O Porto da Coruña especula urbanísticamente co patrimonio da cidade | Historia de Galicia
Vistas das murallas da cidade da Coruña / Íñigo Mouzo

O Porto da Coruña especula urbanísticamente co patrimonio da cidade

Tempo de lectura: 5 min.

Íñigo Mouzo, licenciado en Historia da Arte

Fai uns meses traíamos a este xornal a nova da proposta do goberno local da Coruña de mercar os terreos do clube deportivo La Solana. Aproveitábamós tamén para recordar a idea, hoxe esquecida pola meirande parte da cidadanía, de que, neste lugar, actualmente ocupado polo hotel e polo clube, fai non tanto tempo, se atopaba o mar, o cárcere da cidade, as defensas medievais e barrocas e unha praia ó pé da cidade alta ou vella. Esta pequena enseada e praia estivo moi ligada o destino da cidade e foi o lugar de atraque durante a Idade Media dos barcos que accedían a ela e, polo tanto, o seu primeiro porto despois da súa fundación en 1208. Ademais o lugar continuou a ser durante séculos a fronte marítima deste sector alto da urbe e o lugar no que se atopan as únicas fortificacións conservadas a día de hoxe. O lugar é depositario ademais de moitos dos principais acontecementos históricos da cidade e testemuña privilexiado da súa historia.

Mais na actualidade o lugar o ocupa o único hotel de cinco estrelas da cidade e máis un dos complexos deportivos máis concorridos polos coruñeses. Na década de 1940 derribouse o cárcere histórico e se construíu o hotel. Na década de 1970 se ampliaron as instalacións da, xa daquela chamada, pola súa orientación sur, Solana, da cidade, sepulpando para isto a praia e o porto natural. O pasado mes de outubro durante unha reunión do órgano de administración do Porto, o Concelleiro de Rexeración Urbana, Xiao Varela, propuxera oficialmente a compra da parte das instalacións deportivas para a cidade, despois de que esta institución decidira vender estes terreos de titularidade pública, construídos sobre o areal, no mercado libre. O día 23 de decembro, en pleno Nadal, coñeceuse a nova de que a Autoridade Portuaria non venderá de xeito preferente ó Concello as instalacións senón que as sacará, tal e como tiña previsto inicialmente, a poxa.

E é que o Porto nestes meses recibiu unha nova oferta da propia concesionaria, a través da Inmobiliaria Río Mero, para mercar o conxunto por 10 millóns de euros, ou  5,3 no caso de que só saian á poxa as instalacións deportivas. Isto fixo que o Porto volvera a plantexarse sacar de novo as instalacións a poxa, aprobándose a decisión por unanimidade no Consello de Administración do día anterior. Así, o Consello do Porto acordou vender os terreos da Solana e do Hotel Finisterre mediante o sistema de poxa libre, e abrir de novo a posibilidade de venta privada das instalacións, ata o de aquela, públicas, volvéndose ós plans iniciais e vetando a proposta municipal de mercalos. “Aprobaron especular cos terreos e ignorar a oferta do Concello para adquirilos e darlle uso público”, afirmábase na web de Marea Atlántica.

Murallas medievais da Coruña que Portos pretende poñer en venda / Íñigo Mouzo

“Xogada desleal”

Xulio Ferreiro afirmaba que “foi unha xogada de deslealdade institucional absoluta”. Afirmou tamén que “primeiro impugnaremos esta decisión e logo pediremos as responsabilidades colectivas e persoais que correspondan. Creo que o acordo ó que se chegou co Porto é nulo de pleno dereito e temos que ver que pasa coa poxa que queren abrir, que xa está condicionada por unha oferta previa. Dá a idea do viciado que xa está este procedemento”. “Creo que o Concello da Coruña foi completamente xeneroso. Presentámoslle á Autoridade Portuaria unha oferta polo mesmo que pedía, e só recibimos deslealdade a cambio”.

Así, esta decisión desdí o mesmo acordo do propio organismo, que, no mes de outubro, suspendía a poxa e anunciaba estudar a oferta do Concello, dándolle seis meses a este para presentar unha oferta de compra, seguindo, daquela, o ditame da Avogacía do Estado. Este resolvía a preminencia do interese xeral por riba dos intereses privados e outorgáballe ó Concello o dereito de compra preferente, quedando o dereito da concesionaria en suspenso fronte ó interese público, anulando o dereito de tanteo que lle prescribía o contrato de concesión.

Sen embargo, a pesares de que o Concello plantexou mercar a Solana para uso cidadán polo prezo de taxación, só doce días despois Río Mero presentaba unha oferta “sen estar aberto ningún proceso de enaxenación nin convocada ningunha poxa”. O Porto firmaba un convenio coa empresa o tempo que recabarba novos informes da Avogacía do Estado, de Facenda e de Portos do Estado que afirmaban agora que “é posible sempre que se manteña o interese público” xa que “a poxa non restrinxe a liberdade de concorrencia“. O informe de Portos do Estado afirmaba que “non aceptala sería menoscabar o interese xeral do propio Porto”.

Orzamento previsto polo concello

Sen embargo, o problema que enfronta a Porto e á goberno local non está condicionada pola propia idea de poxa senón pola escuridade do proceso, xa que o Concello contaba xa cunha partida de 1,4 millóns de euros, para a compra das instalacións nos orzamentos da cidade recén aprobados, e que, como é ben coñecido, foron admitidos tras importantes disputas entre os diferentes grupos. Así, de saír de novo a poxa o Concello tería moi difícil a merca xa que suporía saírse dos presupostos pactados ou comprometer os do ano vindeiro e atopar os seus pertinentes avais, polo que o Concello queda de feito sen marxe de manobra para unha nova poxa perdendo case por completo a oportunidade de mercar o complexo. Ademais este proceso non tería atopado estes tempos de non ser porque o propio Porto asinou no mes de outubro paralizar o proceso e estudar legalmente a proposta do Concello, ó tempo que, agora, cos presupostos aprobados, pon de novo o proceso en marcha.

Unha das portas da muralla da cidade da Coruña, coas que Portos pretende agora especular / Íñigo Mouzo

Ademais, o enfrontamento entre administracións ven de lonxe, xa que o Porto da cidade estivo nos últimos anos xestionado baixo o control do PP mentres o Concello foi por moito tempo doutras cores políticas, primeiro do PSOE e agora de Marea Atlántica. Sen embargo só sería na época de Negreira cando o Concello puido afrontar propostas derivadas de esta entidade, como a reforma da praza da Marina da que o goberno de Losada xa tiña proxecto. Caso parecido é o dos terreos da Solana xa que a venta se pode desenvolver grazas a un cambio no Plan Xeral aprobado polo goberno local do PP durante o mandato de Carlos Negreira, permitindo con esta modificación do PXOM novos ingresos para un Porto endebedado polas obras dos peiraos exteriores. Coa operación se espera gañar 10 millóns de euros coa que se queren sufragar unha parte dos 300 millóns de débeda que ten a entidade.

Tamén a división da cidadanía neste tema parece notable.  Se ben a solución de sacalo a poxa aprobouse nun consello configurado maioritariamente por membros afíns ó PP, como o presidente da Autoridade Portuaria, o subdelegado do Goberno na Coruña, o representante da Administración Xeral do Estado e tres representantes da Xunta, entre outros, tamén membros doutras institucións votaron a favor, como o representante da Cámara de Comercio da Coruña, ou o representante da Lonxa, deixando só ó representante do Concello como único voto en contra. Pola contra parte da poboación local púxose de parte do Concello, pois, ó tempo que tiña lugar o Consello de Administración do Porto, arredor dun cento de persoas se manifestaban ante a sede da Autoridade Portuaria convocadas pola Comisión Aberta en Defensa do Común para reclamar a titularidade pública dos terreos.

Segundo estes, hai anos que se roubou a praia do Parrote para venderse en concesión por parte do Porto e construír sobre ela, agora “queren volver a facelo, pero A Coruña non se vende”, afirmaban dende a asociación. Para Xiao Varela  “é un acto contrario ó tomado polo órgano en outubro e incompatible co proceso de suspensión”; “A Autoridade Portuaria segue unha vez máis facer negocio coa cidade da Coruña”, pero “o Concello da Coruña chegará a onde teña que chegar para evitar que se malvenda o que é de todos”.

 

Fontes: La opinión de A Coruña, Praza, mareaatlántica.org comisionabertapoladefensadocomun.wordpress.com, HistoriadeGalicia

Se atopou algún erro nesta noticia, por favor avísenos seleccionando o texto ou palabra en cuestión e presionando Ctrl+Entrar. Non esquezas deixar o teu email se queres que o autor/a che dea unha resposta

Pode que che interese...

Informe de erros

O seguinte texto será enviado aos nosos editores: