fbpx
Tradicional Entroido en Viana do Bolo / foto turismo.gal

Os encantos e segredos do Entroido de Viana e Vilariño: “Levámolo no ADN”

Tempo de lectura: 4 min.

O Entroido de Viana do Bolo e Vilariño de Conso acaba de recibir o Premio Nacional en Tradiciones Populares. Dito premio foi concedido pola Sociedad de Antropologia y Tradiciones Populares. Este premio é concedido polo impulso e apoio que se presta para a celebración da Mascarada Ibérica e é o primeiro que recibe unha tradición galega.

Historia de Galicia falou con Secundino Fernández, alcalde de Viana, sobre este premio e, sobre todo, sobre a importancia que o Entroido ten entre os seus veciños. Unha festa tradicional que, como di, “non se fai por nada económico”, senón porque “se leva no sangue”.

É a primeira vez que este premio lle dá a unha tradición galega. Estarás contento?

Pois estamos encantados e é un premio que nos recoñece unha das tradición máis especulares deste país que é o Entroido e, sobre todo, o de Viana, que ten unha serie de cousas que o fan merecedor del, aínda que o premio en si non é sexa o propio Entroido, senón a Mascarada Ibérica que está asociado a el.

E en que consiste esa Mascarada Ibérica?

Pois é unha manifestación do Entroido que realizan as asociacións e folións de Viana, que van tocan polo pobo, e logo vai o boteiro, que é o elemento significativo do Entroido. Desde hai tres anos levan convidando a outros entroidos galegos, do Estado e de Portugal e é un conxunto de representacións que destaca polo seu colorido, a súa tradición e a potenciación de elementos culturais. Pero o prato forte somos os de alí porque o Entroido de Viana e o de Vilariño de Conso teñen unha calidade desde o punto de vista etnografico e cultural moi imporante.

Que supón un premio como este para Viana e Vilariño?

Pois un recoñecemento moi importante, aínda que nós somos uns meros transmisores. Realmente quen fai este espectáculo e quen mantivo a tradición é a poboación que é a participa maioritariamente nel. Os veciños son os que o merecen. E para nós é un orgullo recibilo e é o primeiro que o recibe en Galicia.

Unha máscara dos boteiros do Entroido de Viana / turismo.gal

E como é o voso Entroido, que ten de particular para merecer a atención de media España?

Pois o de Viana e o de Vilariño teñen moitos rasgos en común e os folións e boteiros consérvanse nos dous sitios, ademais de Manzaneda, aínda que con más forza en Viana. Son entroidos diferentes ao de Laza, Verín ou Xinzo. De feito o de Viana xa é recoñecido como festa de interese turístico galego.

Pero que ten, entón, o Entroido de Viana que non teñan os de Laza ou o de Verín para obter este recoñecemento?

Eses entroidos teñen a súa importancia pero, desde logo, penso que o de Viana ten algo que perdura e que se ve desde un punto de vista visual, etnográfico e tradicional. Conservámolo, ademais, como foi sempre. Non está tan masificado, nin tan adulterado como os outros. E igual o xurado viu iso á hora de dar o premio.

A Mascarada entre Vilariño e Viana, que a facemos un día concreto, é moi interesante. Á Sociedade Española de Antropológica y Tradiciones Populares pois lle pareceu algo tan especial que nos propuxo para o premio. E para dar este premio, ten que haber unanimidade entre os membros do xurado, e senón hai unanimidade, pois non o dan. E desde o 2002, que o comezaron a dar, nestas 15 edicións, quedou deserto en dez, porque non consideraron que os outros candidatos deses anos eran merecedores deles.

Falabas de que teñen un punto de vista etnográfico e tradicional importante, cal é ese punto?

Pois o boteiro, que é o que leva unha pantalla moi particular e unhas roupas de moitas cores. Todo feito de xeito tradicional. Aparte diso, outra das cuestións a destacar é o folión, que non hai noutros entroidos ourensáns, agás o de Vilariño e Manzaneda. Son desfiles de veciños dos distintos pobos do concello que tocan con aixadas, fouces, co que sexa, detrás do boteiro. E este é un espectáculo visual e de son espectacular, porque cada folión ten un toque especial. E o domingo de Entroido pois xúntanse 20 folións, con 50 persoas de media. Unhas 1.000 persoas a desfilar. Por iso é tan espectacular e impacta tanto. E o que conta deste Entroido é a participación de todo o pobo nel.

Secundino Fernández, alcalde de Viana do Bolo / http://vianaemais.blogspot.com.es/

Ademais do Entroido, que outras tradicións populares destacaría do concello?

Arredor do Entroido había outras tradicións como eran as disputas, que se foron perdendo. Estamos agora tentando recuperalas.

En que consistían as disputas?

Pois eran loitas en verso entre os distintos pobos do concello. E eran disputas nas que participaban tanto homes coma mulleres. E, por desgraza agora non se conserva, aínda que algunha aldea quere volvela recuperar. E é porque case a e metade do ano xa se pensa no Entroido. E tamén relacionado co Entroido tamén se facían determinadas carrozas rurais. Pero todo xira en torno ao Entroido. Logo conservamos tamén a tradición do xogo de bolos e aínda xogamos aquí cando hai festa no concello.

Por que cres que ten tanta importancia o Entroido nesa zona?

Pois supoño que, por ser unha zona rural, montañosa e illada, cunha forte implicación neste tipo de celebracións Tamén en Portugal, nas zonas da raia temos tamén moitas tradicións semellantes. E todo o tema do Entroido pois o levamos no ADN.

E que cres que vai supor este premio para Viana e Vilariño?

Pois dar a coñecer máis este Entroido e que vaia para arriba e co recoñecemento adecuado. De feito o noso próximo obxectivo é que sexa declarado de Interese Turístico Nacional porque iso pode significar unha mellora económica para a nosa zona.

Pero isto pode traer masificación, que era o que criticabas antes, non temes que perda ese encanto particular?

Non ten porque, porque dentro do Entroido hai moitos eventos relacionados. Temos máis que o folión e o boteiro e por iso é importante que se coñezan. Non quero, tampouco, que sexa unha atracción de feira, pero se isto o seguimos levando no sangue, como o levamos os de Viana, pois vaise manter como está, porque non o facemos por nada económico, senón porque o levamos dentro.

Escrito por

Xornalista, profesor da USC e coordinador do HdG.

Pode que che interese...