Muralla romana de Lugo / senmais.com

Propoñen cambiar o adoquinado que rodea a Muralla de Lugo por pavimento descontaminante

“A Muralla é o símbolo identitario da cidade pero arrastra unha eiva que a afasta de ser o monumento de todas e de todos. O anel adoquinado que a rodea supón un verdadeiro revulsivo para a accesibilidade, outra das facetas que singularizan á capital”. Deste xeito, o grupo municipal Lugonovo pide o cambio destes adoquíns por un pavimento descontaminante, accesible, di, a persoas con mobilidade reducida.

Eliminar este tipo de firme é unha demanda social moi presente. Dende Lugonovo consideramos que ningún outro elemento do concello precisa ser tan universal coma ela e, por iso, propoñémoslle ao goberno unha solución integradora pero tamén sostible, que seguro axudará a multiplicar a súa sona”, expón o concelleiro Iñaki García.

Iñaki García, concelleiro de Lugonovo no adoquinado que rodea a Muralla de Lugo

Iñaki García, concelleiro de Lugonovo no adoquinado que rodea a Muralla de Lugo

Así, destaca que o pavimento anticontaminante está realizado con pezas de formigón prefabricado de elevada resistencia, altamente ecolóxicos xa que na súa composición incorpórase ata un 30% de material reciclado procedente do sector industrial e da construción. “Ademais non só cumpren unha función arquitectónica e estética senón que contribúen activamente á eliminación de contaminantes á atmosfera. Como exemplo, basta dicir que só as lousas que collen nun campo de fútbol serían suficientes para combater a carga nociva de 4000 coches ao ano”, indica.

O produto baséase nunha tecnoloxía similar á da fotosíntese das plantas, consistente nunha oxidación natural dos gases que pasan a ser elementos inocuos para a saúde. O espesor das plaquetas garantiza, asemade, a actividade descontaminante durante máis de 25 anos, sen ningún efecto adverso.

“A reutilización que esixe a súa elaboración supón unha importante diminución do consumo de recursos naturais mentres que as propiedades físicas non resultan alteradas. De feito, nos municipios onde xa se instalou como Cantabria, Guadalaxara ou Navarra, obsérvase que ofrece mellores prestacións mecánicas que os materiais tradicionais”, refire García Gómez nun comunicado.

Custe

En canto ao custo, o edil suliña que é só un 10% superior ao do pavimento común “o que o posiciona como unha opción factible e asumible para as arcas municipais”. “O desexable, sería incorporalo de forma progresiva aos distintos traxectos que compoñen o perímetro”, asegura.

“Cómpre recordar que a Ronda é un dos puntos de Lugo con maior concentración de circulación, polo que a nosa proposta vai encamiñada a protexer este espazo de malos fumes pero tamén a mellorar a calidade de vida da cidadanía para que, absolutamente todo o mundo, poida desfrutar dun aire limpo na Muralla e na súa contorna”, conclúe.

Se atopou algún erro nesta noticia, por favor avísenos seleccionando o texto ou palabra en cuestión e presionando Ctrl+Entrar.

Informe de erros

O seguinte texto será enviado aos nosos editores: