprobar que era po de ouro. Remexemos o resto do sitio pero non localizamos máis restos. Unha posible hipótese é que ese recipiente se utilizara para gardar po de ouro extraído do río das Casas. Segundo referencias orais, ata os anos cincoenta do pasado século aínda había mulleres que practicaban o bateo nos remansos dos recodos ros ríos das Casas e Navia. Na zona tamén están documentadas varias minas romanas a ceo aberto. A carón do Teso do Castelo discorría a Vía romana XIX que comunicaba Lucus Augusti (Lugo) con Asturica Augusti (Astorga). Incluso o topónimo Doiras pode facer alusión á existencia de areas auríferas.

Non nos sorprendeu a escaseza de datos orais, do mesmo castelo de Doiras apenas se conta con información, nin oral nin escrita (e incluso arqueolóxica), tratándose do único castelo galego aínda en pé do que menos datos se posúen, nin sequera información fiable sobre as remodelacións que se acometeron despois da compra o pasado século XX por un particular.

En resumo, sobre a cronoloxía do Teso do Castelo temos dúas hipóteses. A primeira que se trate dunha atalaia romana relacionada coa Vía XIX e as explotación auríferas da zona, ou dunha torre ou atalaia medieval dependente do castelo de Doiras. Xa presentamos os escritos correspondentes sobre os achados ao Servizo do Patrimonio Cultural e ao Concello de Cervantes.

Se atopou algún erro nesta noticia, por favor avísenos seleccionando o texto ou palabra en cuestión e premendo as teclas Ctrl+Entrar.

Pode que che interese...

Informe de erros

O seguinte texto será enviado aos nosos editores: