fbpx
Centro de Interpretación das ruinas romanas de O Caldoval, que conservan o único balneario rústico romano reconstruído de Galicia / Coptisa

O único balneario rústico romano de Galicia poderá visitarse a comezos de 2017

Tempo de lectura: 2 min.

As ruínas romanas do xacemento arqueolóxico de O Caldoval, en Mugardos, poderán ser visitadas a comezos do vindeiro ano. O xacemento consta dun edificio termal e supón actualmente o único balneario rústico romano con palestra escavado en Galicia.

Será a través dun centro de interpretación que impulsaron, nun proxecto conxunto, Reganosa –propietaria dos terrenos onde se ubican os restos atopados e impulsora da súa excavación e musealización– e o Concello de Mugardos. O edificio acollerá os restos arqueolóxicos dunha vila romana localizada en 1997.

As obras do centro, no que o material figura recolocado na súa posición inicial, culminaron en xaneiro de 2016 aínda que non foron recepcionadas polo Concello até o mes de febreiro deste mesmo ano.

Plano do centro de interpretación dos retos romanos de O Caldoval, un proxecto impulsado por Reganosa e o Concello de Mugardos / Reganosa

Asentamento desde o século I ao VI

O que se poderá ver é un asentamento romano que data dos séculos I ou II despois de Cristo e que permaneceu habitado ata os séculos V ou VI. Os restos ocupan uns mil metros cadrados, distribuídos en dúas áreas. Nun primeiro momento atopouse unha estrutura rectangular, duns trinta metros de longo por seis de ancho. Despois localizouse unha segunda edificación (que sería a parte habitacional) que contaba con dúas salas calefactadas e unha estancia principal acaroada a un baño. O conxunto conta, ademais, cun balneario rústico. Polos restos atopados e pola cercanía ó mar parece que os seus habitantes vivían da pesca.

O Centro de Interpretación de O Caldoval é un proxecto que implicou ao Concello de Mugardos, á Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, así como a Reganosa que achegou 2,5 millóns de euros á iniciativa que agora conta os meses para ver a luz.

Fonte: Diario de Ferrol, Patrimonio Galego

Pode que che interese...