fbpx
Porta de San Miguel, na muralla da Coruña, en estado de abandono / Xosé Troiano

A Porta de San Miguel, un dos símbolos da Coruña convertido nun esterqueiro

Tempo de lectura: 4 min.

Xosé Troiano, divulgador e investigador do patrimonio

As murallas da Cidade Vella ou Cidade Alta da Coruña, correspóndense co primitivo asentamento da cidade, e están declaradas Monumento Histórico – Artístico. No seu interior alóxanse a maior parte dos edificios históricos, e as súas rúas conservan aínda o seu antigo trazado, así como un gran número de casas de porte antigo.

As fortificacións que protexían o recinto da Cidade Vella tiveron a súa orixe no reinado de Enrique III, nos últimos anos do século XIV. Consérvanse restos das murallas defensivas, así como tres portas que abrían a cidade ao mar ao longo do Paseo do Parrote, fronte á baía. Conservándose tamén, o baluarte coñecido como a Fortaleza Vella, que é o actual Xardín de San Carlos.

A porta de San Miguel, reconstruída no ano 1595, fronte ao Castelo de San Antón, no mesmo sitio que a anterior, aparece mencionada a mediados do século XIV. A porta do Cravo, que se encontra fronte ao Xardín de San Carlos,e que foi construída no ano 1676 e a porta da Cruz ou do Parrote, fronte ao Pazo da Capitanía Xeral, tamén do ano 1676, mandadas construir por orde do Conde de Aranda. Sobre o friso destacan tres escudos de armas coroados e un cruceiro. Están realizada en cantería granítica e presenta inscricións na arquitrabe que di: “Hízose esta obra siendo Gobernador y Capitán General de este Reino D. Pedro Pablo Jiménez de Urrea, Conde de Aranda, del Consejo de su Majestad en el Supremo de Guerra. Año de 1676”. As portas do Parrote foron declaradas Ben de Interese Cultural no ano 1944.

Estado no que se atopa a porta de San Miguel, nas murallas medievais da cidade da Coruña / Xosé Troiano

Das tres portas de mar que aínda se conservan, sendo grandes exemplos da época moderna dos accesos marítimos á Cidade Alta ou Cidade Vella, a de máis soleira é sen dúbida a Porta de San Miguel. Sobre o seu lintel presenta tres escudos, entre os que destaca o central co colar exterior da Orde do Toisón de Ouro, un dos atributos da realeza española. Ten unha inscrición moi desgastada nesta porta que di: “Reinando en España Felipe II acabóse de hacer esta muralla siendo Capitán General de este Reino D. Diego de las Mariñas, Señor de Parga y Junqueras. Año de 159…”. O escudo de D. Diego, é partido, á esquerda coas armas do apelido Mariñas e, á dereita, as armas dos Soutomaior.

Os reis que a cruzaron

Esta porta permaneceu semioculta na muralla que protexía ó antigo Hospital Militar, hoxe Hospital Abente e Lago. Esta porta, encadeada e arruinándose, foi mandada restaurar por Felipe II ao Capitán Xeneral do Reino, Diego das Mariñas, a finais de século; como ben di a inscrición, cos seus tres magníficos escudos feitos de pedra de grao fino, probablemente de San Pedro.

Polas escaleiras de 21 chanzos, dos cales, os derradeiros penetraban no mar e que xa existían antes do derrube da porta primitiva, baixou o rei D. Pedro I, no ano 1366, cando fuxía da persecución do seu irmán D. Enrique, rumbo á Baiona francesa, disposto a pactar para manter o seu trono, acompañado das súas tres fillas, Dª. Beatriz, Dª. Constanza e Dª. Isabel. Tres anos máis tarde, D. Fernando I de Portugal, baixou as mesmas escaleiras embarcando para Lisboa, fuxindo tamén de D. Enrique abandoando o seu reino da Galiza para nunca máis volver.

Por aí saleu tamén, Carlos I e V de Alemaña, o 20 de maio de 1520, tras celebrar Cortes na Coruña (en San Francisco), rumbo a Flandes para reclamar o trono imperial, facendoo en compañía do duque de Alba e o conde de Andrade entre outros persoeiros máis. Tamén debido a que era o paso ao cárcere do Castelo de San Antón, pasaron por este lugar, Melchor de Macanaz, Villaroel, Juán Díaz Porlier entre outros.

Durante os anos 2013-2014, acometeuse a limpeza das murallas e unhas escavacións na muralla medieval que cingue ó hospital Abente e Lago, nas Ánimas, deixando ó descuberto unha peza de gran valor histórico que durante anos permaneceu oculta baixo terra: as escaleiras da porta.

Escaleiras, esculpidas a man, servían para conectar a Cidade Alta, agora Cidade Vella, co mar, servindo tamén, como embarcadoiro dende o que partían as barcas que facían o traxecto entre o castelo de San Antón e a urbe. Tras anos de abandono; a construción estaba soterrada baixo a maleza do xardín que cingue toda a muralla.

Casco vello da cidade da Coruña no que se poden ver algún tramo das murallas

E o plan de recuperación?

O Concello estivo traballando coa dirección xeral de Patrimonio para pechar un proxecto de recuperación, do que se descoñecía a maioría dos detalles, e tiña como obxectivo deixar visible aos coruñeses esta xoia do patrimonio histórico da cidade. O proxecto serviría, ademáis, para seguir restaurando a porta de San Miguel, plan director de murallas aprobado polo goberno local en xullo de 2012, e que urxía restaurar.

No propio estudo, de feito, chamábase a atención sobre o mal estado de conservación dos tres escudos que coroan a entrada, propoñendo sustituí-las por réplicas. No documento tamén se demandaba a recuperación da porta do Clavo e a do Parrote.

Pois ben, a día de hoxe, a finais de 2016, a porta de San Miguel, aínda permanece cun valado metálico, a escavación parada e abandonada a súa sorte e para máis inri, estase volvendo un esterqueiro. Como pode ser que nun lugar tan histórico, lugar de paseo para forasteiros e coruñeses, a un paso do museo arqueolóxico, Castelo de San Antón, poida estar, como dirían en Castela, desta guisa?. A ver se as autoridades competentes toman nota e volven á porta ao seu antigo esplendor.

Pode que che interese...