fbpx
Salinas romanas do Areal musealizadas / xunta.gal

Vigo conserva un tesouro arqueolóxico único en todo o mundo

Tempo de lectura: 4 min.

O Centro Arqueolóxico do Areal, bautizado como Salinae, contén as salinas de evaporación solar máis antigas e, ademais, as únicas musealizadas de todo o mundo. Un patrimonio único do que pouco se sabe e que suliña a importancia que a industria do mar tivo na Galicia romana.

A carne de atún en salgadura, o garum, o licuamen ou a muria, produtos perdidos desde a época medieval, eran moi consumidos por toda a sociedade romana, como subministradores de sal e vitaminas. Hoxe a industria da salazón está en decadencia e case é produto gourmet. Pero en varias partes da costa galega esta industria era unha parte fundamental da economía galego-romana. En Vigo, en Bueu, ou no Grove hai bos exemplos disto.

Pero é a do Areal, de Vigo, a salina mellor conservada do mundo. Catalogada polos expertos como un xacemento arqueolóxico “único” pola súa antigüidade, xa que está datado entre os séculos I e III despois de Cristo, unha das súas características singulares reside en estar incardinado no corazón da cidade olívica e, por tanto, de moi fácil acceso para todos os interesados na historia de Galicia.

Convertido en museo, o xacemento deixa en evidencia a estrutura completa dunha salina romana, xa que se distingue perfectamente desde os depósitos da auga mariña ás cavidades profundas onde se acumulaba, ou as áreas de evaporación que eran de menor altura coa finalidade de que a auga se quentase e as zonas onde se conseguía a cristalización do sal.

Achádego

Recreación dunha salina romana / Salinae

Recreación dunha salina romana / Salinae

Todo comezou en xullo do 2006, cando se realizou o desmonte mecánico dos restos contemporáneos. Na escavación localizouse a salina do século I. Esta infraestrutura romana está composta por estanques de decantación e de cristalización, así como estruturas destinadas á almacenaxe do sal. Os estanques de decantación forman espazos rectangulares de once metros de lonxitude, oito de ancho e 80 centímetros de altura. É unha estrutura realizada con grandes pedras cravadas no chan, lixeiramente inclinadas cara ao exterior para axudar á impermeabilización das paredes.

Este importante xacemento impediu a realización dun aparcadoiro subterráneo na zona, así como a paralización durante algúns anos de distintas promocións inmobiliarias, algunhas das cales quedaron definitivamente descartadas a consecuencia da crise.

Este ben arqueolóxico de Vigo, polo seu excelente estado de conservación, permite entender o funcionamento dunha instalación salinera e como os romanos producían sal na superficie das cubetas.

A exposición ofrece, ademais, a posibilidade de descubrir o interesante mundo do sal, a súa historia, algúns dos sistemas empregados para a súa obtención e os diferentes usos que os romanos en Vigo deron a este importante produto.

Salinae forma parte, xunto ao xacemento de O Castro, o do Museo do Mar e a Vila Romana de Toralla, dun trazado arqueolóxico moi completo polas orixes de Vigo.

 

Salinae from Museo do Mar on Vimeo.

A importancia da industria conserveira e do sal

As Rías Baixas, en especial as de Vigo e Pontevedra, aglutinan nas últimas décadas importantes achados de instalacións industriais romanas dedicadas á obtención de sal e á produción de conservas de peixe para a exportación a longa distancia. As factorías romanas da rúa Marqués de Valladares ou da praza de Compostela, as salinas de Rosalía Castro, as da vila de Toralla, así como as instalacións radicadas na praia do Cocho, Sobreira, Nerga ou O Canexol, na illa de Ons, ademais das do Area de Vigo reforzan o papel “salineiro” das Rías Baixas na época romana e a súa vocación como produtoras de salgaduras de peixe no ámbito industrial, o que tamén marcará o devir desta rexión nos seguintes séculos.

“Gallaecia, unha zona afastada da área do Mare Nostrum, foi, non obstante, segundo confirman os estudos que se están a realizar desde hai 20 e 30 anos, unha provincia importantísima na explotación dos recursos do mar nos séculos de presenza romana”, explicou Darío Bernal, docente e investigador da Universidad de Cádiz e director de Ramppa, Red de Excelencia Atlántico-Mediterránea del Patrimonio Pesquero de la Antigüedad, que asegura que “estes estudos permitirán situar Galicia no lugar que lle corresponde na economía do mundo antigo”.

Bernal participou hai uns días no workshop internacional Xeografía da produción pesqueiro-conserveira na antigüidade entre o Atlántico e o Mediterráneo, que organiza xunto ao investigador da Universidade de Vigo Adolfo Fernández e o director de Estudios para las épocas antigua y medieval da Casa Velázquez en Madrid, Laurent Callegarin e que reuníu a pasada semana en Vigo e Bueu a expertas e expertos de España, Francia, Portugal e Marrocos no estudo da economía pesqueiro-conserveira na antigüidade.

Recreación dunha salina en época romana / proyectoloreto.com

Recreación dunha salina en época romana / proyectoloreto.com

Proxecto Galtfish

O estudo dunha importante parte do patrimonio antigo nas costas galegas, como é o da produción pesqueiro-conserveira na antigüidade, verase substancialmente reforzado co desenvolvemento do proxecto Galtfish, Salt and fish saltin in Ancient Gallecia. Looking for the origins of the Galician canned fish industry, liderado por Adolfo Fernández membro do grupo Geaat da Universidade de Vigo, recentemente incorporado ao Campus do Mar. Fernández destacou que as súa liña de traballo aborda un eixo de investigación ata o de agora ausente dentro do Campus do Mar: o estudo do patrimonio antigo nas costas galegas, con especial atención á costa das Rías Baixas.

O proxecto, cuxo proceso de documentación que xa está finalizado e no que as prospeccións comezarán en primavera de 2017, aborda diferentes aspectos do patrimonio arqueolóxico no ámbito costeiro, que non só se limitan ao estudo dos sitios produtivos, como salinas e fábricas de salgadura de peixe ou habitacionais, como castros, vilas ou vicus, senón que tamén aborda os modelos produtivos antigos, a exportación dos produtos ou ás técnicas da produción de conservas de peixe en época romana.

“Ademais, préstase especial atención ao estudio e avaliación dos riscos e ameazas que están a sufrir estes xacementos, ata o punto de que unha boa parte deles atópase en perigo de desaparición debido a fenómenos climatolóxicos e algúns pola acción humana incontrolada”, explicou Adolfo Fernández.

Esta liña de traballo, que xa existe noutros campus internacionais semellantes como CEI.MAR da Universidad de Cádiz, pon especial atención a todos aqueles xacementos dedicados á explotación “industrial” dos recursos mariños, precedentes da actual industria pesqueira e conserveira galega.

Pode que che interese...