Obras no Cuartel de San Fernando de Lugo / Íñigo Mouzo

Un dos símbolos militares de Lugo; de centro de El Corte Inglés a frustrado Museo da Romanización

Íñigo Mouzo, licenciado en Historia da Arte

Nas últimas semanas un tema estase a converter indubidablemente no centro das discusións urbanísticas e patrimoniais na cidade de Lugo: o abandono do vello cuartel de San Fernando e os posibles usos que este edificio podería ter para cidade. Isto sucede dende que a comezos do mes de outubro, despois de moitos anos de demora, comezaran as obras para a súa consolidación, e con elas volvesen saír á luz os persistentes problemas dun monumento que leva abandonado polas administracións públicas máis dunha década.

E é que o cuartel de San Fernando, ó carón da muralla e ó pé da porta do mesmo nome, supuxo dende o seu abandono militar unha excepcional oportunidade, para o posible desenvolvemento urbano, tanto polo seu pasado histórico como pola súa excepcional ubicación. Para el se proxectaron funcións como solar, auditorio, centro cultural ou Museo da Romanización de Galicia, todas elas sabéndose da súa importancia como posible peza clave no proceso de humanización desta cidade e da rehabilitación do conxunto urbano patrimonial.

Pero ningunha delas chegou a bo fin, e o cuartel foi convertido por moito tempo nun arma arroxadiza entre diferentes administracións e de distintas cores políticas, agudizando co paso do tempo o seu deterioro. As paralizacións, por parte da Xunta, dos proxectos impulsados polo Concello, ameaza con converter o edificio nunha ruíńa.

Unha petición do 1749

A historia do edificio iníciase en 1749 cando o consistorio lucense solicita a coroa de Fernando VI a construción dun cuartel na cidade co obxectivo de liberar ós veciños da tediosa obriga de aloxar as tropas que dende Castela accedían a Galicia no seu camiño cara os portos da Coruña e Ferrol. Poucos anos despois, en 1758, xa se tería decidido o lugar da construción no seu emprazamento actual, onde xa se atopaba o hospital de San Bartolomé, pero non será ata 1779 cando, xa no reinado de Carlos III, se desenvolva o proxecto e se comece a súa  construción. O obxectivo será erguer un inmoble destinado a aloxar catro compañías de inhábiles do exército e un batallón de infantería, algo semellante a uns 1240 homes. O encargo se lle confiará o enxeñeiro militar Bartolomé Amphoux, mentres da supervisión do proxecto se ocuparía o arquitecto maior Francisco Sabatini.

O Cuartel de San Fernando de Lugo leva anos en estado de abandono / Íñigo Mouzo

A arquitectura se desenrola en dúas zonas independentes, tamén con accesos separados, correspondentes a un dobre patio separado por unha galería central. Ó seu redor distribuíanse, pavillóns de enfermos, tropas, enfermerías, botica, vestíbulo, cadras, cociña, despensa e cárcere, estrutura que, a súa vez, se duplicaría en altura. A articulación dos patios faríase con sinxelas arquerías de medio punto, que se repetirían a escala menor no interior dos pavillóns como elemento estrutural que permite soster os forxados. O edificio, moi ó gusto da arquitectura militar da época neoclásica, estaría configurado no exterior por catro fachadas especialmente sobrias que se articulan a intervalos regulares con fiestras, panos e sólidas liñas de imposta, creando un edificio caracterizado pola coa ortogonalidade, a sobriedade e sinxeleza pero dunha alta eficiencia, similar a outras construcións militares de primeiro orde de cidades coma Coruña ou Ferrol.

Durante máis de dous séculos o edificio permanecería como o principal cuartel da cidade de Lugo sendo testemuña de moitos dos episodios máis importantes da urbe, dende a conquista napoleónica ata o golpe militar de 1936. Neste tempo algunha das funcións orixinais do edificio perderíanse e, con elas, a galería central que dividía os dous patios unificados nun só. Pese a isto, o estado no que se atopaba o cuartel na chegada ó século XXI sería excepcional, quedando rexistrado no proxecto para a declaración de Ben de Interese Cultural do ano 2009. Nel, ademais de relatar a historia do inmoble, se fala da conservación dos abovedamentos orixinais, así como os cuartos de tropas, que, constituirían as dependencias de maior orixinalidade, conservadas sen  modificacións significativas. Segundo este, conservaría tamén a tabiquería orixinal, portas e arquerías en inmellorables condicións, o leñeiro e o faiado do edificio e, sen aparentes cambios, as armaduras de madeira que o cubrían conservadas de xeito excepcional.

Os proxectos

Pero xa nesta data o cuartel atopábase sen uso e comezaría unha longa etapa na que a deixadez institucional levaría ó inmoble a un estado ben diferente do que se atopaba en 2009. A primeira intención para actualizar as funcións do edificio poderíamos buscala na época de Tomás Notario, alcalde de Lugo na década dos setenta, entre 1976 e 1977 e máis entre 1991 e 1995, momentos no que se perderon moitos edificios históricos da cidade. Notario chegou a suxerir que o mellor era poñer nel un Corte Inglés.

Pola contra, en  2005, durante o goberno xa de López Orozco, o Concello merca o edificio a Defensa, como parte da súa estratexia para humanizar a cidade e actualizar o seu centro monumental. O primeiro proxecto para intervir o inmoble foi proxectado nese mesmo ano polos arquitectos Marcos Parga e Idoia Otegui (PO2 Arquitectos) propoñéndose un soberbio edificio dedicado a Teatro Auditorio e Centro Cultural de Lugo ou TACC. Un moderno proxecto de formas plásticas e monumentais que habería de resolver varias das necesidades infraestruturais que nese momento precisaba a cidade, nun edificio con vocación de icona arquitectónica. Sen embargo o proxecto foi incompatible coa declaración de Patrimonio da Humanidade da muralla romana co que finalmente foi descartado.

En época do bipartito se buscará unha nova solución para o edificio, propoñéndose un novo uso como peza activa no proceso de rehabilitación e humanización da urbe, mais tamén para a Comunidade, o Museo da Romanización de Galicia. Así co acordo entre Concello e Xunta, se propón un proxecto para a posta en valor da cidade da romanización por excelencia en Galicia. Xa con Núñez Feijoo e Roberto Varela como conselleiro, no 2010, resólvese o concurso de ideas para o edificio, elixíndose os arquitectos madrileños Pedro Colón de Carbajal e Raquel Buj García, autores, entre outros, ó monumento ás víctimas do 11M de Madrid, e que levaría por título Perseo. Sería un proxecto sobrio e respectuoso, que tería o seu principal atractivo na comunicación coa rúa traseira aproveitando o desnivel. O edificio de 4250 m2 suporía un investimento duns 10 millóns de euros e situaríase no contexto da Rede de Museos Arqueolóxicos de Galicia, xunto co de Dombate, Campo Lameiro e San Cibrao de Las.

Unha das partes do Cuartel de San Fernando de Lugo / Íñigo Mouzo

Sen embargo foi nese mesmo momento no que se acabarían as intencións reais da propia Xunta de rehabilitar e poñer en valor e edificio, quedando, como outros moitos proxectos da cidade iniciados na época do bipartito, aparcado pola crise económica e polo propio desencontro entre administracións, a pesares de afirmacións como as do propio conselleiro de que “o proxecto de execución estará rematado a finais de ano e listo para licitar as obras o ano que ven”, esperando que “en dúas semanas Xunta e goberno local aproben todos os pasos administrativos” para poñer o proxecto en marcha. Sen embargo, sete anos despois, unha vez máis, o proxecto nin sequera contempla unha partida nos recén aprobados presupostos da Xunta.

Ante a situación, a primeira institución que denunciou o problema foi a asociación Abre la Muralla, quen no ano 2012 interpón unha primeira demanda ó Concello de Lugo polo abandono do cuartel e o perigo para quen transita polo lugar, síntoma do estado no que, tan só tres anos despois do informe da declaración de BIC, xa se atopaba o edificio. En consecuencia o Concello valou o lugar e retirou as lousas que ameazaban con caer, especialmente na zona das cabaleirizas. En outubro de 2013 Abre la Muralla presentou outra denuncia ante a fiscalía. Mentres en 2014 a Xunta continuaba afirmando que a rehabilitación do cuartel lle corresponde ó goberno local, e o Conselleiro de Cultura Xesús Vázquez afirmaba que “se está poñendo á cidadanía en contra da Xunta”. Ó  tempo, no mesmo ano de 2014, o Concello queixase de que a Xunta aínda non se fixera cargo da titularidade do inmoble tal e como prometera no seu momento, instándolle a cumprir o seu compromiso.

Por fin… Buscando solucións

Finalmente no ano 2015 e ante as eleccións locais e galegas a situación comeza a desenrocarse comezándose as conversacións dun convenio para salvar o edificio. Estas fraguará en xuño deste ano, no que finalmente se aproban as obras para o mantemento do cuartel, comezándose este mesmo mes de outubro. O goberno local encargalle a Evilusa, empresa local de solo, consolidar San Fernando. Para isto Xunta e Concello comparten o custe das obras a partes iguais, asumindo un orzamento de 181000 €, centradas en reparar a cuberta para que deixe de entrar a auga e en apuntalar os forxados. En 2015 xa se investiran 6000 € para a redacción do proxecto.

Sen embargo o obxectivo das obras é, literalmente, salvar o edificio, moi lonxe de convertelo, tal e como se propuxera, en Museo da Romanización. E é que segundo parece a actual situación do inmoble é crítica, e ben diferente da que os técnicos se atoparan en 2009. En 2016 os da empresa Evilusa detectan unha situación moi distinta da de aquel ano, xa que “a humidade apodreceu boa parte da madeira dos pisos e comeza a afectar a partes estruturais”, comezando a “ameazar seriamente a estabilidade do edificio“. Segundo recolle a prensa, os técnicos de Evilusa foron claros “chove dentro del coma fora”.

Situación na que se atopa o Cuartel de San Fernando de Lugo / Íñigo Mouzo

Sen embargo o comezo das obras, e os seus visibles efectos, coma o derrube das antigas cadras, puxo de novo sobre a luz o esquecemento dun verdadeiro proxecto para o inmoble, implicándose agora tamén a Deputación. Xunto coas obras celebráronse tamén unhas xornadas sobre Conservación e destino do Cuartel de San Fernando, no salón de actos da Deputación, na que se reivindicou a necesidade de intervir de forma definitiva nel, e no que interviñeron, Concello, Deputación e diversas asociación culturais que levan xa tempo loitando pola conservación do edificio, como Lugo Patrimonio (Abel Vilela), Formiñá (Xulio Xiz) ou Antiguos Alumnos de Ramón Falcón (Jesús Cao) xunto tamén a representantes de Abre la Muralla. Tamén se presentaron dúas reivindicacións formais, unha no pleno celebrado o 25 de outubro na Deputación e outra o 26 no Concello, mocións para esixirlle á Xunta “que se poña a traballar”.

As propostas de Ciudadanos e BNG

Para enlear máis o asunto  a comezos do mes de outubro Ciudadanos pide converter o cuartel en colexio co obxectivo de devolverlle a presenza pública ó lugar, mentres o pasado 11 de novembro o BNG pide un parque infantil na parte traseira, ó mesmo tempo que a peatonalización da rúa posterior, restrinxíndose o paso a non residentes. Este mesmo 30 de novembro a alcaldesa Lara Méndez volve enviar unha carta ó recén elixido Feijoo para remitirlle as reivindicacións históricas da cidade de Lugo, ó tempo que os parlamentarios socialistas da provincia visitaban as obras do propio edificio.

O certo é que a problemática deste edificio é moi parella a outros sectores da cidade condenados ó esquecemento, así como a un relativo fracaso do modelo cultural de cidade proposto na época de Orozco, no que diversas obras de gran envergadura quedaron finalmente sen a vida esperada, pola confrontación entre Xunta e Concello. Entre elas a rehabilitación do barrio da Tinería, verdadeiro casco histórico da cidade, paralizado polo IGUS, organismo dependente da Xunta, a rehabilitación da traza do Camiño Primitivo, hoxe tamén Patrimonio da Humanidade, a recuperación do entorno da muralla, que dista moito de rematarse interiormente e que está a sufrir os efectos dunha mediocre planificación urbana na súa rolda exterior, ou a completa posta en marcha da rede de museos da cidade, no que algún deles como o de San Roque segue sumido nun profundo abandono. 

 

FONTES: La Voz de Galicia, El Progreso, El Correo Gallego, Decreto 359/2009 de 9 de julio, BOE 1 setembro de 2009, coaglugo.es,coagpontevedra.esurbipedia.orgiotegui.com  buj-colon.com

Se atopou algún erro nesta noticia, por favor avísenos seleccionando o texto ou palabra en cuestión e presionando Ctrl+Entrar.

Pode que che interese...

Informe de erros

O seguinte texto será enviado aos nosos editores: