fbpx
Imaxe aérea do Castro de Montealegre, que se verá, novamente, seriamente afectado polo desdobramento do Corredor do Morrazo

O castro que vai ser furado por unha autovía tamén ten anxos da garda

Tempo de lectura: 3 min.

Hai unhas semanas Historia de Galicia informaba da destrución dunha parte do castro de Montealegre, en Moaña, un dos grandes complexos castrexos de Galicia xunto co de Santa Tegra e San Cibrán de Las. Desde entón, a este ben patrimonial saíronlle moitos anxos da garda.

Moitos deles son veciños do Morrazo que, a través da Plataforma en Defensa dos Montes do Morrazo, denuncian a intención da Xunta de furar este castro e piden directamente un cambio de trazado. Desde hai días están organizándose para impedir que se execute o tramo de desdobramento do Corredor do Morrazo nese punto e que suporía a desaparición dun terzo do complexo castrexo.

Por iso, mantiveron xa encontros coa corporación municipal de Moaña e tamén realizaron varias concentracións de protesta, algunhas delas no propio castro. Este colectivo di que a aprobación por parte da corporación municipal de Moaña – formada polo BNG, o PSOE e o PP- de crear unha aula de interpretación no castro de Montealegre, é unha proposta extemporánea, que chega tarde e que, en parte, só serve para “tapar a súa inacción” durante a tramitación do proxecto de desdobramento, cuxas consecuencias son coñecidas desde o ano 2012.

Trazado actual do corredor que segue sen cumprir coa Declaración de Impacto Ambiental

Trazado actual do corredor que segue sen cumprir coa Declaración de Impacto Ambiental

“Este despropósito, súmase á esperpéntica alternativa mediática, realizada previamente polo goberno municipal, de trasladar os elementos patrimoniais da parte do castro afectada polo desdobramento cara a un novo emprazamento dentro do propio xacemento, catalogado xunto coa existencia de petróglifos con gravados rupestres como Ben de Interese Cultural de Galiza”, denuncia nun comunicado.

Así, suliñan que a construción dunha aula de interpretación no propio castro alén de supor unha nova afección á área de protección do xacemento, sería recoñecer que parte do propio castro vai desaparecer, non podendo ser visitada, cando menos no seu lugar orixinal, tendo que se conformar as e os posíbeis visitantes cunha recreación virtual.

Musealizar en vivo o castro

Esta plataforma considera que a única “proposta seria e respectuosa” co castro sería a de poñelo en valor e musealizar en vivo o que está actualmente escavado xunto co resto do castro, así como parar as obras do desdobramento do corredor. Así, lembra que a Declaración de Impacto Ambiental (DIA) do ano 2001 (DOG 16-08-2001) ordena que o trazado se dirixa cara ao norte do castro para evitar a afección do castro, e non como agora que vai cara ao sur.

Un obxectivo que está difícil. Por iso, reclamaa unha campaña de sensibilización e mobilización social a favor de solicitar a paralización cautelar a nivel xudicial das obras, utilizando como base legal os incumprimentos da citada DIA.

Espazos afectados

Situación do castro de Montealegre, afectado pola futura autovía do Morrazo

Situación do castro de Montealegre, afectado pola futura autovía do Morrazo

Ademais, a plataforma lembra que todo o trazado tamén afecta aos espazos naturais dos Montes do Morrazo e da Carballeira de Coiro dentro de solo rústico de especial protección de espazos naturais nas Normas Complementarias e Subsidiarias de Planeamento da Provincia de Pontevedra; os leitos e áreas de ribeira dos regos da Miñouva, Freixa, Caiauga, Barranco do Faro, da Fraga e do Inferno; e a contorna natural paisaxística e etnográfica da Poza da Moura, Outeiro do Aviador e A Borna.

Tamén se verían afectados a Zona de Especial Conservación do Espazo Natural Protexido da Enseada de San Simón, onde desembocan máis de 10 cursos de auga; os bancos e concesións marisqueiras, parques de cultivo e polígonos de bateas polas alteracións nos 26 cursos de auga que afecta a obra; os sendeiros municipais dos regos da Freixa e Miñouva e o da Fraga e ao GR-59 da Ecorrota do Morrazo.

Ademais da “afección severa” á área de protección dos xacementos arqueolóxicos de O Regueiriño, castro e gravados rupestres de Montealegre, as obras tamén afectarían ao xacemento de Os Torrados-Devesa de Abaixo, castro das Cidades, xacemento de Montenegro e a afección crítica da área de protección dos petróglifos da Borna, Outeiro do Aviador, petróglifos 1 e 2 da Xesteira, petróglifo da Escada, petróglifo do Viveiro, petróglifo de Pozo Garrido e ao petróglifo da Devesa do Rei.

Por iso, a Plataforma en Defensa dos Montes do Morrazo salienta que o desdobramento do corredor é un proxecto “prescindíbel” que terá un impacto ambiental “grave e irreversíbel” no territorio e incrementará un modelo de transporte “baseado no uso do transporte privado moi contaminante”.

Pode que che interese...