Tumba de Chané, no cemiterio de San Amaro, na Coruña / wikipedia

Chané, o músico emigrante que fixo arte coa guitarra

Este pasado mércores a música galega estivo de conmemoración. Esta data será para sempre recordada polo nacemento de José Castro González, máis coñecido como ‘Chané’, do que se cumpren 161 anos. O santiagués será sempre lembrado pola súa arte coa guitarra e a cítara, o que o levou, entre outros proxectos, a ser director do Orfeón coruñés ou da Coral Polifónica El Eco.

José Castro ‘Chané’ foi o terceiro membro da grande triada de músicos emblemáticos da Galicia exterior e interior, xunto a Juan Montes e Pascual Veiga. ‘Chané’ foi fundamental nos círculos ferrolanos e composteláns, e recordado como profesor de guitarra e director da orquestra de pulso e púa, compoñendo pezas propias. Sería tamén experto e mandolina e mandurria, ingresando na banda do Regimiento de Artillería de A Coruña, onde xunto a Bernardo Noriega completa a súa formación musical.

Co mestre Chané na casa de Francisco Tettamancy en 1912. De pé: Bernardino Álvarez, Robustiano Faginas, Francisco Tettamancy, Modesto Garrido e Florencio Vaamonde. Sentados: Bernardo Faginas, Alejandro Barreiro, Chané, Manuel Murguía e Uxío Carré Aldao. No chan: Emilio, fillo de Chané / Galipedia

Dirixiría orfeóns como o da Coruña ou El Eco, grupo de referencia obtendo recoñecementos en Barcelona, Madrid ou París. Marcharía á Habana no 1893, reclamado polo Centro Galego, onde se encargará do coro Ecos de Galicia. Alí sería secretario do propio Centro e da Sociedad Protectora de la Academia Gallega. Non conseguiría volver a Galicia, xa que finou na Habana o 27 de xaneiro de 1917. Os seus restos descansan na Coruña.

Conmemoración

O Ateneo de Santiago rememorará a unha das figuras musicais de Galicia para conmemorar o centenario da súa morte na Habana, que se producirá o próximo 27 de xaneiro. Para iso, a asociación ten preparado un concerto no Paraninfo da Facultade de Historia da USC para o luns 30 de xaneiro ás 20 horas.

Nese evento dedicado a Chané, no que participarán a mezzosoprano Iria Cuevas e o pianista Alejo Amoedo xunto ao coro do Ateneo, poderanse escoitar tres textos de Curros Enríquez musicados por Chané. Na cita soarán ‘Os teus ollos’, ‘Cantiga’ e ‘Un adiós á Mariquiña’. Tamén serán interpretadas tres pezas do compositor e instrumentista lucense Juan Montes baseadas en ‘Lonxe d’a terriña’ de Aureliano J. Pereira, ‘Doce sono’ e ‘Negra sombra’ de Rosalía de Castro.

Se atopou algún erro nesta noticia, por favor avísenos seleccionando o texto ou palabra en cuestión e presionando Ctrl+Entrar.

Pode que che interese...

Informe de erros

O seguinte texto será enviado aos nosos editores: