fbpx
Carballeira de Conxo na que tivo lugar o banquete entre estudantes e obreiros en 1856

1856, o banquete de obreiros e estudantes que cambiou a historia de Galicia

Tempo de lectura: 4 min.

O 2 de marzo de 1856 tivo lugar no concello de Conxo, actualmente integrado en Santiago de Compostela un banquete histórico, polo seu simbolismo e polos seus participantes. Un banquete que marcou, ademais, o inicio dunha nova época e unha nova xeración, a do Rexurdimento galego, e a confirmación de que o vello Réxime tocaba ao seu fin.

Esa tarde de finais de inverno, xuntáronse en Conxo estudantes liberais e integrantes da clase traballadora en homenaxe ao “terceiro estado”. Unha irmandade que non foi ben vista polos poderes fácticos da cidade que, pouco despois, comezarían a súa particular persecución dos principais impulsores dese acto político.

O comida de confraternización foi organizada, entre outros, por Luís Rodríguez Seoane, e a el asistiron personalidades da talla de Aurelio Aguirre ou Eduardo Pondal. Hoxe, ese acto de rebelión cívica e está tan presente na memoria colectiva que estes feitos acaban de ser lembrados nun novo libro editado polo Consorcio de Santiago e Alvarellos Editoria; ‘Os últimos carballos do Banquete de Conxo’.

Este libro publícase 160 anos e medio despois da celebración do histórico Banquete de Conxo nunha carballeira ao pé do río Sar. A publicación ofrece un paseo -con sesenta imaxes actuais e históricas, debuxos e planos- polas voces e os nomes que alimentaron este espazo mítico. “Neste terreo, localizado nas marxes do río Sar, resiste unha fraga onde se erguen, posiblemente, os últimos carballos centenarios do Banquete de Conxo, testemuñas vivas de acontecementos únicos na historia de Galicia”, destacan os autores.

A desaparecida gruta da fonte da virxe, en Conxo

Anacos esquencidos

“Quixemos escribir algo novo -ou diferente, quizais, para a maioría- sobre Conxo e o seu Banquete democrático celebrado na carballeira deste barrio compostelán, que foi Concello durante case un século, dende 1936 ata 1925”, sinala Henrique Alvarellos. Varios historiadores teñen estudado o seu significado e contexto históricos. Agora faise un percorrido a xeito de crónica por algúns anacos esquecidos deste acontecemento e do lugar que o acolleu, un souto que xa versou no século XIII o trobador Joam Airas.

A publicación recolle catro crónicas de catro autores. O xornalista e editor Henrique Alvarellos, coordinador da edición, fai un percorrido no tempo e na memoria. Primeiro, con Federico García Lorca, que, nunha viaxe de estudos a Compostela en 1916, cando tiña 18 anos, visitou xunto aos seus compañeiros o mosteiro de Conxo, atraídos probablemente pola beleza e singularidade do seu claustro románico. O periplo continúa cos exiliados e emigrados galegos a América nos anos máis escuros; en 1956 reuníronse 1.500 persoas en Bos Aires en memoria do Banquete de Conxo. O xornalista aborda tamén unha carta de Ramón Cabanillas e Enrique Peinador na que se fai referencia ao Banquete. A viaxe segue no bosque, a través da palabra do poeta Aurelio Aguirre, un dos protagonistas daquel xantar, e a voz fundacional de Antonio Neira de Mosquera. E remata coa paixón por Conxo de Rosalía de Castro, lugar onde naceu e ao que tan unida estivo sempre, tal como se reflicte na súa obra; mesmo chegou a denunciar en 1882 a tala masiva de carballos neste bosque.

O poeta Aurelio Aguirre

A explicación do contexto político e cultural do Banquete achégaa o investigador Xurxo Martínez, filólogo e especialista no Rexurdimento. As orixes do Mosteiro de Conxo -en cuxa finca desamortizada se celebrou o acto-, a súa fonda vinculación co fenómeno xacobeo e a descrición dos seus valores artísticos e arquitectónicos corresponde ao historiador Francisco Singul. E a publicación conclúe cun estudo botánico do bosque, realizado polo biólogo Martín Souto, que coas súas descricións e tamén coas súas ilustracións permítenos facer un percorrido polo bosque de ribeira ao pé do río Sar, a través das súas árbores máis antigas -que mediu e datou- e a súa flora máis singular.

É a primeira vez que unha publicación aborda de maneira monográfica a historia do célebre Banquete de Conxo. “Este volume ten tripla vocación de guía, de descuberta e de reparación dun dos espazos que deberían merecer ser declarado Ben de Interese Cultural de Galicia”, sinala Alvarellos, que fai referencia a “os últimos carballos de Conxo como metáfora da re(existencia)”.

O terceiro brinde apareceu en decembro na Biblioteca Nacional de España

En decembro do pasado ano aparecía na Biblioteca Nacional de España un documento histórico que se cría perdido ou mesmo inexistente: o “Brindis” que Luís Rodríguez Seoane (daquela estudante de Medicina) pronunciara no histórico Banquete e que tamén se recolle no libro como unha separata. Trátase do terceiro brinde pronunciado baixo a carballeira de Conxo; xunto aos dos outros dous organizadores do evento, os poetas Aurelio Aguirre e Eduardo Pondal.

O brinde de Rodríguez Seoane está escrito en castelán, impreso como unha folla voandeira, saída do prelo do compostelán Manuel Otero, un formato destinado para a súa difusión, de man en man, pola cidade.

O alcalde de Santiago e presidente do Consorcio da cidade, Martiño Noriega, presentou esta publicación na Fundación Torrente Ballester. Ao acto asistiron, ademais dos autores, a xerente do Consorcio, Belén Hernández; o responsable de Publicacións do organismo interadministrativo, Juan Conde; e o director da editorial Alvarellos, Henrique Alvarellos.

Pode que che interese...