fbpx

Canto lle custa á Xunta protexer os petróglifos galegos

Tempo de lectura: 3 min.

Canto inviste a Consellería de Cultura no coidado dos rico e variado patrimonio que supoñen os petróglifos galegos?. Por que protexe uns e non outros?. Que é o que prioriza nos seus orzamentos anuais?. Cal é a galiña dos ovos de ouro?. Estas foron algunhas das cuestións que quixeron coñecer varias asociacións de defensa do patrimonio que, tras a desfeita dunha inscultura próxima ao Parque Arqueolóxico de Arte Rupestre de Campolameiro (PAAR), presentaron unha denuncia en Patrimonio.

A resposta deixounos tan abraiados que xa estudan denunciar ao Goberno galego ante organismos internacionais por “desprotección” do patrimonio cultural. Así, da contestación da Consellería de Cultura sobre investimentos en petróglifos queda en evidencia que esta inviste no PAAR, nun só exercicio económico, unha cantidade de 177.448,63 euros. Esta cantidade representa o 67,4 % de todo o orzamento gastado en coidado dos 2.573 xacementos con petróglifos durante 4 anos (85.903,97 euros).

Destas cifras dedúcese que a Xunta asigna para coidado e vixilancia a cantidade de 33,38 euros a cada ficha de petróglifos –que pode incluír varias laxes ou estacións con gravados– no período de 4 anos o que suporía adicar a cantidade de 8,34 euros ó ano por ficha de petróglifos.

Agresións á estación de petróglifos Chan do Carbón 3, preto do Parque da arte rupestre de Campo Lameiro / Irmandade Illa de Tambo

A maior parte dos 177.000 euros destinados ao Parque Arqueolóxico de Campo Lameiro foi para a reparación da “desfeita provocada polo incumprimento do contrato por parte da empresa Espiral Xestión Cultural S.L.”, segundo denuncian varias entidades culturais.

“É dicir, un PAAR que supuxo un custo inicial duns 10 millóns de euros non cumpre ningunha función de coidado e preservación física nin tan sequera dos petróglifos do seu recinto (danando no ano 2014 o petróglifo da Forneiriña) e absorbe nun só exercicio económico unha cantidade equivalente ó 67,4 % de todo o orzamento da Consellería de Cultura para o coidado de todos os petróglifos galegos durante un cuatrienio”, denuncian.

Denuncia ante organismos internacionais

Por iso, e ante o que consideran unha “situación de indefensión e vulneracion do dereito ó patrimonio cultural”, a asociación Irmandade Illa de Tambo, o colectivo A Forneiriña e outras entidades e colectivos anuncian que demandarán a intervención da Administración do Estado por incumprimento das competencias transferidas polo Estado á Xunta de Galicia en materia de protección do patrimonio arqueolóxico.

Tamén apuntan que denunciarán perante organismos internacionais “o incumprimento dos convenios en materia de protección do patrimonio, a indefensión e as ameazas para a supervivencia do patrimonio arqueolóxico galego”. Ademais, din, demandarán a intervención do Consello de Europa e dos organismos de control de fondos europeos para que aclaren o emprego de fondos europeos que, din, “en nada contribuíron na preservación do patrimonio”.

Pintada nos petróglifos dos Mouchos,en Rianxo / LVG

Agresión ao petróglifo Chan do Carbón 3

Estas criticas baséanse na resposta que a Consellería de Cultura enviou con data 16/01/2017, cun informe de contestación ó escrito presentado polo colectivo pola defensa do patrimonio A FORNEIRIÑA con data 12/07/2016 denunciando a agresión ó petróglifo Chan do Carbón 3 situado no monte do lugar de Parada da parroquia de San Isidro do Montes en Campo Lameiro.

Na súa resposta, a Consellería de Cultura desvincula este petróglifo do Parque Arqueolóxico de Arte Rupestre de Campo Lameiro (PAAR) e, polo tanto, do coidado e vixilancia que este parque ten do entorno, xa que esta estación se atopa a tres quilómetros do parque.

Sen embargo, desde estas entidades culturais critican que non se protexa este ben do entorno do parque e si outros que están a 40 quilómetros, como, din, é o caso do proxecto de “” por importe de 5.731,77 euros con cistas procedentes de lugares tan lonxanos como é o caso da illa do Guidoiro Areoso.

Na súa resposta, a Consellería de Cultura anuncia, en todo caso, medidas de xeolocalización dos petróglifos e a elaboración dun protocolo para evitar novas agresións. “Isto supón que a Consellería de Cultura asumindo as competencias en materia de patrimonio no ano 1981 e pasados xa 35 anos, aínda non ten resolta a localización dos petróglifos nin o protocolo para actuacións que os poidan afectar”, critican as entidades.

Pode que che interese...