fbpx
Monxes en Sobrado dos Monxes/ Moncho Fuentes-Xunta

Plan de choque para frear o deterioro do Mosteiro de Sobrado dos Monxes

Tempo de lectura: 2 min.

A restauración do Mosteiro de Sobrado dos Monxes comeza a coller forma A Xunta licitou xa a redacción do proxecto básico e de execución (PBE) e a dirección da obra (DO) para a conservación e posta en valor deste monumento que forma parte dun plan da Consellería de Cultura para impulsar os Camiños do Norte, declarados Patrimonio Mundial da UNESCO, cun investimento total de máis de 7 millóns de euros.

A intervención prevista superará o millón de euros, a executar en varias anualidades, e ten como obxecto corrixir os deterioros derivados da entrada ou presenza de auga ou humidade non desexada no inmoble. En concreto actuarase para resolver as filtracións na igrexa e no claustro Regular ou dos Medallóns e nas cubertas, e revisaranse os canlóns, drenaxes e gárgolas, eliminando a vexetación que impida o normal funcionamento da rede de evacuación de pluviais. Así mesmo, revisaranse carpinterías e ocos, fiestras, escaleiras de acceso ás torres, portas e outras posibles entradas de auga, perseguindo diminuír a humidade relativa interior, aliada da proliferación de fungos e de condicións ambientais inadecuadas para o uso normal do edificio.

Unha vez solucionados os problemas de estanqueidade realizarase unha limpeza de fachadas e torres e solucionaranse os problemas derivados da colonización biolóxica e danos provocados pola vexetación en muros e tellados. Así mesmo, e aos efectos de completar os usos culturais e públicos vinculados á igrexa e o claustro dos Cabaleiros, o proxecto definirá a actuación necesaria para acondicionar como biblioteca o espazo utilizado pola comunidade como capela e hoxe baleiro de contido.

O conselleiro de Cultura, Román Rodríguez, visita o Mosteiro de Sobrado dos Monxes / Moncho Fuentes-Xunta

A intervención inclúe tamén a elaboración dun estudo básico do inmoble e das súas necesidades de cara á súa conservación e elaboración de outro para a conservación preventiva do monumento.

BIC desde 1931

Ademais de ser recoñecido como ben asociado aos Camiños do Norte na Lista do Patrimonio Mundial, o Mosteiro de Sobrado dos Monxes é Ben de Interese Cultural desde 1931 e, polo tanto, goza da máxima protección legal.

O monumento ten unha clara implicación co Camiño, dado o seu papel complementario de albergue de peregrinos. Trátase dun BIC cun altísimo interese derivado dos seus valores históricos, artísticos arquitectónicos e relixiosos que o converte no principal recurso turístico da bisbarra. Trátase, ademais, xunto con Oseira, cun dos grandes mosteiros galegos que aínda conserva no seu seo vida de comunidade relixiosa, que desenvolve unha intensa actividade en relación aos visitantes e peregrinos, tanto no seu labor ao fronte da hospedaría como na elaboración de produtos tradicionais.

 

Pode que che interese...