fbpx
Recreación dunha batalla entre romanos e britanos / arrecaballo.es

O Lobbi Galaico do século IV

Tempo de lectura: 7 min.

Situémonos no século IV. Unha época na que se cruzan varios e importantes galaicos; o militar Flavius Theodosius, o emperador Magno Clemente Maximo, o Papa Dámaso ou o bispo Prisciliano. Todos eles cun papel determinante na historia dese momento.

A mediados dese século a máxima autoridade europea occidental era o emperador Valentiniano I que no ano 364 repartira o capital, o imperio, co seu irmán Valente. Pode ser que esta partilla fose interpretada como un síntoma de debilidade do poder, mais o caso é que toda caste de reaccións violentas contra o control romano central foron a característica deste período. O emperador comezou un periplo que o levaba dunha “capital” a outra para estar preto dos sucesivos ou simultáneos conflitos, revoltas, ataques, rebelións e demais ameazas. Seica, o estilo de xestión do gobernante – veterano soldado – pousaba mais na resposta brutal que sobre a política exterior. Para xestionar o problema xurdido en Britania, – a Barbarica Cosnpiratio, segundo Amiano Marcelino – Valentiniano mandou ó tamén experto militar galaico Flavius Theodosius que chegou a ser coñecido como o Vello Teodosio cando se transformou no pai do emperador Teodosio I. Antes de entrar en campaña, o vello Teodosio foi elevado á categoría de Comes Britanniarum, e xa como conde dotado de plenos poderes militares e políticos para o combate, comezou por recrutar tropas veteranas, desembarcar na illa e organizar a resposta cunha mestura de pau e cenoria. Paus selectivos contra os inimigos fartos de botín, promesas de perdón fronte ós desertores, remuda de mandos intermedios da administración e unha política de aproximación da acción do estado cara os terratenentes, romanos locais.

Moeda da época de Magnus Máximus

Para desenvolver toda esta actividade o Conde Teodosio levou canda el a outro galego. Un que chegaría a desenvolver unha extraordinaria aventura a escala británica e moito mais. Trátase de Magno Clemente Maximo que chegou a seren incorporado á tradición galesa como Macsen Wledig.

Acompañando ó seu patrón no desembarco na Illa da Gran Bretaña e ó mozo que despois chegaría a ser o emperador Teodosio I, Máximo foi o terrible brazo executor do Conde, especialmente na parte occidental, galesa, da campaña. Mais, ó mesmo tempo, Magno C. Máximo chegou a sintonizar dalgún xeito ca poboación local, integrándose até o punto de actuar cun valor positivo dentro do seu ciclo cultural tradicional.

Magno C. Máximo, o galaico-galés?

Na mais estendida das lendas relacionadas con Macsen Wledig, a que recolle tamén a compilación medieval chamada Mabinogion, este aparece xa como emperador de Roma. Un día, despois de ter estado cazando sen acougo polos montes, bótase a durmir e soña cun pais verde de vizosos vales e montes; na costa unha gran cidade cun gran castelo. Tamén hai un porto de mar onde fican amarrados moitos bos barcos.

O emperador Teodosio I / http://imperioromanodexaviervalderas.blogspot.com.es/

No soño Macsen viaxa nun barco enorme atravesando océanos e mares até unha terra marabillosa na que atopa un estupendo castelo no que hai unha habitación de ouro na que dous rapaces xogan ó xadrez, un vello sentado nun trono de marfil observa a partida acompañado dunha rapaza dunha beleza excepcional.

O emperador fica tan intensamente namorado da muller que abandona a xestión de Roma. Os problemas comezan a xurdir perante as falla de atención dos problemas cotiáns. Advertido disto, levan perante o magnate ó vello máis sabio de Roma que lle aconsella mandar emisarios, durante tres anos e ás tres partes do mundo, na procura da moza. Sen resultados, Macsen desespera. O sabio aconsella volver ó lugar da cacería que provocou o soño e dende a montaña máis alta acadan a visión do reino no que a muller do soño é princesa.

Coñecida a dirección, o emperador manda unha misión na procura da dama abordo dun gran barco que acada o pais galés pola parte de Snowdonia. Dende aló os representantes entran despois cara o interior e atopan a cidade na boca dun gran río. Avanzan cara o pazo, entran e atopan o gran salón de ouro no que un vello rei traballa figuras de xadrez cunha navalla. A fermosa princesa está tamén aló, sentada na súa cadeira de ouro.

Dinlle que agora ela é a raíña de Roma e que o seu rei está a agardar por ela, mais a súa resposta é que é o rei, se de verdade a quere, quen haberá de ser rei en Gales canda ela. Este así o fai e durante sete anos vive no país como rei construíndo estradas e castelos. Mentres, en Roma, un novo rei ameaza a Macsen, xurde unha guerra que este gaña ca axuda dos seus cuñados. Despois disto o emperador Macsen permite ós seus irmáns políticos someter outras terras e por iso atacan e dominan a Bretaña, no continente, onde escravizan e matan ós homes e levan mulleres cara a illa. Non sen antes cortarlles as linguas para que non poidan transmitir a súa na illa e mais aló.

Magno Máximo foi un persoeiro real, probablemente galego – porque non? – segundo as fontes que consideran que é probable que fose cliente (o cliens-tis romano) ou pode que sobriño de quen, por iso mesmo, o escolleu entre os seus homes de confianza. Dende a atalaia que el mesmo fabricou, participou plenamente no proceso da xénese da que habería de ser a Europa medieval.

Hai quen identifica ao rei Artur co galaico Magno Clemente Máximo / bitacoradecourel.com

As tradicións galesas

Se un rei deste período medieval é un primus inter pares, ou sexa alguén que non ten mais lexitimidade que os demais señores territoriais para chamarse así, á figura do tamén chamado Príncipe Wledig, no seu rol de “master and comander” británico, resultou moi conveniente para fundamentar os presuntos dereitos superiores de varias familias “reais” galesas. Así aparece na xenealoxía de Casas como as de Powys e Gwent encarnando todas as virtudes que despois serán o canon xeral que un bo devanceiro real, e calquera cabaleiro medieval, haberá de cumprir. Neste sentido, a profesión cristiá, a bravura guerreira, a entrega a unha causa, a capacidade de mando e o amor cortes, entre outras, van ficar así instituídas a xeito de selo de calidade do bo cabaleiro. Enténdese pois porqué hai moitos que pensan que é posible que trala figura do Príncipe Macsen se agoche boa parte do caudal narrativo que alimentou o mito do Rei Artur.

O recurso á mesma retórica orientada a construír unhas orixes suficientemente “nobres” como para lexitimar a un señor como rei, aconteceu na Gallaecia durante toda a alta idade media. Crónicas enteiras foron inventadas por encarga e relatos orais transformados en feitos “históricos” para meirande gloria dalgún señor que o era entre moitos, cas importantes consecuencias que disto se derivaron para a historia de Galicia.

Deste xeito vemos como o turbulento militar galaico asimilado pola vitalidade galesa, semella deseñado por D. Ramón María del Valle-Inclán. Camiñando nesta notiña galesa polo adro e cemiterio da vella igrexa, baixo os inmemoriais teixos, a súa sombriza figura proxectada sobre esta terra de vales e montes, verde e húmida, enche de sentido o título da coñecida novela do escritor arousán: “Gerifaltes de Antaño”.

Tan tarde como no século XV os bardos galeses compuxeron series de xenealoxías baseadas nas lendas e contos sobre o Prince Wledig que inda circulaban polo pais. Son as compilacións coñecidas como “ As cinco tribos reais de Gales” e “As quince tribos de Gwynned”.

O Cumulum occidentalem

Unha interesante consecuencia da aventura de Máximo foi a de que despois de saír da Grande Bretaña co mellorciño dos exércitos insulares para atacar e acabar con Graciano na Galia, as crónicas sinalan que aquelas tropas da Bretaña recibiron terras na parte do Cumulum occidentalem – a mámoa de occidente, literalmente – que segundo as informacións doutro autor da época, San Gildas, está situado en xeograficamente en “Hispania” xa que é aló onde foron a parar os guerreiros de Máximo o cal cadra co feito da existencia dun “Mosteiro de Máximo” e do famoso bispado Britoniense sé dos britanos (Maeloc, Britoniensis episcopus) do parroquial suevo do século VI.

Mandou o emprendedor xefe militar ás súas tropas de confianza, unha especie de garda pretoriana, cara un destino que coñecía ben e o cal pensaba retirarse ou repregarse se as cousas ían mal dadas no seu asalto o poder romano? Non se sabe, mais xa dixo o Rilke (1875-1926) que a verdadeira patria do home é a infancia.

Tentou facerse con mais capital, terras, naquel posible retiro e “plan B” a conta dos seus veciños galaicos e priscilianistas? tampouco se pode dicir, mais si que Magno C. Maximo chega a emperador de Roma pola forza dos exércitos que así o proclaman no ano 383. Reprega as tropas e con elas ataca ó outro emperador, Graciano, na Galia. A relixión, ou sexa a ideoloxía, xogaba tamén daquela un rol moi destacado na xeo-política do continente. No 380 Teodosio I, pode que curmán de Máximo, como vimos, tiña declarado mediante un edicto que o Imperio mesmo era oficialmente católico. Era unha manobra, na que o documento di que “declarat quamque pontificem Damasum”, ou sexa, que fronte as varias faccións político-relixiosas do intre, e en alianza co Papa Dámaso, procúrase concentrar o poder ó redor do núcleo da familia e Casa dos de Teodosio. Esta dinastía acadou grande éxito xa que perdurou tanto en Occidente como en Oriente cos coñecidos emperadores Arcadio e Honorio.

O papa galaico Dámaso / Chiesa Cattolica Italiana

O Papa galaico Dámaso

Unha peza fundamental neste proxecto era o Papa Dámaso que, como non, era tamén galaico xa que seica procedía ben da parte de Braga, do moi importante lugar dende un punto de vista ideolóxico, de Idanha-a-Velha, ou ben da parte de Lugo.

Un pontífice deste tempo era sobre todo un político, e como tal precisaba un programa. Algún programa. No seu caso e dentro do “lobbi galego”, tocáballe loitar contra arrianos e priscilianistas, entre outras moitas relixións aspirantes a colaboradoras necesarias do poder .

Pois ben, se o arroutado Emperador occidental Máximo lle conviña unha alianza ca Igrexa de Dámaso, ó emprendedor galego en Roma tamén lle aviaba moito entenderse cun home que mandaba sobre todos os soldados romanos da Britania, Hispania e a Galia. Se temos en conta que o mesmo Emperador oriental era o tamén galaico Teodosio, o antigo compañeiro na aventura británica, e que na base da resolución do asunto priscilianista estaba a manobra do príncipe para derivar o pleito teolóxico cara un procedemento penal e non civil e poder asi incautarse das terras dos moi ben acomodados herexes, podemos comprender mellor o gran peso específico que Galicia había de seguir tendo na Europa medieval que, pouco mais dun par de décadas despois sería inaugurada co primeiro reino do continente. O Galliciense Regnum ou Reino Suevo.

Escrito por

Investigador e secretario da Sociedade Antropolóxica Galega ( SAGA)

Pode que che interese...