fbpx
Un dos inventos de Leonardo Torres Quevedo / CRTVE

O Muncyt expón a obra de Torres Quevedo, un dos grandes inventores do S.XX

Tempo de lectura: < 1 min.

A sede do Museo Nacional de Ciencia e Tecnoloxía (Muncyt) na Coruña acolle ata o 26 de febreiro a mostra ‘Leonardo Torres Quevedo, a conquista do aire’, na que se explica a forma en que este enxeñeiro e inventor español “conquistou os aires”, segundo expuxeron os promotores desta mostra.

A directora do Muncyt da Coruña, Marián del Egido, inaugurou esta mostra o pasado mércores xunto ao comisario da mostra e profesor titular de Historia da Ciencia na Universidade Complutense, Francisco González Redondo.

Producida pola Asociación ‘Amigos da Cultura Científica’, a exposición aborda o labor levado a cabo por Torres Quevedo, definido en 1930 por Maurice D ‘Ocagne, presidente da Sociedade Matemática Francesa, como o máis prodixioso inventor do seu tempo.

A conquista dos aires

Na mostra, o visitante poderá coñecer “como conquistou os aires” cos seus transbordadores aéreos: o do Monte Ulía (San Sebastián, 1907), o primeiro teleférico para persoas aberto ao público no mundo, e o do Niágara (Canadá, 1916), “que leva funcionando ininterrompidamente cen anos sen ter ningún accidente”, remarcaron os organizadores da exposición.

Tamén se presenta o seu Telekino (1902), co que estableceu os fundamentos operacionais do control remoto sen cables moderno, converténdose no precedente dos actuais drones. E, finalmente, o seu sistema de dirixibles autorrígidos (1902-1906), consagrados durante a I Guerra Mundial.

Con motivo desta mostra, o Muncyt desenvolveu, ademais, unha serie de talleres gratuítos que terán lugar os sábados, para grupos escolares e familias con nenos e nenas de 6 a 12 anos.

Pode que che interese...