fbpx
Construción do milladoiro das Pozacas, en Cerqueda, Malpica / QPC

O milladoiro que une a toda unha parroquia

Tempo de lectura: 2 min.

Os milladoiros eran sinais, puntos de interese que veciños e camiñantes facían a base de acumular pedras. Foron moi comúns durante a Edade Media e servían como elementos identificadores dunha comunidade.

Precisamente, con ese sentido de comunidade, os veciños da parroquia de Cerqueda, en Malpica, están realizando un milladoiro moderno, o das Pozacas. Unha sinal de identidade que está feita coas mans e a implicación dos veciños dándolle un valor simbólido de unidade da parroquia xigante, pero que ademais serve para recuperar un espazo público que estaba esquecido, cheo de silveiras e fiunchos, ao carón do local sociocultural das Pozacas e novo local da UD Cerqueda.

O milladoiro verase entre os dous muros dos dous locais sociais, sendo visible ademais desde a estrada local que pasa diante deses dous edificios.

Un símbolo

O milladoiro, ademais de simbolizar a unión dunha parroquia tremendamente asociativa e combativa, simboliza o traballo comunal do rural á vez que a fertilidade das agras de Cerqueda. Polo momento están sendo un grupo de 5-8 persoas os que cada sábado, e baixo a dirección do mestre canteiro Manuel Díaz Fernández, coñecido como Calviño de Folgueira, está achegándose o lugar para traballar.

O milladoiro medirá case 3 metros de altura e vai levar de remate unha cruz coma as dos cabazos, así como pedras saíntes e algún forneliño nos costados. Para a súa construción (terá unha forma de palleiro) están a utilizar as pedras dun valado que cruzaba en diagonal unha parcela apegada ao local social das Pozacas pola zona traseira.

Xunto ao milladoiro haberá un espazo de lecer que contará cun parque infantil homologado (xa existente), pequeno souto de castiñeiros (prantarano en canto se remate o milladoiro), aniñadoiros para paseriformes, céspede e peche con loureiro real (non con tullas foráneas). O peche-seto con loureiro real servirá tamén para zona de aniñamento de aves, tan escaso desde que o proceso de concentración parcelaria eliminou valados e setos.

Os interesados que se queiran apuntar a botar unha man, só teñen que contactar co 650 256 874. Ata que se remate, e sempre que o tempo o permita, alí estarán os voluntarios.

Fonte: Que Pasa na Costa

Pode que che interese...