fbpx
Mámoa do Alto do Marco, no monte Salgueirón, entre Mos e Ponteareas, afectada por unha pista/ ponteareashistoriaviva.blogspot.com

A Valedora do Pobo investigará aos concellos de Mos e Ponteareas pola desprotección dunha mámoa

Tempo de lectura: 2 min.

Varios colectivos dos concellos de Mos e Ponteareas presentaron hai uns días unha queixa ante a Valedora do Pobo logo da inacción das administracións dos Concellos de Mos e Ponteareas para pór en valor, protexer e difundir a Mámoa do Alto do Marco, no monte que separa aos dous concellos.

A institución estudará esta queixa presentada pola Asociación de Veciños de Ribadetea (Ponteareas), a Comunidade de Montes de Louredo (Mos), a Asociación Cultural Festa da Prehistoria (Mos), a Agrupación A Cividade (Louredo – Mos) e o Grupo Ecoloxista ADENCO. Estes grupos decidiron acudir á Dirección Xeral de Patrimonio e á Valedora ante os “inacción” dos concellos de Ponteareas e Mos.

O pasado ano 2015 xa tiveron unha xuntanza co Concello de Ponteareas para transmitirlle a súa preocupación sobre esta mámoa, situado no monte Salgueirón, entre este concello e o de Mos, lugar que se viu afectado hai dous anos por unha proba deportiva que abriu un camiño en pleno corazón do xacemento. Pola súa banda, o municipio de Mos nin tan sequera respostou ás repetidas solicitudes de reunión.

Ao non atopar a colaboración destes concellos decidiron acudir á Valedora e solicitarlle á Dirección Xeral de Patrimonio da Xunta a posta en valor do xacemento, con actuacións de sinalización e delimitación da mámoa. Pretenden evitar novos impactos, porque “o que non se coñece, non se protexe”. Ademais, esta mesma solicitude que foi remitida aos dous concellos no seu día, sen ningún tipo de resposta, volveu a presentarse a semana pasada.

Estado da mámoa do Alto do Marco, no Salgueirón, antes e despois de que unha pista lle pasara por riba / ponteareashistoriaviva.blogspot.com

Estado da mámoa do Alto do Marco, no Salgueirón, antes e despois de que unha pista lle pasara por riba / ponteareashistoriaviva.blogspot.com

Balizamento urxente do túmulo

Os colectivos asinates demandan primeiramente o balizamento urxente do perímetro do túmulo megalítico e a súa sinalización. Este sería o primeiro paso, din, mentres non se prepara un proxecto máis amplo de estudo e posta en valor do xacemento. “Non ten por qué ser inmediato”, suliñan pero consideran necesario para que a sociedade sexa consciente da importancia deste exemplo do patrimonio común dos dous concellos.

Se ben a mámoa está no concello de Ponteareas, a súa zona de protección entra nos límites mosenses, que é por onde se produce o acceso de vehículos a través dun cortalumes que fixo desaparecer outra mámoa nos anos 50/60.

Estes colectivos xa realizaron varias accións de protesta, entre elas, un roteiro reivindicativo o pasado outubro.

Pode que che interese...