Monte do Castro, en Ribadumia, / Deputación de Pontevedra

A web patrimoniogalego xa ten bens inventariados de todos os concellos galegos

PatrionioGalego xa chega a todos os concellos de Galicia e convértese na primeira gran web social en ter referencias patrimoniais de todo o país, con case 9.000 fichas rexistradas. Con todo, aínda hai algúns municipios nos que a catalogación está sendo moi lenta, xa que en 78 deles, das catro provincias galegas, hai menos de cinco monumentos rexistrados.

Nesta particular lista, os concellos peor situados son os de Neda, Vilariño de Conso, Moeche, Muras, Cerdido, A Mezquita, Vilar de Santos, Trabada, Toén, A Teixeira, Sarreaus, Ribeira de Piquín, Burela, Carballeda de Valdeorras, Pontedeva, A Pastoriza, Trasmirás, Castrelo de Miño, Padrenda e Rairiz da Veiga. En todos eles, só hai un elemento patrimonial catalogado.

A web patrimoniogalego.net xa chega a todos os concellos de Galicia

Pola contra, once concellos superan os cen bens catalogados, liderando esta categoría o de Pontevedra, con 321, e Vigo, con 269. Síguenlles Ponteareas ( 177), Muros (169), Cotobade-Cerdedo ( 149), Baños de Mogas ( 146), Santiago de Compostela ( 134), Oimbra ( 124), Vimianzo ( 123), Carnota (121), Monterrei e O Rosal (118, respectivamente), Tomiño (114), Ourense (110), Ames ( 105), Tui ( 104), Gondomar ( 103) e Paderne de Allariz ( 102).

O maior catálogo social en liña dos bens culturais galegos leva en funcionamento cinco anos co obxectivo de preservar o noso patrimonio cultural. Neste tempo rexistráronse case 9.000 bens patrimonias grazas a un cada vez máis nutrido grupo de catalogadores colaboradores.

Ao contrario do que ocorre cos inventarios oficias, patrimoniogalego.net permítelle á cidadanía poder involucrarse activamente a través dunha participación directa, o que permite que, por primeira vez, todos os concellos galegos teñan bens catalogados.

Participación cidadá

De feito, a participación cidadá é o motor de patrimoniogalego.net, e por iso, esta web anima a aquelas persoas interesadas a participar deste proxecto. Unha vez rexistrados como colaboradores, os participantes teñen á súa disposición impresos que facilitan o seu labor de catalogación. Neles figura o nome do ben patrimonial en cuestión, a súa tipoloxía, ubicación, datación, descrición, propiedade, estado de conservación e demais aspectos que poidan resultar de interese, como é o caso da tradición oral asociada. Posteriormente, a información poderá ser ampliada mediante os comentarios dos demais usuarios, xa sexan outros catalogadores ou os propios editores da web.

Se atopou algún erro nesta noticia, por favor avísenos seleccionando o texto ou palabra en cuestión e presionando Ctrl+Entrar.

Pode que che interese...

Informe de erros

O seguinte texto será enviado aos nosos editores: