Réplica da Carabela La Pinta, a primeira en chegar a territorio europeo logo da descuberta de America / baiona.org

Baiona ten xa dous museos relacionados coa navegación

Tempo de lectura: 2 min.

O Consello da Xunta deu este xoves luz verde ao recoñecemento, autorización e cualificación da Casa da Navegación en Baiona como colección visitable. A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria elevou a proposta ao Consello da Xunta logo da solicitude realizada polo Concello, que é a entidade titular e responsable deste espazo. O departamento de Cultura da Xunta elaborou a dita proposta logo de obter informe favorable da Dirección Xeral do Patrimonio e achegar un informe externo da Dirección do Museo de Pontevedra.

Deste xeito contribúese a fortalecer a oferta turística e cultural local tendo en conta, ademais, que o proxecto deste centro prevé a vinculación co Museo da Carabela Pinta, co obxectivo de formar un complexo museístico de xestión compartida integrado na oferta turística do Concello. “Cómpre sinalar, ademais, a proxección deste centro no contorno sociocultural a través de 2 espazos que ofrece á cidadanía: o salón de actos e o xardín exterior, onde se realizan actividades socioculturais de divulgación da colección e do ámbito temático da Casa”, apunta Cultura nun comunicado.

Historia de porto e vila Historia de porto e vila

A Casa da Navegación é un centro museístico de titularidade municipal que xira arredor de dous eixes básicos: a historia da vila e a do porto de Baiona no contexto da navegación atlántica (s. XVI –XVIII), cunha especial atención á divulgación dos materiais arqueolóxicos procedentes das escavacións realizadas no porto. Desde este punto, o centro afonda no papel de Baiona na historia da navegación, resaltando as relación comerciais con Europa e América, así como o papel do porto na evolución e conformación urbanística da vila.

Canóns conservados na Casa da Navegación de Baiona / valminor.net

De forma complementaria, e de cara ao exterior, proxéctase como un foro de participación aberto tanto a colectivos e asociacións como a institucións e grupos de investigación relacionados co seu ámbito temático.

Nos últimos tempos o centro ten redefinido o seu guión museográfico orixinal para acadar mensaxes que comuniquen mellor ao público, organizar dun xeito máis sinxelo o discurso e mellorar a propia accesibilidade da Casa e da mostra. Así mesmo, avanzouse na conservación e no tratamento de certas pezas da colección, ademais de introducir outras novas procedentes da devandita investigación arqueolóxica. As melloras realizadas valéronlle, finalmente, o visto bo e prace ao expediente de recoñecemento como colección visitable.

Colección visitable

A Lei 5/2016 do Patrimonio Cultural de Galicia establece, no seu artigo 112, que se considera “colección visitable” aquela que non reúna todas as características e condicións necesarias para o seu recoñecemento como museo, sempre que as súas persoas titulares faciliten, mediante un horario accesible e regular, a visita pública e o acceso do persoal investigador. Así mesmo, os seus fondos gozarán das atencións básicas que garantan a súa custodia e conservación.

A partir da entrada en vigor da Lei 8/1995, do patrimonio cultural de Galicia, ata o de agora, e sen contabilizar esta aprobada hoxe, son 20 os museos, coleccións ou centros catalogados como “colección visitable” en Galicia (2 museos e 18 coleccións visitables).

Se atopou algún erro nesta noticia, por favor avísenos seleccionando o texto ou palabra en cuestión e presionando Ctrl+Entrar.

Pode que che interese...

Informe de erros

O seguinte texto será enviado aos nosos editores: