fbpx
Mosaico romano que, supostamente, representa a Prisciliano

 Prisciliano, o primeiro mártir galego

Tempo de lectura: 5 min.

Prisciliano e cinco dos seus discípulos  quedaron sen cabeza en Tréveris alá polo ano 386, executándose así unha sentenza imperial de Magno Clemente  Máximo, dos chamados ” emperadores usurpadores“, que necesitaba atraer cara a súa causa á igrexa católica para referendar o seu poder imperial. Pero que foi o que fixo que Prisciliano, un galaico-romano de bo berce, acabara axustizado nesta cidade xermana?. E, por que un emperador deu carta branca ao seu asasinato?

O ditame proviña  dun tribunal civil  e condenábaos á pena de morte por motivos que se podían entender coma herexía relixiosa,  pero estaba encuberta coma unha condena por “maleficium” ou bruxería. Evitábase habilmente con esta resolución que estas persoas  foran mártires do cristianismo católico. Mal momento escolleu o cismático relixioso galaico para acudir a Augusta Trevorum, considerada daquela coma a “segunda Roma”. O cambio de mans na dirección do impero tralo asasinato de Graciano, no ano 383, supuxo un cambio na política relixiosa do novo emperador, que se tornou claramente combativa coa herexía e en consonancia coa política Teodosiana.

Tal feito foi  moi  protestado por xente de toda clase social e estamentos, entre eles,  bispos católicos como  Ambrosio de Milán e o propio bispo de Roma Siricio. Martiño de Tours,  cando  soubo o que sucedera, volveu a Tréveris e obrigou ao emperador a revogar a orde dada aos tribunos militares que xa estaban de camiño cara a Hispania para erradicar á herexía, e  a tódolos seus seguidores.

Cabeza de Constantino atopada no Foro romano

Como case todo mundo pensou que fora un erro matar un ser tan piadoso, e de primeiras nada perigoso, este homicidio  non fixo máis que facer medrar aos seguidores da súa corrente de  ascetismo panteísta  dentro da comunidade dos cristiáns e cristiás.

 Sulpicio Severo, escritor eclesiástico de Aquitania (360- 420) relata no seu “Chronicorum Libri Duo” o traslado destes mártires a Terras de Hispania, pero pouco máis detalles nos aporta. Dinos Carmen Cardelle de Hartmann  no traballo  “El Priscilianismo tras Prisciliano” ¿un movimiento Galaico?” :  “Tras la caída de Máximo se trasladan los cuerpos de Prisciliano y sus seguidores a Hispania, es muy probable que se llevaran a la iglesia de Sinfonio, el único simpatizante que le quedaba entre los obispos. Sinfonio también habrá apoyado este traslado de reliquias. En toda Europa Occidental los obispos procuran reforzar su autoridad con las muy veneradas reliquias de mártires. En Gallaecia, provincia de cristianizacion frecuente y todavía parcial, no había hasta entonces reliquias y no cabe duda  de que la llegada de los restos de los ejecutados de Tréveris desencadenó una oleada de fervor popular”.

Gran arraigo entre o pobo

As ideas de Prisciliano tiveron gran difusión e arraigamento entre a xente do común,  sobre todo polo acollemento no seu ideario de tradicións pagás e o rexeitamento da unión da Igrexa co Estado, así como á corrupción e o enriquecemento das xerarquías dominantes. Isto fixo que ante o rápido espallamento das súas ensinanzas fora posto no punto de mira doutros doutores da incipiente igrexa.

Crismón de Quiroga / Museo Diocesano de Lugo

A relixión católica, na data da morte destes herexes, só levaba a penas 70 anos dende que en tempos de Constantino o Grande se promulgara o edito de Milán e 60 de que se celebrara o concilio de Nicea, que lle outorgou a súa lexitimidade por primeira vez dentro do imperio romano.  O cristianismo, xa legal, tiña que  escoller daquela a súa dirección entre numerosos camiños propostos pola espiritualidade de distintas crenzas e diferentes fusións doutrinais doutras correntes, dentro dun imperio no que xa se podía intuír a caída libre das súas estruturas, e quería  reforzarse tendo de man as novas institucións eclesiásticas, que tamén tentaban a súa vez de exercer a hexemonía espiritual.  A liturxia Priscilianista de  reunións  de noite nas carballeiras, covas e“villaes”, co baile como parte integrante das celebracións e onde tamén participaban mulleres, o vexetarianismo, o maniqueísmo, o substituír a consagración do pan e viño polo de leite e uvas, o non querer crer na Trindade, o acoller a escravos nas reunións para as  lectura de textos bíblicos, moitos deles apócrifos, parece que non ía ser a dirección a seguir polas elites e o poder católico.

Prisciliano era da provincia da  Gallaecia, e foi bispo de Avila, pero parte da súa  vida transcorrería no sur de Galicia, e foi aquí onde tivo os  máis ferventes adeptos, que chegaron a ter tanta forza que houbo un grupo deles que logrou mandar ao  exilio ao bispo Ceponio de Celenis (Caldas de Reis) ao redor do  450, e cóntase que as moxenas do seu ideario voaron a través dos séculos vindeiros.

Estes seguidores terían ao seu favor as ensinanzas do “catecismo da mentira” que  permitiríalles seguir sendo priscilianistas, pero pasando desapercibidos para a igrexa oficial ao negar toda relación co seu mestre axustizado.

O poder do Priscilianismo

Todo arrancaba dun sínodo de Toledo, celebrado no ano 400, onde Simposio e Ductinio e outros bispos galegos seguidores de Prisciliano, firmaban en contra da nefasta herexía e do que fora o seu creador, prometendo ademais acollerse a disciplina eclesiástica emanada da elite. Ductinio sucesor do seu pai Simposio na Asturicense tamén se retracta dos seus postulados na obra “Libra”, onde expoñía as ideas para dito catecismo da negación, pero a obra perviviu, e a súa doutrina tamén, e este bispo seguiu sendo venerado polos priscilianistas.

Gravado dun martirio

Outro exemplo da idea ascética deste movemento disidente e que podería citarse segundo o punto de vista de algún estudoso sería Crismón de Quiroga, a representación máis antiga do cristianismo galego e datado sobre o ano 450,  e que se traduciría por : “ O ouro é cousa ruín para ti non digamos xa a prata, é moito máis o que brillas pola túa felicidade”;  apúntase a que podería ser unha proposta sen  dúbida  inspirada ou directamente priscilianista.

Para rematar resumiríamos as principais ideas dos investigadores sobre o caso do primeiro mártir Prisciliano.  Uns estudosos queren ver no movemento priscilianista todo un revolta social  de protesta  dos habitantes das zonas rurais contra o alto clero das cidades, outros xustifican o  seguimento exitoso das súas ideas en zonas  apartadas, coma a Gallaecia, por ser estas de maior “incultura” que outras provincias hispanas, e algúns ven na súa morte un acto exemplarizante para reparar as condutas desviadas da doutrina oficial. Seguiremos atentos aos seus traballos e a documentación que se aporta que  é moita e moi interesante.

BIBLIOGRAFÍA

Piay Augusto, Diego. Arqueología y Cristianismo.Hispania Antiqua. Num 35. 2011.

Carmen Cardelle de Hartmann: “El Priscialismo tras Prisciliano” ¿un movimiento Galaico?”Habis nª 29. 1998.

Pérez Prieto, Vitorino:Prisciliano na Cultura Galega. Un símbolo  necesario.Galaxía  2010.

Ropero Alfonso, Th. M.,  Ph. D.:Mártires y perseguidores. Historia general de las persecuciones (Siglos I-X)2010.

Escrito por

Divulgador

Pode que che interese...