fbpx
Debuxo da catedral de Santiago de Compostela no século XVII realizada por Vega y Verdugo / xcopedia.com

Unha visión ao Santiago arcebispal da época dos Austria

Tempo de lectura: 2 min.

A USC e o Consorcio de Santiago acaban de presentar a reprodución facsimilar das ‘Memorias del Arzobispado de Santiago’, elaborados entre 1603 e 1620, e que recollen unha descrición detallada da organización da diocese compostelá naquela época.

As ‘Memorias del Arzobispado de Santiago’ rexistran nos cincocentos corenta e cinco folios orixinais a “descrición puntillosa da organización da diocese compostelá”, incluíndo visitas á práctica totalidade da súas fortalezas, hospitais e parroquias, “a impagable descrición das súas vilas e cidades, xunto cunha historia sucinta do Apóstolo Santiago”.

Estas “memorias” foron confeccionadas entre 1603 e 1620 polo canónigo cardeal Jerónimo del Hoyo na visita pastoral realizada en nome do arcebispo Maximiliano de Austria ao longo de tres décadas. Catrocentos anos despois este manuscrito recupera plena actualidade coa publicación dun volume de máis de mil páxinas coa reprodución facsimilar da obra de del Hoyo nunha edición elaborada pola USC e o Consorcio de Santiago coa colaboración do Arquivo Histórico Diocesano de Santiago de Compostela na imprenta universitaria.

Presentación do facsimilar de ‘Memorias del Arzobispado de Santiago, de Jerónimo del Hoyo’ / Concello de Santiago

Esta co edición da USC e o Consorcio de Santiago inscríbese no marco dun convenio asinado en 1993 e ao abeiro do que xa se editaron un abano de títulos con temáticas que abarcan dende a realidade xacobea á historia medieval, moderna e contemporánea de Santiago, pasando polo urbanismo, a arquitectura, a arte ou a historia de cátedras universitarias.

Unha gran ferramenta documental da Época Moderna

O novo volume presentouse este mércores 21 nun acto público no Salón Reitoral do Colexio de San Xerome que presidiu o reitor Juan Viaño, xunto co alcalde de Santiago e presidente do Consorcio compostelá, Martiño Noriega; a xerenta do Consorcio, Belén Hernández Lafuente; o director do Arquivo Diocesano, Salvador Domato Búa; e o autor da introdución desta reprodución, Simón Vicente López. Na mesa presidencial tamén estiveron presentes, os directores dos servizos de Publicacións do Consorcio e da USC, Juan Conde Roa e Juan Blanco Valdés, respectivamente.

Na súa intervención, Viaño destacou que “o valor da paciente, minuciosa e esmerada relación manuscrita de don Jerónimo reside no extraordinario valor descritivo de todas as freguesías que recolle, puntualmente organizadas polos seus arciprestados, unha achega documental da Galicia do primeiro cuarto do século XVII”. Abundando na súa importancia como fonte de investigación histórica, Viaño cualificou este novo volume como unha “imprescindible” ferramenta documental para o coñecemento da Idade Moderna en Galicia.

Pode que che interese...